“A TÚA PALABRA É A VERDADE”. AFONDA NO TEU ESTUDO DA BIBLIA

Como usar a publicación “A túa palabra é a verdade”. Afonda no teu estudo da Biblia

Galego
Como usar a publicación “A túa palabra é a verdade”. Afonda no teu estudo da Biblia
https://cms-imgp.jw-cdn.org/img/p/1102026568/univ/art/1102026568_univ_sqr_xl.jpg
gwt

COMO USAR ESTE LIBRO

COMO USAR ESTE LIBRO

Este manual está deseñado para axudarche a estudar a Biblia. Para iso fai referencia a algunhas características da Tradución do Novo Mundo (nwt), como os apéndices, o glosario e as referencias marxinais.

SUBTÍTULOS QUE ATOPARÁS EN CADA CAPÍTULO

POR QUE É IMPORTANTE

O primeiro subtítulo axúdache a entender por que ese libro da Biblia é tan importante para ti. Céntrase en Xehová como autor da Biblia e explica por que viu necesario incluílo na súa Palabra inspirada. Aprenderás como se relaciona co tema principal da Biblia e cos demais libros bíblicos. E o máis importante, dirixe a túa atención ó que che ensina sobre Xehová e as súas cualidades.

O QUE DEBES SABER SOBRE ESTE LIBRO

O segundo subtítulo contén detalles que che permiten poñerte en situación. Por exemplo, fala do contexto histórico dese libro, do seu escritor e de cando se completou. Tamén explica cal era o seu obxectivo, a quen ía dirixido orixinalmente e cales eran os seus personaxes máis destacados. Ademais, explica cales son os temas principais, o estilo e a estrutura xeral do libro.

CONTIDO DO LIBRO

O terceiro subtítulo contén un breve resumo dese libro da Biblia. Polo xeral, presenta as ideas principais na orde na que aparecen no libro, pero nalgúns casos aparecen ordenadas por temas. É posible que este subtítulo tamén conteña información sobre o contexto histórico, sobre cando e onde sucederon certos eventos, e sobre o estilo que se empregou nunha sección concreta.

Este subtítulo complementa o “Contido do libro” que hai na Tradución do Novo Mundo. Ese recadro, que aparece ó principio de cada libro, presenta as ideas principais de cada capítulo para axudarche a localizar versículos concretos. Por outro lado, a Biblia de estudo (dispoñible en español) inclúe un esquema do contido de cada libro das Escrituras Gregas Cristiás dividido por subtítulos que facilitan atopar un relato específico.

SÁCALLE PROVEITO

O cuarto subtítulo contén preguntas que che axudarán a entender por que este libro é importante para ti. Están pensadas para axudarche a coñecer mellor a Xehová e achegarte máis a el, a afondar máis nos relatos bíblicos e a reflexionar en como podes aplicar as leccións dos versículos citados. Para que lle saques aínda máis proveito, algunhas preguntas fan referencia ás características deste manual e tamén ás da Tradución do Novo Mundo, como por exemplo as táboas, os mapas, as liñas de tempo, os recadros e os diagramas.

CARACTERÍSTICAS DE CADA CAPÍTULO

DETALLES CLAVE

Este recadro contén detalles clave sobre o libro da Biblia. Se a data ou o lugar no que se escribiu non se sabe con exactitude, irá seguido dun signo de interrogación (?). Moitas datas son aproximadas. A abreviatura a. n. e. significa “antes da nosa era” e a abreviatura n. e. significa “nosa era”.

RECADRO DOS LIBROS DA BIBLIA

Os libros da Biblia non se escribiron na orde na que aparecen na actualidade. Este recadro axudarache a entender que libros xa estaban escritos cando se completou o libro do que fala o capítulo, cales posiblemente xa se completaran e cales non. Aínda así, non sabemos exactamente cando se remataron de escribir moitos dos libros da Biblia. Por iso non é posible dicir con seguridade a orde exacta na que se escribiu cada un dos 66 libros.

OUTRAS CARACTERÍSTICAS

RECADROS CON INFORMACIÓN ADICIONAL

Cada un destes recadros está identificado polo número do capítulo e unha letra en orde consecutiva. As letras mostran a orde na que aparecen os recadros na versión impresa, pero pode que non coincidan coa orde na que aparecen nos parágrafos ou na versión dixital.

LIÑAS DE TEMPO

As liñas de tempo pódenche axudar a visualizar cando ocorreron os diferentes acontecementos ó longo do tempo. Cando se produce un salto de tempo indícase cunhas dobreces para que encaixe na imaxe, tal e como se mostra a continuación. Noutros casos, estas dobreces indican un período de tempo descoñecido.

TÁBOAS

Estes recadros destacan como se relacionan entre si os diferentes libros da Biblia. Por exemplo, hai profecías que se mencionan nun libro bíblico e o seu cumprimento aparece noutro. Algúns escritores da Biblia citaron do que escribiron outros. Incluso hai algúns principios, temas e relatos dos que se fala en varios libros.

MAPAS

Os mapas pódenche axudar a localizar os lugares e a visualizar as viaxes que aparecen na Biblia. Tódolos mapas están orientados cara ó norte e inclúen unha escala que permite calcular as distancias. En moitos casos non se sabe con exactitude onde estaba certo lugar ou por onde pasaba certa ruta. Os seguintes símbolos permiten identificar os elementos do mapa.

ÁRBORES XENEALÓXICAS

As árbores xenealóxicas serven para saber como están emparentados algúns dos personaxes máis destacados da Biblia. Isto pode axudarche a entender mellor algúns relatos.