As boas noticias segundo Lucas 17:1-37

  • Non facer tropezar; o perdón; a fe (1-6)

  • “Somos escravos que non merecemos nada” (7-10)

  • Xesús cura 10 leprosos (11-19)

  • O Reino de Deus vén (20-37)

    • “O Reino de Deus está no medio de vós” (21)

    • “Acordádevos da muller de Lot” (32)

17  Entón, Xesús díxolles ós seus discípulos: “É inevitable que pasen cousas que fagan tropezar. Pero pobre de quen as provoque! 2  Seríalle mellor que lle colgasen ó pescozo unha pedra de muíño e que o tirasen ó mar a que fixese tropezar a unha desas persoas que son coma nenos*. 3  Estade atentos a vós mesmos. Se teu irmán peca, repréndeo. E se se arrepinte, perdóao. 4  Incluso se peca sete veces ó día contra ti e volve sete veces onda ti dicindo ‘Arrepíntome’, tes que perdoalo”. 5  Entón os apóstolos pedíronlle ó Señor: “Dános máis fe”. 6  E o Señor díxolles: “Se a vosa fe fose do tamaño dun gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira* ‘Arráncate de raíz e plántate no mar!’, e obedeceríavos. 7  ”Se algún de vós ten un escravo que está labrando ou coidando o rabaño, quen lle diría cando volvese do campo ‘Ven rápido á mesa para comer’? 8  En vez diso, non credes que lle diría ‘Prepárame algo para cear, pon un mandil e sírveme ata que eu acabe de comer e beber, e despois xa comerás e beberás ti’? 9  Verdade que non lle vai estar agradecido ó escravo por facer o que se lle mandou? 10  Da mesma maneira, cando fagades todo o que vos manden, dicide: ‘Somos escravos que non merecemos nada*. Só fixemos o que tiñamos que facer’”. 11  De camiño a Xerusalén, Xesús pasou entre Samaria e Galilea. 12  Cando estaba entrando nunha aldea vírono 10 leprosos, pero quedaron de pé a certa distancia. 13  E puxéronse a berrar: “Xesús, Mestre, ten compaixón* de nós!”. 14  Cando el os viu, díxolles: “Ide a presentarvos diante dos sacerdotes”. Entón, mentres ían de camiño, quedaron curados*. 15  Cando un deles viu que curara, volveu onda Xesús dándolle gloria a Deus en voz alta. 16  Botouse ó chan, ós pés del, baixou a cabeza e deulle as grazas. Este home era samaritano. 17  Ó ver isto, Xesús dixo: “Os 10 quedaron curados, non? Entón, onde están os outros 9? 18  E logo, non volveu ninguén máis para darlle gloria a Deus? Só volveu este home que é doutra nación?”. 19  E díxolle: “Levántate e vaite. A túa fe curoute”. 20  Os fariseos preguntáronlle cando ía vir o Reino de Deus, e el contestoulles: “O Reino de Deus non vai vir dunha maneira que se poida ver claramente. 21  A xente tampouco dirá ‘Mirade! Está aquí!’ ou ‘Está alá!’. Pois sabede que o Reino de Deus está no medio de vós”. 22  Entón díxolles ós seus discípulos: “Chegará o tempo no que quereredes ver un dos días nos que o Fillo do Home estea con vós, pero non veredes ese día. 23  E a xente diravos ‘Mirade! Está alá!’ ou ‘Mirade! Está aquí!’, pero non vaiades nin corrades detrás deles. 24  Porque o Fillo do Home no seu día será coma o lóstrego que resplandece desde unha parte do ceo ata a outra. 25  Pero antes ten que sufrir moito e ser rechazado por esta xeración. 26  Ademais, nos días do Fillo do Home pasará tal como pasou nos días de Noé: 27  a xente comía, bebía, casaba... ata o día no que Noé entrou na arca, e veu o Diluvio e destruíunos a todos. 28  Tamén pasará coma nos días de Lot: a xente comía, bebía, compraba, vendía, plantaba, construía... 29  Pero o día no que Lot saíu de Sodoma, choveu lume e xofre* do ceo e destruíunos a todos. 30  Así pasará tamén no día no que o Fillo do Home sexa revelado. 31  ”Ese día, quen estea na azotea da súa casa e teña cousas dentro, que non baixe a recollelas. Da mesma maneira, quen estea no campo, que non volva polas cousas que deixou atrás. 32  Acordádevos da muller de Lot. 33  Quen intente manter a salvo a súa vida vaina perder, pero quen a perda vaina conservar. 34  Dígovos que esa noite haberá dúas persoas nunha cama: a unha levarana, pero a outra quedará abandonada. 35  Haberá dúas mulleres que estarán moendo co mesmo muíño: a unha levarana, pero a outra quedará abandonada”. 36  —* 37  Entón preguntáronlle: “Onde vai pasar isto, Señor?”. E el contestoulles: “Onde estea o corpo, alí tamén se xuntarán as aguias”.

Notas ó pé

Lit. “un destes pequenos”.
Árbore que dá moras.
Ou “Somos escravos inútiles”.
Lit. “misericordia”.
Ou “limpos”.