“A TÚA PALABRA É A VERDADE”. AFONDA NO TEU ESTUDO DA BIBLIA

Libro bíblico 27 | Daniel

Galego
Libro bíblico 27 | Daniel
https://cms-imgp.jw-cdn.org/img/p/1102026527/univ/art/1102026527_univ_sqr_xl.jpg
gwt libro 27

LIBRO BÍBLICO 27

Daniel

Daniel

IDEA XERAL: Profecías que rexistrou Daniel e algunhas cousas que lle pasaron mentres vivía en Babilonia.

RELACIÓN CO TEMA PRINCIPAL DA BIBLIA: Revela cando chegaría o Mesías e cando comezaría a gobernar no ceo o Reino de Deus.

ESCRITOR: Daniel

ONDE SE ESCRIBIU: Babilonia

CANDO SE COMPLETOU: Arredor do 536 a. n. e.

PERÍODO QUE ABARCA: Do 618 a arredor do 536 a. n. e. (uns 82 anos)

Por que é importante

1. En que momento da historia escolleu Xehová a Daniel como profeta?

 XEHOVÁ nomeou profeta a Daniel nun momento crítico da historia. O rei que ocupaba o trono de Xehová en Xerusalén fora levado preso. A cidade e o templo que levaban o nome de Xehová estaban en ruínas, e o seu pobo, no desterro. Este momento tan transcendental foi o que escolleu Xehová para revelar detalles moi emocionantes sobre a súa soberanía, e encargoulle a Daniel que os puxese por escrito (2:20; 6:26).

Xehová preséntase coma alguén que revela os segredos, que rescata os seus servos, que os recompensa e como gobernante supremo.

2. a) Que detalles revela o libro de Daniel sobre o Reino de Deus? b) Que detalles revela sobre o Mesías?

  2 Neste libro, Xehová revelou moitos detalles sobre o seu goberno, un goberno que durará para sempre. Explicoulle a Daniel o que logrará o Reino de Deus, sobre quen gobernará, dende onde o fará e quen reinará nel (2:35, 44; 7:13, 14, 18). Tamén revelou cando aparecería o Mesías, cando sería asasinado e cando empezaría a gobernar no ceo. Nunha profecía, Xehová explicou que o Mesías chegaría e sería asasinado na parte final dun período de “70 semanas”. Despois diso, Xerusalén sería destruída (9:24-26; mira o  recadro 27-A). Máis tarde, Nehemías rexistrou o suceso que marcaría o inicio dese período (Neh 2:1, 5-8). Daniel tamén rexistrou unha profecía que afirmaba que o Mesías empezaría a gobernar ó final de “sete tempos” (4:16, 17; mira o  recadro 27-C). Anos máis tarde, cando Xesús estaba a falar do sinal da súa presenza como Rei, referiuse a este período como “os tempos fixados das nacións” (Lc 21:20-24; Mt 24:1-3, 15).

3. Que revela o libro de Daniel sobre os gobernos humanos?

3 Xehová tamén revela detalles sobre como xurdirían e caerían certos gobernos humanos. Os capítulos 2, 7, 8 e 10-12 narran feitos históricos antes de que acontecesen, e mostran a sucesión de potencias mundiais dende a antiga Babilonia ata o tempo do fin (12:4; nwt apén. B9). Xehová profetizou que estes gobernos non o respectarían, que perseguirían o seu pobo e que finalmente serían destruídos polo seu Reino (7:23-26). Ademais, as visións das bestas de Daniel axúdannos a entender que as bestas que aparecen no libro de Apocalipse representan potencias políticas (Dn 7:15-17; Ap 13:1, 2; 17:3).

4. Que aprendemos das cousas que viviu Daniel?

4 Xehová inspirou a Daniel a escribir algunhas das cousas que viviu para ensinarnos leccións moi valiosas. Por exemplo, podemos aprender o que significa ser íntegros cando lemos como Daniel e os seus compañeiros se negaron a desobedecer as leis de Deus (1:8; 3:16-18; 6:10). Podemos aprender a ser humildes ó ler como Daniel acudía a Xehová en oración para abrirlle o seu corazón e buscar a súa guía (2:19-23; 9:3-19). E podemos aprender a ter valor cando lemos que Daniel lles transmitiu ós reis as mensaxes de condena de Deus e que acabou no foso dos leóns por negarse a deixar de orarlle a Xehová (4:27; 5:22, 23; 6:6-10, 16, 17).

