As boas noticias segundo Lucas 16:1-31

  • A comparación do administrador inxusto (1-13)

    • “A persoa fiel en cousas pequenas tamén é fiel en cousas grandes” (10)

  • A Lei e o Reino de Deus (14-18)

  • A comparación do home rico e Lázaro (19-31)

16  Despois, Xesús tamén lles dixo ós seus discípulos: “Había un home rico que tiña un administrador* da casa ó que acusaron de malgastar os bens do seu amo. 2  Así que o home rico chamouno e díxolle: ‘Que é isto que andan dicindo de ti? Faime un informe coas contas de como administraches a miña casa, porque a partir de agora xa non te vas encargar dela’. 3  Entón o administrador pensou: ‘E que vou facer agora que o meu amo xa non vai deixar que me encargue da súa casa? Non teño forzas para cavar e dáme vergonza mendigar. 4  Ah! Xa sei o que vou facer para que a xente me acolla cando deixe de administrar a casa’. 5  Entón foi chamando un por un a tódolos que lle debían algo ó seu amo. E preguntoulle ó primeiro: ‘Canto lle debes ó meu amo?’. 6  El respondeulle: ‘Débolle 100 barrís pequenos* de aceite de oliva’. E o administrador díxolle: ‘Aquí tes o teu contrato. Rápido, séntate e escribe 50’. 7  Despois preguntoulle a outro: ‘E ti canto lle debes?’. El contestoulle: ‘Débolle 100 sacos grandes* de trigo’. E o administrador díxolle: ‘Aquí tes o teu contrato. Escribe 80’. 8  Entón o amo felicitou o administrador porque, aínda que era inxusto, actuou con astucia*. Dígovos isto porque os fillos deste sistema* son máis astutos ó tratar cos da súa propia xeración que os fillos da luz. 9  ”Tamén vos digo que usedes as riquezas deste mundo inxusto* para facervos amigos dos que, cando estas riquezas fallen, poden recibirvos nos lugares onde poderedes vivir para sempre. 10  A persoa fiel en cousas pequenas tamén é fiel en cousas grandes. E a persoa inxusta en cousas pequenas tamén é inxusta en cousas grandes. 11  Por iso, se non fostes fieis ó usar as riquezas deste mundo inxusto*, quen vos vai confiar as verdadeiras riquezas? 12  E se non fostes fieis ó usar as cousas doutro, quen vos vai dar algo para vós? 13  Ningún servo pode ser escravo de dous amos, porque vai amar a un e vai odiar* o outro, ou vaille ser leal a un e vai desprezar o outro. Non podedes ser escravos de Deus e das Riquezas ó mesmo tempo”. 14  Os fariseos, ós que lles gustaban moito os cartos, estaban escoitando todo isto e empezaron a facerlle xestos de desprezo. 15  Así que Xesús díxolles: “Vós sodes os que ides dicindo diante da xente que sodes xustos, pero Deus coñece os vosos corazóns. Porque o que é importante para a xente é noxento ós ollos de Deus. 16  ”A Lei e os Profetas anunciáronse ata o tempo de Xoán. Desde entón, anúncianse as boas noticias do Reino de Deus e todo tipo de persoas se esforzan moito por entrar nel. 17  De feito, é máis fácil que desaparezan o ceo e a terra e non que quede sen cumprir un só trazo dunha letra da Lei. 18  ”Se un home se divorcia* da súa muller e casa con outra, comete adulterio. E calquera que case cunha muller divorciada* do seu home comete adulterio. 19  ”Había un home rico que ía vestido con roupa de color púrpura e de liño, e levaba unha vida chea de praceres e de luxos. 20  Xunto á súa porta, moitas veces deixaban un mendigo que se chamaba Lázaro e que tiña o corpo cheo de úlceras. 21  Lázaro quería matar a fame co que caía da mesa do rico. Os cans incluso viñan e lambíanlle as úlceras. 22  Co tempo, o mendigo morreu e os anxos levárono ó lado* de Abrahán. ”O rico tamén morreu e enterrárono. 23  E na Tumba*, en medio de sufrimentos, o home rico levantou a mirada, e viu desde lonxe a Abrahán e a Lázaro ó seu lado*. 24  Entón chamouno e díxolle: ‘Abrahán, meu pai, ten misericordia de min e manda a Lázaro para que molle a punta do seu dedo en auga e refresque a miña lingua, porque estou sufrindo moito nas chamas deste lume’. 25  Pero Abrahán contestoulle: ‘Meu fillo, recorda que desfrutaches de moitas cousas boas na túa vida, pero Lázaro sufriu moito. Agora, aquí a el estano consolando pero ti estás sufrindo. 26  Ademais, púxose un abismo grande entre nós e vós, para que ninguén, aínda que queira, poida cruzar de aquí a onde estades vós nin de onde estades vós para o noso lado’. 27  O home rico díxolle: ‘Pai Abrahán, entón pídoche que o mandes á casa de meu pai, 28  porque teño cinco irmáns. Deixa que el os avise para que non acaben sufrindo aquí tamén’. 29  Pero Abrahán contestoulle: ‘Xa teñen a Moisés e os Profetas, que os escoiten a eles’. 30  Entón o home rico díxolle: ‘Non, pai Abrahán! Se alguén de entre os mortos vai onda eles, vanse arrepentir’. 31  E Abrahán contestoulle: ‘Se non escoitan a Moisés e os Profetas, tampouco se van convencer aínda que alguén se levante de entre os mortos’”.

Notas ó pé

Ou “mordomo”. Ver glosario mordomo.
Ou “batos”. Un bato equivalía a uns 22 litros. Ver apén. B14.
Ou “coros”. Cada saco de trigo equivalía a uns 170 kg. Ver apén. B14.
Ou “prudencia”. Lit. “sabedoría práctica”.
Ou “desta era”. Ver glosario sistema.
Ou “as riquezas inxustas”.
Ou “as riquezas inxustas”.
Ou “servir con menos dedicación”.
É dicir, quen se divorcia por algo que non sexa inmoralidade sexual.
É dicir, divorciada por algo que non sexa inmoralidade sexual.
Lit. “peito”. Refírese a unha posición especial de favor.
Ou “Hades”. É dicir, o lugar simbólico onde descansan os mortos. Ver glosario tumba.
Lit. “no seu peito”.