As boas noticias segundo Lucas 18:1-43

  • A comparación da viúva insistente (1-8)

  • O fariseo e o cobrador de impostos (9-14)

  • Xesús e os nenos (15-17)

  • A pregunta dun gobernante rico (18-30)

  • Xesús volve a predicir a súa morte (31-34)

  • Un mendigo cego recupera a vista (35-43)

18  Despois, Xesús púxolles unha comparación sobre a necesidade de orar constantemente e de non renderse nunca. 2  Díxolles: “Nunha cidade había un xuíz que nin temía a Deus* nin respectaba a xente. 3  Naquela cidade tamén había unha viúva que ía a velo constantemente, e dicíalle: ‘Asegúrate de que se faga xustiza entre min e o que está na miña contra’. 4  Durante un tempo o xuíz non quixo axudarlle, pero despois pensou: ‘Non temo a Deus nin respecto a xente 5  pero, como esta viúva non deixa de molestarme, voume asegurar de que se lle faga xustiza para que deixe de vir e de facerme a vida imposible’”. 6  Entón o Señor dixo: “Fixástesvos no que dixo o xuíz aínda que era un home inxusto? 7  Pois, como non se vai encargar Deus de que se lles faga xustiza ós seus escollidos que lle suplican axuda día e noite, mentres el é paciente con eles? 8  Dígovos que el se encargará de que se lles faga xustiza rapidamente. Pero, cando chegue o Fillo do Home, realmente encontrará esa fe* na terra?”. 9  Tamén lles puxo a seguinte comparación a algúns que estaban convencidos de que eran xustos e que pensaban que os demais non valían nada: 10  “Dous homes subiron ó templo a orar: un era fariseo e o outro era cobrador de impostos. 11  O fariseo levantouse e púxose a orar en silencio. Dicía: ‘Meu Deus, douche as grazas porque non son coma tódolos demais, que extorsionan*, son inxustos, adúlteros... nin tampouco son coma este cobrador de impostos. 12  Eu fago xaxún* dúas veces á semana e dou a décima parte de todo o que gano’. 13  Pero o cobrador de impostos, que estaba de pé a certa distancia, nin sequera se atrevía a mirar para o ceo. Dábase golpes no peito e dicía: ‘Meu Deus, ten misericordia de min, que son pecador’. 14  Dígovos que este home baixou para a súa casa sendo máis xusto que o fariseo. Porque quen se pon por riba doutros será humillado, pero a quen é humilde poñerano por riba dos demais”. 15  Algúns tamén lle traían os seus nenos pequenos a Xesús para que puxese as mans sobre eles e os bendicise. Pero cando os discípulos viron isto, puxéronse a reprendelos. 16  Entón Xesús pediu que lle trouxesen os nenos pequenos e dixo: “Deixade que os nenos se acerquen a min. Non intentedes impedilo, porque o Reino de Deus é dos que son coma eles. 17  Asegúrovos que quen non acepte o Reino de Deus coma un neno nunca entrará nel”. 18  Un gobernante dos xudeus preguntoulle: “Bo Mestre, que teño que facer para herdar a vida eterna?”. 19  Xesús díxolle: “Por que me chamas bo? Non hai ninguén bo, só un: Deus. 20  Xa coñeces os mandamentos: non cometas adulterio, non asasines, non roubes, non deas falso testemuño, honra a teu pai e a túa nai”. 21  Entón o home díxolle: “Todos eses mandamentos xa os obedezo desde pequeno”. 22  Despois de escoitar isto, Xesús respondeulle: “Aínda che falta unha cousa: vende todo o que tes e reparte o que saques entre os pobres. Así, terás un tesouro nos ceos. Despois ven e faite o meu discípulo*”. 23  Cando escoitou isto, o home púxose moi triste, porque era moi rico. 24  Xesús mirouno e dixo: “Que difícil lles vai ser ós que teñen moitos cartos entrar no Reino de Deus! 25  De feito, é máis fácil para un camelo pasar polo burato* dunha agulla de coser que para un rico entrar no Reino de Deus”. 26  Os que escoitaron isto, preguntaron: “Entón, quen se poderá salvar?”. 27  El contestou: “As cousas que son imposibles para os humanos son posibles para Deus”. 28  Pero Pedro díxolle: “Mira que nós xa deixamos o que tiñamos e seguímoste”. 29  Así que Xesús respondeulles: “Asegúrovos que non hai ninguén que deixase casa, muller, irmáns, pais ou fillos polo Reino de Deus 30  que non reciba moito máis agora e, no sistema futuro*, vida eterna”. 31  Entón Xesús levou os Doce á parte e díxolles: “Escoitade. Estamos subindo a Xerusalén, e todo o que se escribiu por medio dos profetas sobre o Fillo do Home vaise cumprir*. 32  Por exemplo, entregarano a homes das nacións, burlaranse del, insultarano* e cuspiranlle. 33  E despois de darlle lategazos*, matarano, pero ó terceiro día resucitará*”. 34  Pero eles non entenderon o que significaba todo isto, porque se lles ocultara o significado destas palabras e non entendían o que se lles dixera. 35  Cando Xesús se estaba acercando a Xericó, había un home cego sentado á beira do camiño que estaba mendigando. 36  Ó escoitar que pasaba por alí moita xente, púxose a preguntar que estaba sucedendo. 37  E dixéronlle: “Xesús o Nazareno está pasando por aquí!”. 38  Entón berrou: “Xesús, Fillo de David, ten compaixón* de min!”. 39  Os que ían diante puxéronse a reprendelo e dicíanlle que calase, pero el berraba aínda máis forte: “Fillo de David, ten compaixón de min!”. 40  Entón, Xesús parou e mandou que lle trouxesen o home. Cando o home se acercou, Xesús preguntoulle: 41  “Que queres que faga por ti?”. E el contestoulle: “Señor, fai que poida volver a ver”. 42  Así que Xesús díxolle: “Recupera a vista, a túa fe curoute”. 43  O home recuperou a vista inmediatamente e empezou a seguilo dándolle gloria a Deus. Ó ver isto, todo o pobo tamén empezou a darlle honra a Deus.

Notas ó pé

Ver glosario temor de Deus.
Ou “esa clase de fe”. Lit. “a fe”.
Refírese a conseguir algo mediante a forza, a ameaza ou a coacción.
Ou “sígueme”.
Ou “ollo”.
Ou “na era futura”. Ver glosario sistema.
Ou “completar”.
Ou “maltratarano”.
Lit. “levantarase”.
Lit. “misericordia”.