“A TÚA PALABRA É A VERDADE”. AFONDA NO TEU ESTUDO DA BIBLIA

Libro bíblico 28 | Oseas

Galego
Libro bíblico 28 | Oseas
https://cms-imgp.jw-cdn.org/img/p/1102026528/univ/art/1102026528_univ_sqr_xl.jpg
gwt libro 28

LIBRO BÍBLICO 28

Oseas

Oseas

IDEA XERAL: Mensaxes de condena contra o reino de dez tribos de Israel e unha invitación de Xehová para que volvan a el e reciban a súa misericordia.

RELACIÓN CO TEMA PRINCIPAL DA BIBLIA: Mostra que Xehová é un gobernante misericordioso e que obedecelo sempre é o mellor para nós.

ESCRITOR: Oseas

ONDE SE ESCRIBIU: Rexión de Samaria

CANDO SE COMPLETOU: Entre o 745 e o 740 a. n. e.

PERÍODO QUE ABARCA: Dende antes do 804 ata despois do 745 a. n. e. (polo menos 59 anos)

Por que é importante

1. Que cualidade de Deus se destaca especialmente no libro de Oseas, e que exemplo usa Xehová?

 QUE clase de gobernante é Xehová? Ama de verdade as persoas e interésase polos seus servos? Por suposto que si! O libro de Oseas confirma esta resposta destacando unha das cualidades de Xehová: a misericordia. Xehová usa a relación de Oseas coa súa muller infiel para explicar que está disposto a mostrar misericordia incluso antes de que alguén dea algún sinal de que está arrepentido (3:1). Xehová non puido escoller un exemplo mellor. Queda claro que amou “de boa gana” o seu pobo aínda que era rebelde (14:1-4).

2. Que máis nos ensina o libro de Oseas sobre Xehová?

2 A través do libro de Oseas, Xehová tamén demostra outros aspectos da súa personalidade, como a súa lealdade e paciencia (2:19, 20). Aínda que os israelitas abandonaron a Xehová unha e outra vez para adorar outros deuses, Xehová seguiunos acollendo “con brazos de amor” (11:1-4). Aínda así, a paciencia de Xehová ten límites e non vai tolerar que a maldade dure para sempre (10:9-12). Xehová odia a hipocrisía. Por iso, se queremos que estea contento coa nosa adoración temos que servilo por amor (6:4, 6; 10:1, 2).

Xehová mostra misericordia incluso antes de que alguén dea algún sinal de que está arrepentido.

3. Que importante lección aprendemos no libro de Oseas?

3 A través do libro de Oseas, Xehová ensínanos unha lección importante: seguir a súa guía sempre é o mellor para nós (14:9). O pobo de Israel a pensou que lle iría mellor se poñía a súa confianza noutras nacións e nos seus deuses (7:11; 9:10; 12:1). Pero aquelas nacións estaban a punto de traizoalos e os seus deuses non terían poder para axudarlles (8:8, 9; 10:5). Pola contra, Xehová sempre coidou deles e prometeulles que os bendiciría se o obedecían (2:8, 18).

4. Por que é importante para os cristiáns o libro de Oseas?

4 O libro de Oseas foi moi valioso para os cristiáns do primeiro século e tamén o é para nós. Nas Escrituras Gregas Cristiás vemos que Xesús e outros discípulos citaron deste libro. Oseas tamén inclúe profecías que xa se cumpriron (mira o  recadro 28-A). Por exemplo, referíndose ó Mesías, Xehová profetizou: “Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto” (11:1). Isto cumpriuse cando os pais de Xesús fuxiron con el a Exipto e regresaron a Israel trala morte de Herodes (Mt 2:14, 15). O apóstolo Paulo explicou que algunhas profecías de Oseas indicaban que persoas que non eran israelitas tamén servirían a Xehová e serían chamadas “fillos do Deus vivo” (1:10; 2:23). Grazas a iso, poderían reinar con Cristo (Rm 9:25, 26; compara con 1Pe 2:9, 10).

O que debes saber sobre este libro

5. Que sabemos do profeta Oseas?

5 Escritor: O nome de Oseas é unha forma abreviada de Osaías, que significa “salvado por Xah” ou “Xah salvou” (1:1, nota). Foi profeta principalmente en Israel, o reino do norte, aínda que algunhas das súas profecías estaban dirixidas a Xudá, o reino do sur. Serviu de profeta como mínimo durante 59 anos, dende polo menos o 804 a. n. e. ata despois do 745 a. n. e. Probablemente terminou de escribir o seu libro entre os anos 745 e 740 a. n. e. b O seu labor coincidiu co de Amós e Oded, que tamén profetizaron en Israel, e co de Isaías e Miqueas, que o fixeron en Xudá.

