As boas noticias segundo Lucas 20:1-47

  • Cuestionan a autoridade de Xesús (1-8)

  • A comparación dos agricultores asasinos (9-19)

  • Deus e César (20-26)

  • Pregúntanlle sobre a resurrección (27-40)

  • É o Cristo fillo de David? (41-44)

  • “Coidado cos escribas” (45-47)

20  Un daqueles días nos que Xesús ensinaba á xente no templo e anunciaba as boas noticias, acercáronselle os sacerdotes principais e os escribas cos anciáns, 2  e preguntáronlle: “Dinos, con que autoridade fas estas cousas? Quen che deu esa autoridade?”. 3  El respondeulles: “Eu tamén vos vou facer unha pregunta. Dicídeme, 4  de onde viña a autoridade de Xoán para bautizar? Do ceo ou dos homes?”. 5  Entón empezaron a razoar entre eles e a dicir: “Se respondemos que viña do ceo, vai preguntar: ‘Por que non lle crestes?’. 6  Pero se dicimos que viña dos homes, todo o pobo sen excepción vainos matar a pedradas, porque están convencidos de que Xoán era un profeta”. 7  Así que responderon que non sabían de onde viña a autoridade que recibira Xoán. 8  E Xesús díxolles: “Pois eu tampouco vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas”. 9  Entón, púxolle esta comparación ó pobo: “Un home plantou unha viña, arrendoulla a uns agricultores e despois marchou ó estranxeiro durante bastante tempo. 10  Cando chegou o tempo da vendima, enviou un escravo onda os agricultores para que lle desen parte do que recolleran da viña. Pero os agricultores déronlle unha malleira e despois mandárono de volta sen nada. 11  O dono da viña volveu mandar outro escravo. Pero a el tamén lle pegaron, humillárono e mandárono de volta sen nada. 12  E aínda mandou un terceiro escravo. Pero a el tamén o feriron e botárono fóra. 13  Entón o dono da viña dixo: ‘Que podo facer? Vou mandar o meu fillo, ó que quero moito. Seguro que a el o van respectar’. 14  Cando os agricultores viron o fillo, dixéronse uns ós outros: ‘Este é o herdeiro. Ímolo matar para que o terreo* sexa noso’. 15  Así que, sacárono fóra da viña e matárono. Entón, que lles fará o dono da viña? 16  Virá, matará eses agricultores e daralles a viña a outros”. Cando a xente oíu isto, dixeron: “Que iso nunca pase!”. 17  Pero Xesús mirounos fixamente e dixo: “Entón, que significa isto que está escrito: ‘A pedra que os construtores rechazaron chegou a ser a pedra angular principal*’? 18  Calquera que caia sobre esta pedra quedará feito pedazos. E se esta pedra lle cae enriba a alguén, quedará desfeito”. 19  Os escribas e os sacerdotes principais intentaron collelo xusto nese momento, porque se deron conta de que puxera esa comparación pensando neles. Pero tíñanlle medo á xente. 20  Así que despois de vixiar de cerca a Xesús, contrataron uns homes en segredo e enviáronos para que se fixesen pasar por persoas xustas e poder acusalo por algo que dixese. A súa intención era entregalo ás autoridades e ó gobernador. 21  Eles preguntáronlle: “Mestre, sabemos que todo o que dis e ensinas é certo, e que non demostras favoritismo*, senón que ensinas a verdade acerca de Deus. 22  Está ben que lle paguemos o imposto a César ou non?”. 23  Pero el deuse conta da súa astucia e contestoulles: 24  “Ensinádeme un denario*. De quen é a imaxe e o nome que aparecen aquí?”. Eles responderon: “De César”. 25  Así que Xesús díxolles: “Pois asegurádevos de pagarlle a César o que é de César, pero a Deus o que é de Deus”. 26  Ó final, non foron capaces de acusalo por nada do que dixo diante do pobo. E estaban tan sorprendidos pola súa resposta que quedaron calados. 27  Pero viñeron algúns saduceos (que din que non hai resurrección) e preguntáronlle: 28  “Mestre, Moisés deixounos escrito: ‘Se un home casado morre sen ter fillos, o seu irmán debe casar coa viúva para darlle descendencia ó que morreu’. 29  Pois resulta que había sete irmáns. O primeiro casou, pero morreu sen ter fillos. 30  O segundo irmán 31  e o terceiro tamén casaron coa viúva, e o resto dos sete irmáns tamén fixeron o mesmo. Ó final, todos morreron sen ter fillos. 32  Despois, a muller tamén morreu. 33  Polo tanto, cando resuciten, cal deles vai ser o seu home? Porque os sete estiveron casados con ela”. 34  Xesús respondeulles: “Os fillos deste sistema* casan, 35  pero os que foron considerados dignos de ganar a vida no sistema que vén e a resurrección de entre os mortos non casan. 36  De feito, xa non poden morrer, porque son coma os anxos, e son fillos de Deus por ser fillos da resurrección. 37  Pero que os mortos son resucitados* xa o revelou Moisés no relato do arbusto, cando chamou a Xehová* ‘o Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob’. 38  El non é Deus de mortos, senón de vivos, porque para el* todos están vivos”. 39  Cando oíron isto, algúns escribas dixéronlle: “Mestre, respondiches ben”. 40  Porque xa non se atrevían a facerlle nin sequera unha pregunta máis. 41  Entón el preguntoulles: “Como é que din que o Cristo é fillo de David? 42  Porque no libro dos Salmos, o propio David di: ‘Xehová* díxolle ó meu Señor: “Séntate á miña dereita 43  ata que poña os teus inimigos como banco para os teus pés”’. 44  Así que David chámalle Señor. Entón, como pode ser o Cristo o seu fillo?”. 45  Despois, mentres todo o pobo escoitaba, Xesús díxolles ós seus discípulos: 46  “Coidado cos escribas ós que lles gusta andar por aí con túnicas longas, e ós que lles encanta que a xente os saúde nas prazas dos mercados e sentarse nos mellores asentos* nas sinagogas e nos sitios máis importantes nas ceas. 47  Róubanlles ás viúvas o que teñen* e fan oracións longas para presumir. Eles recibirán un xuízo máis duro”.

Notas ó pé

Lit. “a herdanza”.
Lit. “a cabeza do ángulo”.
Ou “parcialidade”.
Ou “desta era”. Ver glosario sistema.
Lit. “levantados”.
Ou “desde o seu punto de vista”.
Ou “nos asentos de diante”.
Lit. “as casas”.