As boas noticias segundo Lucas 23:1-56

  • Xesús ante Pilato e Herodes (1-25)

  • Executan en madeiros a Xesús e a dous delincuentes (26-43)

    • “Estarás comigo no Paraíso” (43)

  • A morte de Xesús (44-49)

  • O enterro de Xesús (50-56)

23  Entón toda a multitude, sen excepción, levantouse e levou a Xesús diante de Pilato. 2  E empezaron a acusalo dicindo: “Encontramos este home poñendo a xente en contra do goberno, prohibindo pagar impostos a César e dicindo que el mesmo é Cristo, un rei”. 3  Pilato preguntoulle: “Es ti o rei dos xudeus?”. E el contestoulle: “Si, ti mesmo o estás dicindo”. 4  Entón Pilato díxolles ós sacerdotes principais e ás multitudes: “Non vexo que este home cometese ningún delito”. 5  Pero eles insistían: “Anda revolucionando a xente por toda Xudea. Empezou en Galilea e chegou ata aquí”. 6  Ó escoitar isto, Pilato preguntou se aquel home era galileo. 7  Despois de confirmar que Xesús viña da zona que estaba baixo a xurisdición de Herodes, Pilato mandoullo a el, que tamén estaba en Xerusalén aqueles días. 8  Cando Herodes viu a Xesús, alegrouse moito. Había bastante tempo que quería velo, porque oíra falar moito del e esperaba velo facer algún milagre. 9  Así que empezou a facerlle moitísimas preguntas, pero el non lle contestou nada. 10  Por outro lado, os sacerdotes principais e os escribas levantábanse e acusábano cheos de rabia. 11  Entón Herodes e os seus soldados empezaron a tratalo con desprezo. Ademais, Herodes burlouse del poñéndolle unha roupa magnífica, e despois mandoullo de volta a Pilato. 12  Aínda que ata ese momento Herodes e Pilato foran inimigos, aquel mesmo día fixéronse amigos. 13  Despois Pilato reuniu os sacerdotes principais, os gobernantes e o pobo, 14  e díxolles: “Trouxéstesme este home dicindo que incita o pobo para que se rebele. Pero, mirade! Interrogueino diante de vós e non encontrei nada nel que demostre que é culpable do que o acusades. 15  De feito, Herodes tampouco encontrou nada, porque nolo mandou de volta. Xa vedes que este home non fixo nada polo que mereza morrer. 16  Así que, vouno castigar e despois deixareino libre”. 17  —* 18  Pero toda a multitude berrou: “Acaba con ese home e déixanos libre a Barrabás!”. 19  (A Barrabás metérano no cárcere por unha rebelión que houbera na cidade contra o goberno e por asasinato.) 20  Pilato volveu falar con eles porque quería deixar libre a Xesús. 21  Pero eles empezaron a pedir a berros: “Que morra no madeiro!* Que morra no madeiro!”. 22  Pilato faloulles por terceira vez e díxolles: “Pero, por que? Que mal fixo este home? Eu non encontrei nada nel polo que mereza morrer. Así que, vouno castigar e despois deixareino libre”. 23  Entón eles insistiron aínda máis e pediron a berros que o executasen no madeiro. Berraron tanto que Pilato acabou cedendo. 24  Así que decidiu que se fixese o que lle estaban pedindo. 25  Deixou libre o home que eles pedían, que estaba preso por rebelarse contra o goberno e por asasinato, e entregoulles a Xesús para que fixesen con el o que quixesen. 26  Mentres o sacaban de alí, colleron un tal Simón de Cirene que viña de fóra da cidade, e mandáronlle que fose detrás de Xesús e cargase co madeiro de tortura*. 27  A Xesús seguíao moita xente, e entre a xente había mulleres que se daban golpes no peito pola pena e choraban desconsoladamente por el. 28  Xesús xirouse cara a elas e díxolles: “Fillas de Xerusalén, deixade de chorar por min. Máis ben, chorade por vós mesmas e polos vosos fillos. 