Carta ós Hebreos 11:1-40
11 A fe é a seguridade de que vai pasar o que se espera, a proba convincente* de que existen realidades que non se ven.
2 Por medio da fe, os nosos antepasados* recibiron probas* de que tiñan a aprobación de Deus.
3 Pola fe, notamos que os sistemas foron postos* en orde polo mandato* de Deus. Así que as cousas que se ven chegaron a existir a partir das cousas invisibles.
4 Pola fe, Abel ofreceulle a Deus un sacrificio de máis valor que o de Caín. Por medio desa fe, mostróuselle* que era xusto porque Deus aprobou as súas ofrendas. E a pesar de que morreu, aínda nos fala* por medio da súa fe.
5 Pola fe, Enoc foi transferido para que non sufrise cando morreu*, e ninguén puido encontralo porque Deus o transferira. Pero antes diso, mostróuselle* que Deus estaba moi contento con el.
6 Ademais, sen fe é imposible agradarlle a Deus, porque o que se acerca a Deus ten que crer que el existe e que recompensa os que se esforzan moito por buscalo.
7 Pola fe, Noé, despois de que Deus lle advertise sobre as cousas que ían pasar antes de que se puidesen ver, demostrou temor de Deus* e construíu unha arca para salvar a súa familia. Por medio desa fe, condenou o mundo e converteuse en herdeiro da xustiza que se consegue grazas á fe.
8 Pola fe, Abrahán obedeceu cando Deus o chamou e foi para un lugar que ía recibir como herdanza. Marchou aínda que non sabía a onde ía.
9 Pola fe, viviu como estranxeiro na terra que Deus prometera, coma se estivese nunha terra estranxeira. Viviu en tendas de campaña con Isaac e Xacob, que eran herdeiros da mesma promesa ca el.
10 Porque el esperaba a cidade que ten fundamentos verdadeiros, a que deseñou* e construíu Deus.
11 Pola fe, tamén Sara quedou* embarazada, aínda que xa era moi maior*, porque cría que quen lle fixera a promesa era fiel*.
12 Por iso, dun só home que xa era moi maior* naceron moitos fillos, tantos coma as estrelas do ceo e tan imposibles de contar coma os grans de area que hai na beira do mar.
13 Todos mantiveron a súa fe firme ata a morte, aínda que non recibiron as cousas que se lles prometeran. Pero víronas de lonxe e aceptáronas con alegría, e anunciaron publicamente que eran estranxeiros e residentes temporais na terra.
14 Os que anuncian estas cousas deixan claro que están facendo todo o posible por buscar un lugar para eles.
15 Aínda así, se seguisen pensando no lugar do que saíran, terían encontrado a oportunidade de volver.
16 Pero agora esfórzanse por conseguir un lugar mellor, é dicir, un lugar que está relacionado co ceo. Por iso Deus non se avergonza deles nin de que se dirixan a el como o seu Deus, porque preparou unha cidade para eles.
17 Pola fe, cando Abrahán foi posto a proba, foi coma se ofrecese a Isaac. Así que o home que recibiu as promesas con alegría estivo disposto a ofrecer o seu único fillo*,
18 aínda que xa se lle dixera: “Por medio de Isaac virá o que será chamado a túa descendencia”.
19 Pero chegou á conclusión de que Deus incluso podía resucitalo* de entre os mortos, e de feito recibiuno de entre os mortos de maneira simbólica.
20 Pola fe, tamén Isaac bendiciu a Xacob e a Esaú, e faloulles de cousas que ían suceder.
21 Pola fe, Xacob, cando estaba a punto de morrer, bendiciu a cada un dos fillos de Xosé e inclinouse diante de Deus* apoiándose na parte superior do seu bastón.
22 Pola fe, Xosé, cando se acercaba o fin da súa vida, falou do éxodo dos fillos de Israel e deu instrucións* sobre o que había que facer cos seus ósos*.
