Carta ós Hebreos 1:1-14

  • Deus fala por medio do seu Fillo (1-4)

  • O Fillo é superior ós anxos (5-14)

1  Hai moito tempo, Deus faloulles ós nosos antepasados por medio dos profetas en moitas ocasións e de moitas maneiras. 2  Agora, durante este tempo*, el falounos por medio dun Fillo, a quen escolleu como herdeiro de tódalas cousas e mediante o que fixo os sistemas*. 3  El é o reflexo da gloria de Deus e a representación exacta do seu ser, e mantén tódalas cousas coa súa poderosa palabra. Despois de purificarnos dos nosos pecados, sentouse á dereita da Maxestade nas alturas. 4  Así que el chegou a ser superior ós anxos porque herdou unha autoridade maior que a deles*. 5  Por exemplo, algunha vez lle dixo Deus a algún dos seus anxos: “Ti es o meu fillo, e eu hoxe cheguei a ser o teu pai”? Ou algunha vez dixo dun anxo: “Eu serei o seu pai e el será o meu fillo”? 6  Pero ó traer de novo o seu Primoxénito á terra*, el di: “Que tódolos anxos de Deus se inclinen diante del*”. 7  Ademais, di sobre os anxos: “El fai que os seus anxos sexan forzas poderosas* e os seus servos* chamas de lume”. 8  Pero sobre o Fillo di: “Deus é o teu trono para sempre, e o cetro* do teu Reino é o cetro de xustiza*. 9  Amaches a xustiza e odiaches a maldade*. Por iso Deus, o teu Deus, unxiute a ti con aceite e deuche máis alegría que ós teus compañeiros”. 10  Tamén di: “Señor, no principio ti puxeches os fundamentos da terra e fixeches o ceo co teu poder*. 11  A terra e o ceo deixarán de existir, pero ti seguirás vivindo. Desgastaranse coma unha peza de roupa, 12  dobraralos coma se fosen un manto e cambiaralos coma se fosen roupa. Pero ti es o mesmo e a túa vida nunca se acabará”. 13  Agora ben, de que anxo dixo el algunha vez: “Séntate á miña dereita ata que poña os teus inimigos como banco para os teus pés”? 14  Non son tódolos anxos espíritos que serven a Deus*? Non os envía Deus para axudar ós que van herdar a salvación?

Notas ó pé

Lit. “ó final destes días”.
Ou “as eras”. Ver glosario sistema.
Ou “un nome máis excelente que o deles”.
Ou “á terra habitada”.
Ou “lle rendan homenaxe”.
Lit. “espíritos”.
Ou “ministros”. Ver glosario ministro; ministerio.
Ou “de rectitude”.
Lit. “a desobediencia á lei”, é dicir, o desprezo polas leis de Deus.
Lit. “coas túas mans”.
Ou “que fan un servizo santo”, “que fan un servizo público”.