5. Que nos ensina Xehová sobre si mesmo no libro de Daniel?

5 No libro de Daniel, Xehová ensínanos aspectos fascinantes da súa personalidade e das súas cualidades. Preséntase como revelador de segredos ó compartir cos seus servos o que pasará no futuro (2:47). Tamén aprendemos que rescata os seus servos. No pasado salvou a algúns da morte e no futuro resucitará a tódolos que morreron fieis (6:27; 12:13). Ademais, ensínanos que recompensa ós que lle son leais axudándolles a entender o seu propósito e dándolles forzas para aguantar (1:17; 10:19). E o máis importante: demostra que está por riba de calquera outro gobernante. De feito, Daniel é o único que usa as expresións “Gobernante no reino da humanidade” e “Supremo” para describir a Xehová (4:17; 7:18). a

O que debes saber sobre este libro

6. Que sabemos sobre Daniel?

 6 Escritor: O seu escritor foi Daniel e o seu nome significa “o meu xuíz é Deus”. Era da tribo de Xudá e posiblemente pertencía á familia real. No 617 a. n. e., quizais sendo só un adolescente, foi levado a Babilonia (1:1-3, 6). Alí serviu no palacio do rei de Babilonia e, máis tarde, como oficial do goberno medopersa (1:4; 6:1, 2). Daniel chegou a ter unha sabedoría excepcional e unha reputación moi boa, tal como mencionou Ezequiel (Ez 14:14, 20; 28:3; Dn 1:17-20). Arredor do ano 606 a. n. e., Daniel empezou a servir como profeta (2:1, 19). No 536 a. n. e., recibiu a súa última visión (10:1). Parece que Daniel viviu uns 100 anos, 78 deles baixo o goberno de Babilonia e polo menos tres anos baixo o goberno medopersa. Arredor do 536 a. n. e., Daniel recolleu nun libro os feitos máis importantes da súa vida, aínda que xa escribira parte del con anterioridade (7:1; mira o  recadro 27-B).

7. Como nos axuda o contexto histórico a entender o libro de Daniel?

7 Contexto: Dende o 620 a. n. e., Babilonia obrigou a Xudá a pagar impostos. Co tempo, o rei de Xudá rebelouse. Como resultado, Nabucodonosor, o rei de Babilonia, atacou Xerusalén e someteu a cidade no ano 617 a. n. e. (2Re 24:1, 10-12) Entón levou a Babilonia os membros da familia real e os “grandes do país”, entre os que estaba Daniel (2Re 24:15). Algúns anos máis tarde, no 607 a. n. e., Babilonia destruíu Xerusalén e levou a moitos máis xudeus ó desterro. No 539 a. n. e., os medos e os persas conquistaron Babilonia liderados por Ciro o Grande. Os medopersas fixeron gobernador a Zorobabel e permitíronlle levar un grupo de xudeus de volta a Xudá. Naquel momento Daniel aínda estaba vivo (Esd 1:1-8; 2:1, 2; Ax 1:1).

8. Como está organizado o libro de Daniel, e en que dous idiomas se escribiu?

8 Outros datos: O libro de Daniel pódese dividir en dúas partes. A primeira abarca os capítulos 1 a 6. Neles podemos ler o que lles pasou a Daniel e os seus compañeiros e tamén as mensaxes proféticas que recibiron algúns gobernantes. Esta parte está narrada en orde cronolóxica. A segunda parte abarca os capítulos 7 a 12 e contén visións que Daniel recibiu de parte de Xehová. Daniel usou dous idiomas para escribir este libro. O capítulo 1 escribiuno en hebreo e os capítulos 2 a 7 escribiunos case por completo en arameo (2:4b–7:28). Finalmente, nos capítulos 8 a 12 volveu usar o hebreo para describir o que lle pasaría ó pobo de Deus no futuro, baixo o dominio de diferentes potencias mundiais.

Contido do libro

9. Que lles pasou a Daniel e os seus compañeiros pouco despois de chegar a Babilonia?

9 Reciben educación en Babilonia (1:1-21). No ano 617 a. n. e., Daniel, Hananías, Mixael e Azarías b chegan a Babilonia e reciben educación para servir no palacio real. Alí rexeitan os manxares do rei para non contaminarse. Xehová recompénsaos por manterse íntegros e chegan a ser coñecidos pola súa sabedoría (1:20).

10. Que sucedeu aproximadamente un ano despois da destrución de Xerusalén?

10 Unha estatua xigantesca (2:1-49). Aproximadamente un ano despois da destrución de Xerusalén, arredor do 606 a. n. e., Nabucodonosor ten un soño inquietante no que ve unha estatua xigantesca. Cando esperta, ameaza con matar a tódolos sabios de Babilonia se non lle contan o que soñou e o seu significado. Cando Daniel lle conta o soño e a súa interpretación, Nabucodonosor recoñece que Xehová é o Deus que “revela os segredos”. Tamén nomea a Daniel gobernador da provincia de Babilonia e fai administradores a Hananías, Mixael e Azarías.