29  Porque, mirade! Veñen días nos que a xente dirá: ‘Felices as mulleres estériles, as matrices que non deron a luz e os peitos que non deron de mamar!’. 30  Entón diranlles ás montañas ‘Escondédenos!’ e ós outeiros ‘Tapádenos!’. 31  Se fan estas cousas cando a árbore está verde, que pasará cando estea seca?”. 32  Tamén levaban dous homes que eran delincuentes para executalos con el. 33  Cando chegaron ó lugar chamado Cranio*, cravárono no madeiro e puxérono no medio dos delincuentes. Un estaba á súa dereita e outro á súa esquerda. 34  Pero Xesús dicía: “Pai, perdóaos, porque non saben o que fan”. Ademais, sortearon a súa roupa para repartila entre eles. 35  A xente estaba alí mirando, pero os gobernantes facían xestos de desprezo e dicían: “A outros salvounos. Que se salve a si mesmo se é o Cristo de Deus, o Escollido”. 36  Incluso os soldados se burlaban del acercándose para ofrecerlle viño ácido 37  e dicíndolle: “Se es o rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo”. 38  Ademais, había un letreiro enriba del que dicía: “Este é o rei dos xudeus”. 39  Entón, un dos delincuentes que estaban alí colgados empezou a falarlle con desprezo. Dicíalle: “Ti es o Cristo, non? Pois sálvate a ti mesmo e sálvanos tamén a nós!”. 40  Cando o escoitou, o outro delincuente reprendeuno e díxolle: “Seica non lle tes ningún temor a Deus, agora que recibiches o mesmo castigo que este home? 41  No noso caso estannos castigando con razón, merecémolo polas cousas que fixemos. Pero este home non fixo nada malo”. 42  E despois dixo: “Xesús, acórdate de min cando entres no teu Reino”. 43  Entón, Xesús contestoulle: “Eu asegúroche hoxe: estarás comigo no Paraíso*”. 44  Aínda que xa eran arredor das 12 do mediodía*, toda aquela terra quedou en escuridade ata arredor das 3 da tarde*, 45  porque a luz do sol desapareceu. Entón, a cortina do templo* rachou pola metade. 46  E Xesús berrou con forza: “Pai, deixo o meu espírito nas túas mans!”. Despois de dicir isto, morreu*. 47  Ó ver o que pasara, o oficial do exército púxose a darlle gloria a Deus dicindo: “Este home de verdade era xusto”. 48  Cando tódalas multitudes que se xuntaran alí pola execución viron o que pasara, volveron para as súas casas lamentándose e dándose golpes no peito. 49  Tódolos coñecidos de Xesús estaban de pé a certa distancia. E as mulleres que o acompañaran desde Galilea tamén estaban alí vendo todo o que pasaba. 50  Resulta que había un home bo e xusto que se chamaba Xosé e que era membro do Consello*. 51  (Este home non votara a favor do complot nin apoiara o que fixeran.) Era de Arimatea, unha cidade de Xudea, e esperaba o Reino de Deus. 52  El presentouse diante de Pilato e pediulle o corpo de Xesús. 53  Baixou o corpo e envolveuno nunha tea de liño de boa calidade. Despois púxoo nunha tumba* que estaba escavada na roca, na que aínda non puxeran a ninguén. 54  Era o día da preparación*, e o sábado estaba a punto de empezar. 55  As mulleres que viñeran con Xesús desde Galilea tamén foron ata alí. Miraron a tumba* e viron como colocaran o corpo. 56  E despois marcharon para preparar especias aromáticas e aceites perfumados. Pero, por suposto, o sábado descansaron tal e como mandaba a Lei.

Notas ó pé

Ou “Ó madeiro con el!”.
Ver glosario madeiro de tortura.
Ou “Caveira”.
Lit. “da hora sexta”.
Lit. “a hora novena”.
É dicir, a cortina que separaba o Santo do Santísimo. Ver glosario cortina.
Ou “deu o seu último alento”.
Ou “Sanedrín”.
Ou “tumba conmemorativa”.
Ver glosario día da preparación.
Ou “tumba conmemorativa”.