Feitos dos Apóstolos 18:1-28

  • Paulo predica en Corinto (1-17)

  • Volve a Antioquía de Siria (18-22)

  • Paulo vai a Galacia e Frixia (23)

  • Priscila e Áquila axudan a Apolos (24-28)

18  Despois, Paulo marchou de Atenas e foi para Corinto. 2  Alí encontrou a Áquila, un xudeu que nacera na rexión do Ponto. Había pouco que chegara de Italia coa súa muller Priscila, porque o emperador Claudio mandara que tódolos xudeus marchasen de Roma. Así que Paulo foinos ver 3  e, como tiñan o mesmo oficio, quedou na súa casa e empezou a traballar con eles. Dedicábanse a facer tendas de campaña. 4  Tódolos sábados Paulo daba un discurso* na sinagoga e convencía tanto a xudeus como a gregos. 5  Cando Silas e Timoteo baixaron de Macedonia, Paulo dedicouse por completo a ensinar a palabra de Deus e demostráballes ós xudeus que Xesús é o Cristo. 6  Pero como non deixaban de poñerse en contra del e de insultalo, sacudiu o po da súa roupa e díxolles: “Sodes responsables da vosa propia morte*. Eu non teño culpa. A partir de agora irei onda a xente das nacións”. 7  Así que saíu da sinagoga e entrou na casa de Ticio Xusto, un home que adoraba a Deus e que vivía ó ladiño da sinagoga. 8  Crispo, o presidente da sinagoga, e tódolos da súa casa creron no Señor. E moitos corintios que escoitaron a mensaxe tamén empezaron a crer e bautizáronse. 9  Ademais, unha noite, o Señor Xesús díxolle a Paulo nunha visión: “Non teñas medo. Ti sigue falando e non quedes calado, 10  porque eu estou contigo e ninguén te atacará para facerche mal. Porque teño moita xente nesta cidade”. 11  Así que quedou alí un ano e seis meses ensinándolles a palabra de Deus. 12  Mentres Galión era procónsul* de Acaia, os xudeus puxéronse de acordo para atacar a Paulo e levárono diante do tribunal. 13  Dicían: “Este home está convencendo a xente para que adore a Deus dunha maneira que vai en contra da lei”. 14  Cando Paulo estaba a punto de falar, Galión díxolles ós xudeus: “Se de verdade isto fose unha inxustiza ou un delito grave, tería razóns para escoitarvos con paciencia. 15  Pero se se trata de cuestións de palabras, de persoas e da vosa propia lei, é cousa vosa. Eu non quero xulgar estes asuntos”. 16  Entón botounos do tribunal. 17  Así que todos colleron a Sóstenes, o presidente da sinagoga, e empezaron a pegarlle en fronte do tribunal. Pero Galión non quixo meterse no asunto. 18  Paulo quedou alí bastantes días. Despois, despediuse dos irmáns e embarcou para Siria con Priscila e Áquila. En Céncreas cortou o pelo porque fixera un voto*. 19  Cando chegaron a Éfeso, deixounos alí, pero el entrou na sinagoga e púxose a razoar cos xudeus. 20  Aínda que lle pediron que quedase alí máis tempo, el non aceptou. 21  En vez diso, despediuse deles e díxolles: “Se Xehová* quere, volverei a visitarvos”. Despois embarcou en Éfeso 22  e baixou a Cesarea. Entón subiu*, saudou a congregación e baixou a Antioquía. 23  Pasou algún tempo alí, e despois marchou e viaxou dun lugar a outro por toda a rexión de Galacia e Frixia fortalecendo a tódolos discípulos. 24  Apolos, un xudeu que nacera en Alexandría, chegou a Éfeso. Era un home que falaba con moita habilidade e que coñecía moi ben as Escrituras. 25  A el ensináranlle o camiño de Xehová*. Grazas ó espírito santo, estaba cheo de entusiasmo, e falaba e ensinaba con exactitude acerca de Xesús, pero só coñecía o bautismo de Xoán. 26  Apolos empezou a falar con valor na sinagoga pero, cando Priscila e Áquila o escoitaron, explicáronlle en privado o camiño de Deus con máis exactitude. 27  Ademais, como el quería ir a Acaia, os irmáns de Éfeso escribíronlles ós discípulos de alí para pedirlles que o recibisen con amabilidade. Cando chegou a Acaia, axudoulles moito ós que se fixeran crentes grazas á bondade inmerecida de Deus, 28  porque lles demostrou coas Escrituras que Xesús é o Cristo. Así probou en público e con moito entusiasmo que os xudeus estaban equivocados.

Notas ó pé

Ou “razoaba coa xente”.
Lit. “Que o voso sangue estea sobre as vosas cabezas”.
Gobernador romano dunha provincia. Ver glosario procónsul.
Ó parecer, a Xerusalén.