11. Como se puxo a proba a lealdade dos tres hebreos, e cal foi o resultado?

11 O forno de lume (3:1-30). Durante o ano 606 a. n. e. ou algún tempo despois, Nabucodonosor inaugura unha enorme estatua de ouro. Cando Hananías, Mixael e Azarías se negan a adorala, Nabucodonosor bótaos nun forno de lume. Entón, Xehová manda un anxo para rescatalos. Como resultado, Nabucodonosor dálle louvanza a Xehová, dita un decreto para protexer a adoración do Deus verdadeiro e dálles ós tres hebreos un posto superior na provincia de Babilonia.

12. Que contén o capítulo 4 de Daniel?

 12 Unha árbore inmensa (4:1-37). Este capítulo contén a copia dunha carta que escribiu Nabucodonosor, quizais pouco despois do ano 600 a. n. e. Nesa carta, o rei relata un soño no que viu unha árbore que foi cortada e atada durante “sete tempos”, e tamén inclúe a interpretación que lle deu Daniel (4:25; mira o  recadro 27-C). O soño cúmprese cando Nabucodonosor tolea e ten que deixar de gobernar e cando, máis tarde, recupera o xuízo e o trono. O rei termina a súa carta louvando a Xehová e recoñecendo a súa soberanía.

13. Que predixo Xehová unha noite do ano 539 a. n. e., e como se cumpriu?

13 A escritura na parede (5:1-31). A noite do 5 de outubro do ano 539 a. n. e., o rei Belsasar de Babilonia ve unha man escribindo unha mensaxe misteriosa na parede e manda chamar a Daniel para que a lea e a interprete. O profeta —que probablemente ten máis de 90 anos— revélalle que Babilonia vai caer a mans do Imperio Medopersa. Esa mesma noite matan a Belsasar, conquistan Babilonia e Darío o medo convértese en rei (5:30, 31).

14. Como se puxo a proba a lealdade de Daniel cando xa era moi maior?

14 O foso dos leóns (6:1-28). Pouco despois da caída de Babilonia, Darío escolle a Daniel para ser un alto funcionario do goberno. Outros funcionarios póñense celosos e idean un plan para matalo. Como consecuencia, botan a Daniel no foso dos leóns por non deixar de orarlle a Xehová. Pero Deus rescátao e Darío ordena que tódolos habitantes do Imperio teman e respecten a Xehová.

15. Na visión das catro bestas, a quen se lle quita a autoridade para gobernar e a quen se lle dá?

15 As catro bestas (7:1-28). No ano 553 a. n. e., cando ten arredor de 80 anos, Daniel recibe unha visión na que aparecen catro bestas que representan catro reinos ou gobernos. A cuarta besta ten dez cornos, tres dos cales son substituídos por outro corno pequeno que xorde “no medio deles” (7:8). Daniel ve alguén semellante a un fillo do home que recibe poder para gobernar eternamente (7:13, 14). Despois dáse conta de que o corno pequeno perseguirá “os santos” por tres tempos e medio (7:21, 25). Xehová quítalle ó corno a autoridade para gobernar, a besta é destruída e ós que forman “os santos do Supremo” dáselles un reino eterno (7:26, 27).

16. Que lles pasou ó carneiro e ó castrón da profecía de Daniel 8?

16 O carneiro e o castrón (8:1-27). No 551 a. n. e., un ano antes de que Ciro unifique os reinos de Media e de Persia, Daniel ten unha visión na que ve como un castrón mata un carneiro. O carneiro —que ten dous cornos— representa os reis de Media e de Persia, e o castrón —que ten un gran corno— representa Grecia. O corno do castrón rompe e no seu sitio saen catro cornos. Dun deles sae un corno pequeno, é dicir, outro rei, que co tempo se volve moi agresivo. No tempo do fin, o rei énchese de soberbia e cáusalle desolación ó lugar santo. Despois de 2300 días, o lugar santo é restaurado á súa debida condición. Finalmente, este rei tan agresivo é “destruído sen intervención humana ningunha” (8:25).

