LIBRO BÍBLICO 29
Xoel
IDEA XERAL: Profecías nas que se advirte a Xudá de que se acerca “o día de Xehová”.
RELACIÓN CO TEMA PRINCIPAL DA BIBLIA: Revela que, cando Xehová executa as súas sentenzas, salva os que invocan o seu nome.
ESCRITOR: Xoel
ONDE SE ESCRIBIU: Xudá
CANDO SE COMPLETOU: Arredor do 820 a. n. e. (?)
Por que é importante
1. Que expresión se destaca no libro de Xoel, e a que se refire?
Ó LONGO do libro de Xoel, Xehová dá detalles sobre un asunto importante que quere que todo o mundo coñeza, especialmente os seus adoradores: “O día de Xehová”. De feito, esta expresión repítese cinco veces en Xoel e é posible que este sexa o primeiro libro da Biblia no que aparece (1:15; 2:1, 11, 31; 3:14). Nas Escrituras, “o día de Xehová” refírese a ocasións especiais nas que Xehová glorifica o seu gran nome e castiga os que se opoñen a el.
É posible que Xoel sexa o primeiro escritor da Biblia en mencionar “o día de Xehová”.
2. Como nos axudan outros libros da Biblia a entender o que profetizou Xoel sobre “o día de Xehová”?
2 Outros libros da Biblia conteñen información importante que nos axuda a entender o que profetizou Xoel sobre “o día de Xehová” (mira o recadro 29-A). Por exemplo, Xoel tivo unha visión na que viu unha invasión de langostas. Co tempo, a terra de Xudá sufriu unha invasión parecida á das langostas cando o exército babilonio, ou caldeo, destruíu Xerusalén no 607 a. n. e., algo que máis tarde confirmaron Xeremías e Esdras (Xl 1:6; 2:1, 8-11, 20, 25; compara con 2Cr 36:17, 19; Xer 32:43). Séculos despois, Xesús usou unha linguaxe similar á de Xoel para describir un tempo futuro no que se xulgará os malvados (Xl 2:31; Mt 24:29, 30). O apóstolo Pedro relacionou parte dunha das profecías de Xoel coa ocasión na que Xehová derramou o seu espírito no Pentecostés do ano 33 n. e. (Xl 2:28-32; Fei 2:16-21) Isto pasou nos “últimos días” do sistema xudeu, que finalizaron no ano 70 n. e. cando os romanos destruíron Xerusalén. Este foi un “día de Xehová”. Ademais, os apóstolos Pedro e Paulo falaron dun “día de Xehová” futuro, indicando que o que profetizou Xoel tería un cumprimento moito maior (2Pe 3:12, 13; 1Te 5:2-4).
3. Que nacións castigou Xehová, e por que?
3 Xoel anuncia que “o día de Xehová está cerca” para as nacións que maltrataron o pobo de Deus e profetiza que Xehová castigará as cidades fenicias de Tiro e Sidón, a Edom, a Filistea e a Exipto (3:2-6, 12, 14, 19). As profecías de Xoel están en harmonía coas que rexistraron outros profetas sobre estas nacións (compara con Ez 29:14-18; Am 1:8; Mal 1:3, 4). a A historia demostra que estas profecías se cumpriron. Isto fortalece a nosa fe en que as profecías de Xoel sobre o futuro tamén se cumprirán.
4. Segundo o libro de Xoel, que debemos facer para salvarnos?
4 No libro de Xoel descubrimos a clave para sobrevivir ó “día de Xehová”. Nel aprendemos que “a tódolos que invoquen o nome de Xehová, el vainos salvar” (2:31, 32). Paulo citou de Xoel para explicar que os cristiáns deben invocar o nome de Xehová para salvarse. Ademais, explicou que facer isto implica poñer fe en Deus (Rm 10:13, 14).
5. Que nos ensina de Xehová o libro de Xoel?
5 O libro de Xoel lémbranos que Xehová é “misericordioso, paciente e está cheo de amor leal” (Xl 2:13; Éx 34:6). Xehová quere perdoar e bendicir os seus servos que se afastaron del e anímaos con cariño a volver ó seu carón (2:12-14, 21). Pero tamén é xusto e non deixará sen castigo os que maltratan o seu pobo nin os pecadores que non se arrepintan (1:15; 3:19).
