Feitos dos Apóstolos 26:1-32

  • Paulo deféndese diante de Agripa (1-11)

  • Paulo conta como se fixo cristián (12-23)

  • Respostas de Festo e Agripa (24-32)

26  Agripa díxolle a Paulo: “Podes presentar a túa defensa”. Entón Paulo fixo un xesto coa man e empezou a falar: 2  “Rei Agripa, estou moi contento de poder defenderme hoxe diante de ti de tódalas cousas das que me acusan os xudeus, 3  sobre todo porque es un experto en tódolos costumes e conflitos dos xudeus. Por iso che suplico que me escoites con paciencia. 4  ”A vida que levei desde que era novo entre a miña xente* e en Xerusalén coñécena ben tódolos xudeus 5  que me coñecen de antes. Se quixesen, poderían testificar que vivín como fariseo de acordo co grupo máis estrito* da nosa relixión. 6  Pero agora estáseme xulgando pola esperanza que teño na promesa que Deus lles fixo ós nosos antepasados. 7  Esta é a mesma promesa que as nosas 12 tribos esperan ver cumprida ó darlle servizo sagrado a Deus día e noite con moito entusiasmo. Pois resulta, oh rei, que os xudeus estanme acusando porque teño esta esperanza. 8  ”Por que vos parece* imposible que Deus resucite* os mortos? 9  Eu mesmo estaba convencido de que tiña que usar tódolos medios posibles para loitar contra o nome de Xesús o Nazareno. 10  Iso foi xusto o que fixen en Xerusalén. Coa autorización dos sacerdotes principais, metín na prisión moitos dos seus discípulos*. E cando os ían executar, eu votaba a favor. 11  Moitas veces ía de sinagoga en sinagoga castigándoos e intentando obrigalos a renunciar á súa fe. Como sentía tanta rabia contra eles, cheguei ó punto de perseguilos incluso en cidades apartadas. 12  ”Por iso fun a Damasco, porque os sacerdotes principais déranme a autoridade e o encargo de facer alí o mesmo. 13  Pero ó mediodía, oh, rei, vin no camiño unha luz do ceo máis brillante que o sol, que nos rodeou a min e ós que ían comigo. 14  Cando todos caemos ó chan, oín unha voz que me dicía en hebreo: ‘Saulo, Saulo, por que me estás perseguindo? Estaslle dando patadas* ó aguillón* e estaste facendo dano a ti mesmo’. 15  Eu pregunteille: ‘Señor, ti quen es?’. E el contestoume: ‘Son Xesús, a quen estás perseguindo. 16  Levántate, ponte de pé. Aparecinme diante de ti para escollerte como servo e como testemuña das cousas que viches e das que che farei ver sobre min. 17  E eu salvareite deste pobo e das nacións, ás que te vou enviar 18  para que lles abras os ollos, para que se volvan da escuridade á luz e da autoridade de Satanás á de Deus. Así, pola súa fe en min, poderán recibir o perdón dos pecados e unha herdanza entre os que son santificados*’. 19  ”Así que, rei Agripa, eu obedecín o que Xesús me mandou nesa visión. 20  Primeiro fun ós de Damasco, despois ós de Xerusalén e a toda a rexión de Xudea, e tamén ás nacións. Leveilles a mensaxe de que se arrepentisen e se volvesen a Deus, e demostrasen con feitos o seu arrepentimento. 21  Por iso os xudeus colléronme no templo e intentaron matarme. 22  Pero, grazas á axuda de Deus, sigo dando testemuño ata o día de hoxe tanto a grandes como a pequenos. Non digo nada que vaia máis alá do que os Profetas e Moisés dixeron que ía pasar: 23  que o Cristo ía sufrir e que el, que sería o primeiro en resucitar de entre os mortos, anunciaría luz a este pobo e ás nacións”. 24  Mentres Paulo dicía estas cousas na súa defensa, Festo berrou: “Toleaches, Paulo! De tanto estudar, fóiseche a cabeza!”. 25  Pero Paulo contestoulle: “Non me volvín tolo, excelentísimo Festo. O que digo é certo e ten sentido. 26  De feito, sei que o rei ó que lle estou falando con tanta franqueza coñece moi ben todas estas cousas. Estou convencido de que nada disto é descoñecido para el, porque ningunha destas cousas se fixo en segredo. 27  Rei Agripa, cres no que din os Profetas*? Eu sei que cres”. 28  Pero Agripa díxolle a Paulo: “Non ías tardar moito en convencerme para que me fixese cristián”. 29  Paulo respondeulle: “Pídolle a Deus que, antes ou despois, non só ti senón tamén tódolos que me están escoitando hoxe cheguen a ser cristiáns coma min, pero sen ter que levar estas cadeas”. 30  Entón o rei púxose de pé, e tamén o gobernador, Berenice e os homes que estaban alí sentados con eles. 31  Mentres ían saíndo, dicíanse uns ós outros: “Este home non fixo nada polo que mereza morrer nin estar preso”. 32  E Agripa díxolle a Festo: “Este home xa podería estar libre se non apelase a César”.

Notas ó pé

Ou “nación”.
Ou “coa seita máis estrita”. Ver glosario seita.
Lit. “se xulga”.
Lit. “levante”.
Lit. “santos”.
Ou “couces”.
O termo orixinal refírese a unha vara cun extremo afiado, o aguillón, que se usa para facer que un animal se mova. Ver glosario aguillada.