As boas noticias segundo Lucas 5:1-39

  • Pesca milagrosa; os primeiros discípulos (1-11)

  • Xesús cura un leproso (12-16)

  • Cura un paralítico (17-26)

  • Invita a Leví a seguilo (27-32)

  • Pregúntanlle sobre o xaxún (33-39)

5  Nunha ocasión, Xesús estaba de pé á beira do lago de Xenesaret* e a multitude xuntouse arredor del para escoitar a palabra de Deus. 2  Xesús viu dúas barcas á beira do lago. Os pescadores baixaran delas e estaban limpando as redes. 3  El subiu a unha das barcas, que era de Simón, e pediulle que a apartase un pouco da beira. Entón sentouse e empezou a ensinarlles ás multitudes desde a barca. 4  Cando acabou de falar, díxolle a Simón: “Vai onde é máis fondo e botade alí as redes para pescar”. 5  Pero Simón respondeulle: “Mestre, traballamos toda a noite sen parar e non collemos nada. Pero porque ti o dis, baixarei as redes”. 6  E cando o fixeron, colleron tantos peixes que as redes empezaron a romper. 7  Entón fixéronlles xestos ós compañeiros da outra barca para que fosen a axudarlles. Eles foron e, entre todos, encheron de peixe as dúas barcas. Estaban tan cheas que empezaron a afundir. 8  Cando Simón Pedro viu isto, botouse ó chan diante de Xesús e díxolle: “Señor, apártate de min, porque son pecador”. 9  Porque el e os que estaban con el quedaran totalmente impresionados por todo o que pescaran. 10  E pasoulles o mesmo a Santiago e a Xoán, os fillos de Zebedeo, que eran socios de Simón. Pero Xesús díxolle a Simón: “Deixa de ter medo. A partir de agora serás pescador de homes*”. 11  Así que despois de levar as barcas á beira, deixárono todo e seguírono. 12  Noutra ocasión, estando Xesús nunha das cidades, resulta que había un home cheo de lepra. Cando viu a Xesús, botouse ó chan, baixou a cabeza e suplicoulle: “Señor, sei que se queres podes curarme*”. 13  Xesús estirou a man, tocouno e díxolle: “Si que quero. Queda limpo”. E a lepra desapareceu inmediatamente. 14  Entón, mandoulle ó home que non llo contase a ninguén. E díxolle: “Vai e preséntate diante do sacerdote, e fai unha ofrenda para a túa purificación, tal como mandou Moisés, para que os sacerdotes vexan que curaches*”. 15  Pero as noticias sobre Xesús estendéronse cada vez máis, e xuntábanse grandes multitudes para escoitalo e para que lles curase as súas enfermidades. 16  Xesús sacaba tempo a miúdo para ir a zonas apartadas a orar. 17  Un día, Xesús estaba ensinando nunha casa, e alí sentados había uns fariseos e uns mestres da Lei que viñeran de tódalas aldeas de Galilea, de Xudea e tamén de Xerusalén. Xehová* déralle poder a Xesús para curar os enfermos. 18  Entón, chegaron uns homes que levaban un paralítico nunha pequena cama portátil*. Intentaban metelo dentro da casa e poñelo diante de Xesús. 19  Pero como había tanta xente, non encontraban a maneira de entrar con el. Así que subiron á azotea e baixárono polo teito na cama portátil ata poñelo xusto no medio da xente, diante de Xesús. 20  Cando Xesús viu a fe que tiñan, díxolle ó paralítico: “Amigo, os teus pecados quédanche perdoados”. 21  Entón, os escribas e os fariseos empezaron a dicirse uns ós outros: “Quen é este que está blasfemando? Quen pode perdoar os pecados ademais de Deus?”. 22  Pero Xesús deuse conta do que pensaban e contestoulles: “Que estades razoando no voso corazón? 23  Que é máis fácil? Dicir ‘Os teus pecados quédanche perdoados’, ou dicir ‘Levántate e anda’, e que entón el se levante e camiñe? 24  Pois vouvos demostrar que o Fillo do Home* ten autoridade na terra para perdoar pecados”. Entón, díxolle ó paralítico: “Eu dígoche: levántate, colle a túa cama e vai para a túa casa”. 25  Inmediatamente, o home púxose de pé diante deles, colleu a cama na que estivera deitado e foi para a súa casa dándolle gloria a Deus. 26  E todos quedaron pasmados e tamén empezaron a darlle gloria a Deus. Estaban totalmente impresionados*, e dicían: “Que cousas tan marabillosas vimos hoxe!”. 27  Despois de todo isto, Xesús saíu de alí e viu un cobrador de impostos chamado Leví sentado na oficina onde se cobran os impostos, e díxolle: “Sígueme*”. 28  Leví levantouse, deixouno todo e seguiuno. 29  Despois, Leví organizou un gran banquete para recibir a Xesús na súa casa. Había moitos cobradores de impostos e outras persoas que estaban comendo* con eles. 30  Por iso os fariseos e os escribas empezaron a queixarse ós discípulos de Xesús e dixéronlles: “Por que comedes e bebedes cos cobradores de impostos e cos pecadores?”. 31  Xesús respondeulles: “Os que están sans non necesitan un médico, pero os enfermos si. 32  Non vin para chamar os xustos, senón os pecadores, para que se arrepintan”. 33  Eles dixéronlle: “Os discípulos de Xoán fan xaxún* a miúdo e tamén súplicas, e o mesmo fan os dos fariseos. Pero os teus comen e beben”. 34  Xesús contestoulles: “Vós non podedes facer que os amigos do noivo fagan xaxún mentres o noivo está con eles, non? 35  Pero chegarán os días nos que o noivo xa non estará con eles*, e eses días si que estarán tristes e farán xaxún”. 36  Tamén lles puxo esta comparación: “Ninguén corta un cacho dun manto novo para coserllo a unha peza de roupa vella. Se alguén o fixese, o remendo da tea nova rompería a vella e ademais as teas non combinarían. 37  Por outro lado, ninguén pon viño novo en odres vellos. Se alguén o fixese, o viño novo rebentaría os odres, derramaríase e os odres xa non servirían para nada. 38  Por iso, o viño novo debe poñerse en odres novos. 39  Despois de beber viño vello ninguén quere o novo, porque di: ‘O vello é bo’”.

Notas ó pé

^ É dicir, o mar de Galilea.
^ Ou “de persoas vivas”.
^ Lit. “limparme”.
^ Ou “para que lles sirva de testemuño ós sacerdotes”.
^ Ou “padiola”.
^ Ver glosario Fillo do Home.
^ Ou “cheos de temor”.
^ Ver Mt 4:20, nota.
^ Ou “reclinados á mesa”.
^ Lit. “nos que lles quitarán o noivo”.