23 Pola fe, os pais de Moisés escondérono durante tres meses cando naceu, porque viron que era un neno moi bonitiño e non lle tiveron medo á orde do rei.
24 Pola fe, Moisés, cando xa era adulto, negouse a ser chamado fillo da filla do faraón.
25 Escolleu ser maltratado co pobo de Deus en vez de desfrutar dos praceres temporais do pecado,
26 xa que para el a deshonra de ser o Escollido* era algo de moito máis valor que os tesouros de Exipto, porque estaba centrado en recibir a recompensa*.
27 Pola fe, marchou de Exipto sen terlle medo á furia do rei, porque se mantivo firme coma se estivese vendo ó que é invisible.
28 Pola fe, fixo que o pobo de Deus celebrase a Pascua e que salpicase con sangue os marcos das portas, para que o anxo de Deus* non lles fixese dano* ós seus primoxénitos.
29 Pola fe, o pobo cruzou o Mar Vermello coma se camiñase por terra seca. Pero cando os exipcios intentaron facer o mesmo, o mar tragounos.
30 Pola fe, o pobo deu voltas arredor das murallas de Xericó durante sete días, e entón as murallas caeron.
31 Pola fe, Rahab, a prostituta, non morreu cos que desobedeceron porque recibiu os espías de maneira pacífica.
32 E que máis vou dicir? Porque non me chegaría o tempo para falarvos de Xedeón, de Barac, de Sansón, de Xefté e de David, e tamén de Samuel e dos demais profetas.
33 Por medio da fe, derrotaron reinos, fixeron xustiza, recibiron promesas, pecharon a boca de leóns,
34 non lles afectou a forza do lume, escaparon do fío da espada, pasaron de estar débiles a ser fortes, volvéronse poderosos na guerra e fixeron que os exércitos invasores escapasen.
35 Houbo mulleres que recuperaron os seus familiares mortos grazas á resurrección. Pero algúns homes foron torturados porque non estiveron dispostos a facer o que lles pedían a cambio de ser liberados*. Fixeron isto para conseguir unha resurrección mellor.
36 E aínda houbo outros que foron postos a proba con burlas e lategazos*, e incluso máis que iso, con cadeas e prisións.
37 Matáronos a pedradas, foron postos a proba, cortados en dous* coa serra e asasinados coa espada, andaron de aquí para alá vestidos con pel de ovella e de cabra, pasando necesidade e dificultades e sendo maltratados.
38 O mundo non era digno deles. Estiveron vagando por desertos e montañas, e buscaron refuxio nas covas e nas cavernas da terra.
39 E aínda que pola súa fe a todos se lles mostrou* que tiñan a aprobación de Deus, non recibiron o que se lles prometera,
40 porque Deus tiña previsto algo mellor para nós, para que eles non puidesen chegar a ser perfectos antes ca nós*.
Notas ó pé
^ Ou “a demostración evidente”.
^ Ou “os homes da antigüidade”.
^ Lit. “recibiron testemuño”.
^ Ou “pola palabra”.
^ Lit. “recibiu o testemuño de”.
^ Ou “ensina”.
^ Ou “para que non vise a morte”.
^ Lit. “recibiu o testemuño de”.
^ Ou “da que foi arquitecto”.
^ Ou “recibiu poder para quedar”.
^ É dicir, xa non podía ter fillos.
^ Ou “confiable”.
^ Lit. “estaba morto”. É dicir, xa non podía ter descendencia.
^ Ou “fillo unixénito”.
^ Lit. “levantalo”.
^ Ou “adorou a Deus”.
^ Ou “un mandato”.
^ Ou “sobre o seu enterro”.
^ Lit. “o Cristo”.
^ Ou “miraba fixamente a recompensa”.
^ Ou “para que o destrutor”.
^ Lit. “non tocase”.
^ Ou “a ser liberados por medio dalgún rescate”.
^ Ou “en cachos”.
^ Ou “todos recibiron testemuño de”.
^ Lit. “sen nós”.