6. Cal era a situación en Israel no tempo de Oseas?

6 Contexto: Oseas cumpriu fielmente co seu labor durante décadas, a pesar da difícil situación espiritual e política que había en Israel. Cando empezou a profetizar, o malvado rei Xeroboán II reinaba no país. A pesar diso, a nación gañou moitas batallas e desfrutaba de prosperidade material (2Re 14:24-28). Pero os israelitas abandonaron por completo a Xehová e atribuíronlle tódolos seus éxitos a Baal. Como parte da adoración a este deus falso, emborrachábanse e tiñan relacións sexuais con prostitutas de templo (4:11-13). Despois da morte de Xeroboán, Israel pasou por unha época de inestabilidade política, chea de conspiracións e asasinatos (2Re 15:8-20). Os reis que gobernaron despois trataron de facer alianzas con Exipto e Asiria, pero ningún deses reis confiou en Xehová.

7. Que lles dixo Xehová ós israelitas a través de Oseas?

7 A través de Oseas, Xehová presentou o seu caso legal contra Israel. Enumerou tódolos pecados da nación e explicoulles as consecuencias que sufrirían (4:1, 2, 9). Aínda así, Xehová recordoulles que é misericordioso e que está disposto a perdoar. Esta foi a última oportunidade que lles deu para volver a el antes de permitir que Asiria conquistase Samaria e tomase o control da nación.

8. Que podemos dicir sobre o estilo do libro de Oseas?

8 Outros datos: A maior parte do libro de Oseas está escrito nun estilo poético e usa moitas figuras retóricas impactantes (4:16; 5:13, 14; 6:3, 4). No libro pódense ver as fortes expresións de condena que Xehová usou para corrixir os israelitas e, ó mesmo tempo, a tenrura coa que lles suplicou que se arrepentisen (10:1; 14:1, 2).

Contido do libro

9. Que lle pediu Xehová a Oseas para representar a súa misericordia?

9 Xehová usa o exemplo de Oseas e a súa muller infiel para explicar a misericordia que lles ten ós israelitas (1:1–3:5). Xehová dille a Oseas que case cunha muller que se prostituirá (1:2). Oseas casa con Gómer e teñen un fillo xuntos. Ela ten dous fillos máis, pero ó parecer non son fillos del. c Os significados dos nomes destes tres nenos revelan que Xehová xulgará e rexeitará Israel. No capítulo 2, Xehová predí que despois de castigar os israelitas, perdoaraos e bendiciraos. Para representar ata que punto estaba disposto a perdoar a Israel, Xehová pídelle a Oseas que volva coa súa muller adúltera (3:1).

10, 11. Por que se enfadou Xehová cos israelitas?

10 Xehová profetiza que castigará os israelitas (4:1–13:16). Oseas presenta o caso legal de Xehová contra Israel e enumera a gran cantidade de pecados que cometeu a nación (4:1, 2). Tamén menciona os pecados de Xudá (5:5). Oseas anima a nación de Israel a que volva a Xehová, pero Israel busca axuda noutras nacións (6:1; 7:11). Israel recollerá as consecuencias do que sementou (8:7-10). Xehová castigará e rechazará a nación (9:17; 10:15).

11 Xehová recórdalles ós israelitas o amor que sempre lles mostrou (11:1-3). Pero eles nunca lle corresponderon da mesma maneira (11:7; 12:1). Son culpables de rebelarse unha e outra vez, e a súa capital, Samaria, caerá (13:16).

12. Que lle promete Xehová ó seu pobo se volve a el?

12 Último intento para que volvan a Xehová (14:1-9). Xehová anima os israelitas a que volvan a el. Se o fan, promete que lles terá misericordia e lles mostrará o seu amor.

Sácalle proveito ó libro de Oseas

  1. 1. ACHÉGATE A XEHOVÁ

    1. a. Que aprendes sobre Xehová en Oseas 2:13, 14, 19, 20?

    2. b. Como demostra Xehová que te quere? (11:1-4)

  2. 2. AFONDA MÁIS

    1. a. Cantos profetas enviou Xehová antes de Oseas ó reino de dez tribos? (Os 12:10; 1Re 17:1; 2Re 17:13; Am 7:14, 15; nwt apén. A6) Que che ensina isto sobre Xehová?

    2. b. Como se cumpriron as palabras de Oseas 1:7? (2Re 19:32-35)

  3. 3. APLÍCAO NA TÚA VIDA

    1. a. Que é o que máis valora Xehová de ti? (6:6)

    2. b. Oseas predixo que Xehová aceptaría dentro do seu pobo persoas que non eran israelitas (2:23). Como podes imitar na predicación o amor que sente Xehová por tódalas persoas?

  4. 4. DE QUE OUTRAS MANEIRAS PODE AXUDARCHE O LIBRO DE OSEAS?

a A miúdo, o libro de Oseas refírese ó reino de dez tribos de Israel como Efraín, que era a tribo máis importante, ou como Samaria, que era a súa capital.

b Oseas menciona o rei Ezequías, que empezou a gobernar no 745 a. n. e., pero non fala da caída de Samaria, que aconteceu no 740 a. n. e., aínda que si profetizara a súa destrución (1:1; 13:16).

c A diferenza do primeiro, Oseas non especifica que estes fillos fosen del. Iso parece indicar que eran do home co que Gómer lle estaba a ser infiel (1:3, 6, 8).