Feitos dos Apóstolos 23:1-35
23 Paulo mirou fixamente cara ó Sanedrín e dixo: “Irmáns, ata o día de hoxe actuei cunha conciencia completamente limpa diante de Deus”.
2 Ó escoitar isto, o sumo sacerdote Ananías mandoulles ós que estaban onda Paulo que lle pegasen na boca.
3 Entón Paulo díxolle: “Deus vaiche pegar a ti, hipócrita!* Séntaste a xulgarme segundo a Lei e ó mesmo tempo vas en contra dela mandando que me peguen. Paréceche que está ben facer iso?”.
4 Os que estaban ó seu lado dixéronlle: “Atréveste a insultar o sumo sacerdote de Deus?”.
5 Paulo respondeulles: “Irmáns, non sabía que era o sumo sacerdote. Porque está escrito: ‘Non insultes a ningún dos gobernantes do teu pobo’”.
6 Como Paulo sabía que no Sanedrín uns eran saduceos e outros fariseos, dixo ben alto: “Irmáns, eu son fariseo, fillo de fariseos. Hoxe estáseme xulgando porque creo na resurrección dos mortos”.
7 Iso fixo que os fariseos e os saduceos se puxesen a discutir e a asemblea dividiuse,
8 porque os saduceos din que non hai resurrección nin anxos nin espíritos, pero os fariseos cren en todas estas cousas.
9 Así que se armou un barullo moi grande. Entón, algúns escribas do grupo dos fariseos levantáronse e empezaron a protestar moi furiosos. Dicían: “Non encontramos nada malo neste home. E se resulta que lle falou un espírito ou un anxo?”.
10 Ó ver que a discusión cada vez ía a máis, o comandante militar tivo medo de que matasen a Paulo. Así que mandou que baixasen os soldados para que o sacasen de alí e o levasen ó cuartel.
11 Pero esa mesma noite, o Señor aparecéuselle a Paulo e díxolle: “Sé valente! Porque, igual que deches testemuño completo de min en Xerusalén, tamén terás que dar testemuño en Roma”.
12 Cando se fixo de día, os xudeus tramaron unha conspiración e fixeron o xuramento* de non comer nin beber ata que matasen a Paulo.
13 Eran máis de 40 homes os que xuraron participar nesta conspiración.
14 Así que foron a ver os sacerdotes principais e os anciáns, e dixéronlles: “Fixemos o xuramento solemne de non comer nada ata que matemos a Paulo.
15 Por iso, falade vós e o Sanedrín co comandante militar para que baixe a Paulo a onde estades vós. E facede coma se quixésedes analizar o seu caso máis a fondo. Nós estaremos preparados para matalo antes de que chegue”.
16 Pero o sobriño* de Paulo soubo da emboscada que estaban planeando. Así que foi ó cuartel dos soldados e contoullo a Paulo.
17 Entón Paulo chamou un oficial do exército e díxolle: “Leva este rapaz onda o comandante militar, porque ten algo que contarlle”.
18 O oficial colleuno e levouno onda o comandante. Díxolle: “O home que temos preso, Paulo, chamoume e pediume que che trouxese este rapaz, porque ten algo que contarche”.
19 O comandante colleu o rapaz da man, levouno a un lado e preguntoulle en privado: “Que tes que dicirme?”.
20 El díxolle: “Os xudeus puxéronse de acordo para pedirche que mañá fagas baixar a Paulo onda o Sanedrín. Van facer coma se quixesen saber máis detalles sobre o seu caso.
21 Pero non te deixes convencer, porque teñen máis de 40 homes preparados para tenderlle unha emboscada. Ademais fixeron o xuramento de non comer nin beber nada ata que o maten. Xa están listos esperando a que autorices o que che pediron”.
22 O comandante deixou ir o rapaz, pero antes mandoulle: “Non lle digas a ninguén que me contaches isto”.
23 Despois chamou dous oficiais do exército e díxolles: “Preparade 200 soldados para saír cara a Cesarea arredor das 9 da noite*. Levade tamén 70 xinetes e 200 lanceiros.
24 E preparade cabalos para levar a Paulo e entregarllo san e salvo ó gobernador Félix”.
25 Entón escribiu unha carta que dicía:
26 “De parte de Claudio Lisias para o excelentísimo gobernador Félix: Saúdos!
27 Os xudeus colleron este home e estaban a punto de matalo. Pero cando souben que era cidadán romano, fun inmediatamente cos meus soldados e rescateino.
28 Despois fíxeno baixar ó seu Sanedrín, porque quería saber por que o acusaban.
29 E descubrín que o acusaban de cousas relacionadas coa súa Lei, pero non era nada que merecese a morte ou a prisión.
30 Entón avisáronme de que hai unha conspiración para matalo. Por iso cho enviei rapidamente e tamén lles mandei ós que o acusan que presenten as súas acusacións diante de ti”.
31 Os soldados obedeceron as súas ordes: colleron a Paulo e levárono de noite a Antípatris.
32 Ó día seguinte, deixaron que os xinetes seguisen a viaxe con Paulo, pero o resto dos soldados volveron ó cuartel.
33 Cando os xinetes entraron en Cesarea, entregáronlle a carta ó gobernador e tamén levaron a Paulo onda el.
34 O gobernador leu a carta e preguntou de que provincia era Paulo, e descubriu que era de Cilicia.
35 Entón o gobernador dixo: “Escoitarei todo o teu caso cando cheguen os que te acusan”. Despois, mandou que o puxesen baixo custodia no palacio de Herodes.

