Carta ós Hebreos 6:1-20

  • Avancemos cara á madurez (1-3)

  • Os que se apartaron da fe cravan outra vez o Fillo de Deus nun madeiro (4-8)

  • Estar completamente seguros da esperanza (9-12)

  • Deus cumprirá a súa promesa (13-20)

    • A promesa e o xuramento de Deus non cambian (17, 18)

6  Por iso, agora que xa aprendemos as ensinanzas básicas sobre o Cristo, avancemos cara á madurez e non sigamos estudando as cousas básicas unha e outra vez*, é dicir, o arrepentimento de cousas inútiles*, a fe en Deus, 2  as ensinanzas sobre os bautismos, a imposición das mans*, a resurrección dos mortos e o xuízo eterno. 3  Pero se Deus o permite, seguiremos avanzando cara á madurez. 4  Porque algúns recibiron a luz, probaron o regalo celestial, participaron no espírito santo 5  e probaron a marabillosa promesa de Deus* e o seu poder no sistema* que vai vir. 6  Pero apartáronse da fe, así que é imposible devolverlles a vida de novo para que se arrepintan. Porque eles mesmos están cravando outra vez o Fillo de Deus nun madeiro e estano expoñendo á vergonza pública. 7  Isto é coma a terra, que recibe unha bendición de Deus cando absorbe a chuvia que cae a miúdo, e produce colleitas que benefician ós que a traballan. 8  Pero se produce espiños e cardos, non vale para nada e non tardará en ser maldicida, e ó final vai ser queimada. 9  Aínda que falamos así, queridos irmáns, estamos seguros de que vós estades en mellor posición que os que abandonaron a fe e que estades facendo cousas para que Deus poida salvarvos. 10  Porque Deus non é inxusto e non se esquece do que fixestes nin do amor que demostrastes polo seu nome ó servir os santos* e ó continuar servíndoos. 11  Pero queremos que cada un de vós demostre ese mesmo entusiasmo para que esteades completamente seguros da esperanza ata o final. 12  Porque non queremos que sexades vagos. En vez diso, imitade os que herdan as promesas porque teñen fe e paciencia. 13  Cando Deus lle fixo a súa promesa a Abrahán, xurou por si mesmo porque non hai ninguén superior. 14  Díxolle: “De verdade que te vou bendicir e de verdade que farei que a túa descendencia sexa moi numerosa”. 15  E Abrahán, despois de demostrar paciencia, viu o cumprimento da promesa*. 16  Porque os homes xuran por alguén superior a eles, e o seu xuramento acaba con calquera discusión porque serve de garantía. 17  Da mesma maneira, cando Deus decidiu demostrarlles dunha forma máis clara ós herdeiros da promesa que o seu propósito non cambia, fixo un xuramento como garantía*. 18  Fixo isto para que, mediante esas dúas cousas* que non cambian e sobre as que é imposible que Deus minta, os que escapamos para refuxiarnos en Deus recibamos moitas forzas para agarrarnos ben á esperanza que está diante de nós. 19  Esta esperanza que temos, que é segura e firme, é coma unha áncora para as nosas vidas*, e lévanos ata o lugar que está ó outro lado da cortina*. 20  Aí foi onde entrou a favor de nós un pioneiro*, Xesús, que chegou a ser sumo sacerdote para sempre, da mesma maneira que Melquisedec*.

Notas ó pé

^ Ou “e non volvamos a poñer os fundamentos”.
^ Ou “obras mortas”.
^ Ver glosario impoñer as mans.
^ Lit. “a excelente palabra de Deus”.
^ Ou “na era”. Ver glosario sistema.
^ Lit. “recibiu esta promesa”.
^ Ou “interveu cun xuramento”, “mediou cun xuramento”.
^ Refírese á promesa e ó xuramento de Deus.
^ Ou “para a nosa alma”. Ver glosario alma.
^ Ou “precursor”.
^ Melquisedec foi escollido directamente por Deus para ser sacerdote e rei.