Feitos dos Apóstolos 1:1-26
1 Querido Teófilo, no primeiro relato escribinche sobre tódalas cousas que Xesús fixo e ensinou
2 ata o día no que foi levado ó ceo, despois de darlles instrucións mediante espírito santo ós apóstolos que escollera.
3 Despois de sufrir, presentouse diante deles dándolles moitas probas convincentes de que estaba vivo. Eles vírono durante 40 días e el faloulles do Reino de Deus.
4 Mentres estaba reunido con eles, Xesús mandoulles: “Non marchedes de Xerusalén. Seguide esperando polo que prometeu meu Pai, iso do que eu vos falei.
5 Porque Xoán bautizou con auga, pero vós seredes bautizados con espírito santo dentro de poucos días”.
6 Así que, cando se volveron a xuntar con el, preguntáronlle: “Señor, é agora cando vas restaurar o reino en Israel?”.
7 El respondeulles: “Só o Pai que está nos ceos ten a autoridade para escoller o tempo no que van pasar as cousas, e vós non necesitades* saber cales son eses tempos.
8 Pero cando recibades o espírito santo*, teredes poder e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda Xudea e Samaria, e ata a parte máis distante da terra*”.
9 Despois de dicir estas cousas, Xesús foi levado cara arriba mentres eles miraban. Entón, tapouno unha nube e deixaron de velo.
10 Mentres seguían mirando atentamente para o ceo, de repente apareceron ó lado deles dous homes vestidos de branco
11 e dixéronlles: “Homes de Galilea, por que estades aí de pé mirando para o ceo? Este Xesús, que estaba con vós e que foi levado ó ceo, virá da mesma maneira que o vistes marchar”.
12 Despois, eles volveron a Xerusalén desde o Monte das Oliveiras, que está cerca de Xerusalén, tan só á distancia que está permitida viaxar en sábado*.
13 Cando chegaron, subiron ó cuarto de arriba no que se aloxaban. Estaban Pedro, Xoán, Santiago e Andrés, Felipe e Tomás, Bartolomé e Mateo, Santiago, que era fillo de Alfeo, Simón o Entusiasta e Xudas, que era fillo de Santiago.
14 Todos tiñan un mesmo obxectivo e non deixaban de orar xunto con algunhas mulleres, cos irmáns de Xesús e con María, a súa nai.
15 Neses días, xuntouse un grupo duns 120 irmáns. Entón Pedro púxose de pé no medio deles e díxolles:
16 “Irmáns, tiña que cumprirse o que din as Escrituras, o que o espírito santo profetizara mediante David sobre Xudas, que foi o guía dos que arrestaron a Xesús.
17 El era un dos nosos e foi escollido para servir xunto con nós.
18 (Resulta que este home comprou un campo cos cartos que lle pagaron pola súa maldade. E cando caeu de cabeza, rebentoulle o corpo e saíronlle as tripas para fóra.
19 Tódolos habitantes de Xerusalén chegaron a saber isto e por iso lle chamaron a aquel campo Akéldama, que no seu idioma quere dicir ‘campo de sangue’.)
20 Porque está escrito no libro dos Salmos ‘Que a súa casa quede deserta e que ninguén viva nela’ e ‘Que o seu posto de superintendente o ocupe outro’.
21 Así que é necesario substituír a Xudas. Por iso, necesitamos escoller un dos homes que estivo con nós durante todo o tempo que o Señor Xesús realizou as súas actividades entre nós,
22 desde que Xoán o bautizou ata o día no que foi levado ó ceo. Un deses homes ten que chegar a ser testemuña con nós da súa resurrección”.
23 Así que propuxeron a dous: a Xosé, ó que lle chamaban Barsabás, tamén coñecido como Xusto, e a Matías.
24 Despois oraron e dixeron: “Oh, Xehová*, ti coñeces o corazón de todos. Dinos a cal destes dous homes escolliches
25 para recibir este ministerio e ser apóstolo no lugar de Xudas, porque el abandonou o seu labor para ir polo seu propio camiño”.
26 Entón botaron sortes* e a sorte caeu sobre Matías, e foi engadido ó grupo dos* 11 apóstolos.

