Carta ós Hebreos 13:1-25

  • Consellos finais e saúdos (1-25)

    • “Non vos esquezades de mostrar hospitalidade” (2)

    • “Que todos honren o matrimonio” (4)

    • Obedecer ós que nos dirixen (7,17)

    • Ofrecer un sacrificio de louvanza (15, 16)

13  Seguídevos mostrando amor fraternal. 2  Non vos esquezades de mostrar hospitalidade*, porque algúns por ser hospitalarios aloxaron a anxos sen sabelo. 3  Acordádevos dos que están en prisión* coma se vós estivésedes presos con eles e dos que son maltratados coma se estivésedes sufrindo con eles*. 4  Que todos honren o matrimonio e que o home e a muller que están casados sexan fieis un ó outro*, porque Deus vai xulgar os que son sexualmente inmorais* e os adúlteros. 5  Que a vosa maneira de vivir demostre que non lles tedes amor ós cartos, e estade contentos coas cousas que tedes*. Porque Deus dixo: “Nunca te deixarei e nunca te abandonarei”. 6  Así que podemos dicir cheos de confianza: “Xehová* é o meu axudante. Non vou ter medo. Que me poden facer as persoas?”. 7  Acordádevos dos que vos dirixen*, que vos falaron da palabra de Deus, e mentres vos fixades nos resultados da súa conduta, imitade a súa fe. 8  Xesucristo é o mesmo onte, hoxe e sempre. 9  Non vos deixedes desviar por diversas ensinanzas que son diferentes ás nosas, porque é mellor fortalecer o corazón con bondade inmerecida que con normas sobre os alimentos, que non benefician ós que se centran nelas. 10  Temos un altar do que non teñen dereito a* comer os que dan servizo sagrado na tenda, 11  porque cando o sumo sacerdote leva o sangue dos animais ó lugar santo como ofrenda polo pecado, o corpo dos animais quéimase fóra do campamento. 12  Por iso, Xesús tamén sufriu fóra da cidade* para santificar o pobo co seu propio sangue. 13  Así que vaiamos cara a el, fóra do campamento, e soportemos a deshonra que soportou el. 14  Porque aquí non temos unha cidade que sexa permanente, senón que nos esforzamos moito por buscar a cidade que vai vir. 15  Por medio de Xesús, ofrezámoslle sempre a Deus un sacrificio de louvanza, é dicir, o froito dos nosos labios* que anuncian publicamente o seu nome. 16  Ademais, non vos esquezades de facer o ben nin de compartir con outros o que tedes, porque a Deus agrádanlle moito estes sacrificios. 17  Sede obedientes e estade dispostos a aceptar a guía dos* que vos dirixen, porque eles están coidando de vós e van render contas por iso. Desa maneira, farán o seu labor con alegría e non con suspiros, porque iso sería malo para vós. 18  Seguide orando por nós, porque estamos convencidos de que temos a conciencia limpa*, e queremos comportarnos de maneira honrada en tódalas cousas. 19  Pero sobre todo pídovos que oredes para que eu poida volver a estar con vós o antes posible. 20  Que o Deus da paz, que co sangue dun pacto eterno resucitou* de entre os mortos ó gran pastor das ovellas, o noso Señor Xesús, 21  vos dea todo o que necesitades para facer a súa vontade, e que por medio de Xesucristo nos motive a facer o que lle agrada*. Que el reciba a gloria para sempre. Amén. 22  Irmáns, agora suplícovos que escoitedes con paciencia estas palabras de ánimo que vos escribo nesta carta breve. 23  Quero que saibades que o noso irmán Timoteo foi liberado. Se vén pronto, iremos xuntos a vervos. 24  Saudade da miña parte a tódolos que vos dirixen* e a tódolos santos*. Os irmáns de Italia mándanvos saúdos. 25  Que a bondade inmerecida de Deus estea con todos vós.

Notas ó pé

Ou “bondade ós estraños”.
Lit. “dos encadeados”.
Lit. “coma vós que tamén estades no corpo”.
Ou “que ninguén contamine o leito matrimonial”.
Ver glosario inmoralidade sexual.
Ou “coas cousas presentes”.
Ou “guían”.
Lit. “autoridade para”.
Lit. “da porta da cidade”.
É dicir, as palabras que saen da nosa boca.
Ou “sede submisos ós”.
Ou “unha conciencia honrada”.
Lit. “levantou”.
Ou “o que é agradable ós seus ollos”.
Ou “guían”.