Carta ós Hebreos 7:1-28

  • Melquisedec foi un rei e sacerdote único (1-10)

  • O sacerdocio de Cristo é superior (11-28)

    • Cristo é capaz de salvar totalmente (25)

7  Porque este Melquisedec, rei de Salem e sacerdote do Deus Altísimo, saíu para encontrarse con Abrahán, que volvía de matar os reis. Melquisedec bendiciuno 2  e Abrahán deulle a décima parte* de todo o botín. En primeiro lugar, o seu nome tradúcese como “rei de xustiza”. E ademais diso, el é rei de Salem, é dicir, “rei de paz”. 3  Non se sabe quen era o seu pai nin a súa nai. Tampouco hai rexistro da súa xenealoxía, nin de cando naceu nin de cando morreu. Neste sentido parécese ó Fillo de Deus e segue sendo sacerdote para sempre. 4  Fixádevos no importante que era este home para que Abrahán, o patriarca*, lle dese a décima parte do mellor do botín. 5  Segundo a Lei, é verdade que se lles manda ós fillos de Leví que son escollidos como sacerdotes que lle cobren ó pobo a décima parte do que consiga, é dicir, ós seus irmáns, aínda que tamén son descendentes* de Abrahán. 6  Pero este home, que non era descendente dos fillos de Leví*, recibiu de Abrahán a décima parte e bendiciu o home ó que Deus lle fixera as promesas. 7  E ninguén pode negar que o que ten unha posición máis importante bendice ó que ten unha posición menos importante. 8  Por un lado, os levitas reciben a décima parte e son homes que poden morrer. Pero no outro caso, trátase dun home do que as Escrituras din que está vivo*. 9  E incluso podería dicirse que Leví, que recibe a décima parte, pagou a décima parte mediante Abrahán 10  porque el, que era descendente de Abrahán, aínda non nacera* cando Melquisedec saíu para encontrarse con Abrahán. 11  Por iso, se o pobo puidese conseguir a perfección grazas ó sacerdocio dos levitas (que era unha característica da Lei que se lle deu ó pobo), por que faría falta que aparecese un sacerdote de quen se dixese que é sacerdote da mesma maneira que Melquisedec e non da mesma maneira que Aarón? 12  E como se está cambiando o sacerdocio, tamén hai que cambiar a Lei. 13  Porque o home do que se din estas cousas veu doutra tribo, e ninguén desa tribo serviu no altar. 14  De feito, está claro que o noso Señor era descendente de Xudá, pero Moisés non dixo que fose haber sacerdotes desa tribo. 15  E isto queda aínda máis claro cando aparece outro sacerdote que é coma Melquisedec, 16  que non chegou a ser sacerdote polo requisito legal que depende dunha xenealoxía humana*, senón polo poder que lle permite ter unha vida indestrutible. 17  Porque isto é o que se testifica sobre el: “Ti es sacerdote para sempre, da mesma maneira que Melquisedec*”. 18  Así que os mandamentos anteriores quedan anulados porque son débiles e ineficaces. 19  Porque a Lei non conseguiu que nada fose perfecto, pero a chegada dunha esperanza mellor si que o conseguiu, e mediante esa esperanza acercámonos a Deus. 20  Ademais, isto non se fixo sen un xuramento. 21  (Porque é certo que hai homes que se converteron en sacerdotes sen un xuramento, pero este home converteuse en sacerdote por un xuramento que fixo aquel que lle dixo: “Xehová* fixo un xuramento e non vai cambiar de opinión*: ‘Ti es sacerdote para sempre’”.) 22  Por iso Xesús chegou a ser a garantía* dun pacto mellor. 23  Ademais, como os sacerdotes morrían e iso lles impedía continuar co seu servizo, facían falta moitos sucesores. 24  Pero como el vive para sempre, o seu sacerdocio non ten sucesores. 25  Así que tamén é capaz de salvar totalmente os que se acercan a Deus mediante el, porque sempre está vivo para suplicar por eles. 26  Porque necesitamos un sumo sacerdote coma el: leal, sen culpa, sen mancha, separado dos pecadores e que fose elevado por enriba dos ceos. 27  El non é coma os outros sumos sacerdotes porque non ten que ofrecer sacrificios cada día, primeiro polos seus propios pecados e despois polos do pobo, porque xa fixo isto unha vez e para sempre cando se ofreceu a si mesmo. 28  A Lei escolle como sumos sacerdotes a homes que teñen debilidades, pero o xuramento que fixo Deus despois de dar a Lei escolle como sumo sacerdote a un Fillo, que foi perfeccionado para sempre.

Notas ó pé

Ver glosario décimo; décima parte.
Ou “cabeza de familia”.
Lit. “saíron dos lombos”.
Ou “que procedía dunha xenealoxía diferente á deles”.
As Escrituras non falan da morte de Melquisedec. Nese sentido é no que se considera que está vivo.
Lit. “aínda estaba nos seus lombos”.
Lit. “carnal”.
Melquisedec foi escollido directamente por Deus para ser sacerdote e rei.
Ou “non se arrepentirá”.
Ou “o que se dá como fianza”.