O que debes saber sobre este libro
6. Cando e onde é posible que profetizase Xoel?
6 Escritor: Sabemos moi pouco sobre Xoel. De feito, o único que coñecemos é o seu nome, que significa “Xehová é Deus”. As referencias que fixo a Xudá, Xerusalén e o templo parecen indicar que viviu en Xerusalén e profetizou en Xudá (1:9, 14; 2:17, 32; 3:1, 2, 16-20). Na Biblia, o libro de Xoel está entre o de Oseas e o de Amós, o que parece indicar que Xoel serviu na mesma época que estes profetas, no século IX a. n. e. É posible que Amós, que escribiu o seu libro arredor do 804 a. n. e., citase de Xoel (Xl 3:16; Am 1:1, 2). De ser así, significaría que Xoel escribiu o seu libro antes que Amós, quizais arredor do 820 a. n. e. Se eses cálculos son correctos, tamén é posible que o ministerio de Xoel coincidise nalgún momento co de Xonás.
7. Que podemos dicir da mensaxe de Xoel e do estilo que empregou no seu libro?
7 Contexto: No 820 a. n. e., Uzías (tamén chamado Azarías) era o rei de Xudá. El “fixo o que o Señor aproba” e durante o seu reinado a nación desfrutou de prosperidade e gañou moitas batallas (2Cr 26:3-14). Pero gran parte do pobo adoraba deuses falsos (2Re 15:1-4). Por iso a mensaxe de Xoel, na que animou o pobo a arrepentirse e volver á adoración verdadeira, foi tan oportuna (2:1, 12). No seu libro, Xoel empregou un estilo moi expresivo propio da poesía hebrea. Utilizou repeticións e comparacións impactantes para destacar ideas importantes, tal e como se pode ver na descrición da invasión simbólica das langostas (1:4, 6; 2:7). Aínda que a mensaxe de Xoel podería parecer desanimadora, en realidade asegúranos que Xehová protexe os seus servos fieis cando castiga os que se opoñen a el.
Contido do libro
8. A que se comparan as langostas no libro de Xoel, e por que é unha boa comparación?
8 Unha invasión simbólica de langostas arrasa con todo (1:1–2:11). Xoel describe unha visión aterradora dunha praga de langostas que acaba con tódalas provisións de alimento. Como xa non queda nada de comida, chegan ó punto de non poder facerlle sacrificios a Xehová. Xoel compara as langostas cun exército “poderoso e incontable” que cumpre co propósito de Deus no “día de Xehová” (1:6; 2:11; mira o recadro 29-B).
9. Que lle pide Xehová ó seu pobo?
9 Xehová pídelle ó seu pobo que se arrepinta e volva a el (2:12-32). Se se arrepinten, Xehová mostraralles compaixón e non os castigará. Perdoaraos, bendiciraos e daralles o seu espírito.
10. Que lles fará Xehová ós que maltratan o seu pobo?
10 Xehová xulga as nacións por maltratar o seu pobo (3:1-21). Deus traerá de volta do desterro a Xudá e Xerusalén. Despois reunirá, xulgará e castigará as nacións no “val de Xehosafat”, tamén chamado “o val da Decisión” (3:12, 14). O libro conclúe coas palabras: “Xehová residirá en Sión” (3:21). Estas palabras asegúranlle ó pobo de Deus que Xehová o bendicirá e o protexerá.
Sácalle proveito ó libro de Xoel
-
1. ACHÉGATE A XEHOVÁ
-
a. Que nos ensina sobre a paciencia de Xehová a expresión “pero aínda non é tarde” que aparece en Xoel 2:11-13?
-
b. Como te sentes ó meditar nas cualidades de Xehová que se mencionan en Xoel 2:13?
-
-
2. AFONDA MÁIS
-
a. Que detalles sobre as pragas de langostas che axudan a entender a profecía de Xoel? (1:4; mira o recadro 29-B)
-
b. Como fortalece a túa fe ver que Xehová cumpriu a súa promesa de derramar o seu espírito sobre os seus servos? (Xl 2:28-32; Fei 2:16-21)
-
-
3. APLÍCAO NA TÚA VIDA
-
a. Que tes que facer para sobrevivir ó futuro “día de Xehová”? (Xl 2:12, 13, 32; compara con 1Te 5:2-6)
-
b. Le Xoel 2:23-26. Como te convencen estes versículos de que Xehová é xeneroso? Como podes imitar o seu exemplo?
-
-
4. DE QUE OUTRAS MANEIRAS PODE AXUDARCHE O LIBRO DE XOEL?
a O profeta Amós refírese a Filistea co nome de Asdod, que era unha das súas cidades principais.