17. Que lle dixo Gabriel a Daniel despois de que o profeta lle suplicase a Xehová?

17 Os 70 anos e as 70 semanas (9:1-27). Posiblemente no ano 539 a. n. e. —bastante antes de que Ciro ordene a liberación dos xudeus— Daniel deduce que os 70 anos da desolación de Xerusalén están a piques de rematar (2Cr 36:23; Esd 1:1-11; 2:64). c Suplícalle a Xehová que restaure a adoración no templo. Entón, aparece o anxo Gabriel e fálalle dun período de “70 semanas”, no que cada semana dura 7 anos (9:24, nota). Esta profecía describe varios acontecementos: os pecados serán expiados, Xerusalén será reconstruída, chegará o Mesías e será eliminado, “a cidade e mailo santuario” volverán ser destruídos, o pacto manterase en vigor ata o final da semana 70 e, á metade desa semana, os sacrificios cesarán (9:26).

18. Que revela a visión dos reis rivais sobre os “tempos derradeiros”?

18 Os reis rivais (10:1–12:13). No ano 536 a. n. e., cando ten uns 100 anos, Daniel recibe a súa última visión, na que un anxo lle explica o que sucederá nos “tempos derradeiros” (10:14). O anxo dille que o rei de Persia “mobilizará todo contra o reino de Grecia” (11:2). Entón, o reino dun rei poderoso será dividido en catro. Co tempo, o rei do norte e o rei do sur loitarán por facerse co poder. Durante ese tempo, o santuario de Deus será profanado, o sacrificio constante será quitado e colocarase “a cousa noxenta que causa destrución” (11:29-31). No tempo do fin, os reis rivais envolveranse nun conflito. Máis adiante, o rei do norte “invadirá a Terra Fermosa” (11:40-45). Durante unha época de moita angustia, Miguel levantarase para defender o pobo santo de Deus. Un anxo pregunta: “¿Cando acabarán estas cousas prodixiosas?”. Outro anxo menciona un período de tres tempos e medio. Máis tarde tamén se fala doutros dous períodos de tempo, un de 1290 días e outro de 1335 días. Finalmente, o anxo de Xehová dille a Daniel que descansará e que se levantará “no remate dos días” (12:6, 7, 11-13). Pouco despois desta visión, Daniel termina de escribir o libro que leva o seu nome.

Sácalle proveito ó libro de Daniel

  1. 1. ACHÉGATE A XEHOVÁ

    1. a. Como lle demostrou Xehová a Daniel que era un amigo leal durante toda a súa vida? (1:9, 17; 2:23; 6:22; 9:4) Que che ensina isto sobre Xehová?

    2. b. Das dezanove veces que aparece o nome de Deus no libro de Daniel, catorce están nunha das oracións de Daniel (9:4-19). Que debería ser o máis importante nas túas oracións, e por que? (Mt 6:9)

  2. 2. AFONDA MÁIS

    1. a. Como se relaciona Daniel 7:13, 14, 18 co tema principal da Biblia e co propósito de Xehová? (Ap 1:6; 14:1)

    2.  b. Como che axuda Daniel 9:24-27 a calcular o ano no que chegou o Mesías? (Mira o  recadro 27-A) Que outros acontecementos predixo esta profecía, e cando se cumpriron?

  3. 3. APLÍCAO NA TÚA VIDA

    1. a. Aínda que estaban lonxe de seus pais, que tentacións resistiron Daniel e os seus compañeiros en Babilonia? (1:3-8) Que podedes aprender os pais deste relato?

    2.  b. Dende que era novo ata que se fixo maior, Daniel sempre foi coñecido por servir a Xehová con constancia (6:16, 20). Que leccións podes aprender do seu exemplo nas diferentes etapas da súa vida? (Ez 14:14; Dn 10:11, 19; mira o  recadro 27-B)

  4. 4. DE QUE OUTRAS MANEIRAS PODE AXUDARCHE O LIBRO DE DANIEL?

a O libro de Daniel contén varios detalles que non aparecen en ningún outro libro das Escrituras Hebreas. Por exemplo, é o único que inclúe o nome dos anxos dos que fala e a expresión “tempo final” (8:17; 9:21; 12:1).

b En Babilonia, os amigos de Daniel eran máis coñecidos polos seus nomes babilonios: Sadrac, Mesac e Abednego. O nome babilonio de Daniel era Beltsasar (1:6, 7).

c É posible que Ciro liberase os xudeus a principios da primavera do ano 537 a. n. e. Isto daríalles tempo suficiente para viaxar a Xerusalén e ter listo o altar para o primeiro día do sétimo mes (tisrí), xusto 70 anos despois de que a terra quedase “desolada” (2Cr 36:20-23; 2Re 25:22-26; Esd 3:1, 2).