Xénese 49:1-33
49 Xacob chamou os seus fillos e díxolles: “Xuntádevos para que vos diga o que vos vai pasar no futuro*.
2 Xuntádevos e escoitádeme, fillos de Xacob. Escoitade o voso pai Israel.
3 ”Rubén, ti es o meu primoxénito, o froito do meu vigor e o inicio da miña descendencia. Eras superior en dignidade e forza.
4 Pero non destacarás, porque fuches como augas axitadas e non te controlaches. Deitácheste coa concubina* de teu pai*. Naquela ocasión deshonraches* a miña cama. Si, iso foi o que fixo Rubén!
5 ”Simeón e Leví son irmáns. Son homes violentos. Usan as súas armas para matar.
6 Oh, miña alma*, non te xuntes con eles. Oh, meu honor*, non te unas a eles. Porque cando estaban cheos de ira, mataron homes e cortáronlles os tendóns das patas ós touros para divertirse.
7 Que a súa ira e a súa furia sexan malditas, porque fixeron que se comportasen dunha maneira cruel e insensible. Eu dispersarei os vosos descendentes polo territorio de Xacob e espallareinos por todo Israel.
8 ”Xudá, a ti os teus irmáns louvarante. Agarrarás o pescozo dos teus inimigos coa túa man. Os descendentes dos teus irmáns inclinaranse diante de ti.
9 Xudá é un cachorro de león. Meu fillo, ti subirás despois de cazar a túa presa. El agachouse e estirouse coma un león. E quen se atreve a provocar a un león?
10 O cetro* non se apartará de Xudá, nin o bastón de mando se apartará de entre os seus pés, ata que veña Siló*, a quen os pobos terán que obedecer.
11 Xudá atará o seu burro a unha vide e atará a cría do seu burro a unha vide moi boa. Lavará a súa roupa en viño e a súa vestimenta no sangue das uvas.
12 Os seus ollos son de cor vermella escura polo viño e os seus dentes son brancos polo leite.
13 ”Zabulón vivirá xunto ó mar, cerca da costa onde os barcos botan as súas áncoras. E o extremo máis apartado do seu territorio estará en dirección a Sidón.
14 ”Isacar é un burro de ósos fortes que está deitado entre as alforxas*.
15 El verá que o lugar para descansar é bo e que a terra é bonita. Baixará o seu ombro para levar cargas e aceptará que o obriguen a traballar duro coma un escravo.
16 ”Dan, que é unha das tribos de Israel, xulgará a todo o pobo.
17 Dan será unha serpe á beira do camiño, unha víbora cornuda ó lado do sendeiro, que morde as patas* do cabalo e fai que o xinete caia para atrás.
18 Oh, Xehová, esperarei a que ti nos salves.
19 ”Gad será atacado por unha banda de ladróns, pero el defenderase e irá detrás deles pisándolles os talóns.
20 ”Aser terá moita comida* e producirá alimentos dignos dun rei.
21 ”Neftalí é unha cerva áxil e fala con palabras moi bonitas.
22 ”Xosé é o brote dunha árbore que dá froito, unha árbore que dá froito e que está ó lado dun manancial, e as súas ramas pasan por enriba do muro.
23 Pero os arqueiros odiábano, atacábano e disparábanlle.
24 Aínda así, o seu arco mantívose firme e as súas mans seguiron sendo fortes e áxiles. Iso foi grazas ás mans do poderoso que axuda a Xacob, grazas ó pastor, á pedra de Israel.
25 El* é un regalo do Deus ó que serve seu pai, e Deus axudaralle. El está co Todopoderoso, e Deus bendicirao con auga desde os ceos, con auga desde as profundidades e con moitos fillos e animais*.
26 As bendicións do seu pai serán superiores ás bendicións das montañas eternas e ás cousas valiosas dos montes eternos. Esas bendicións seguirán sobre a cabeza de Xosé, no alto da cabeza do que foi escollido entre os seus irmáns.
27 ”Benxamín irá desgarrando a súa presa coma un lobo. Pola mañá comerá a súa presa e á tardiña repartirá o botín”.
28 De todos estes veñen as 12 tribos de Israel e iso foi o que lles dixo o seu pai cando os bendiciu. Deulle a cada un a bendición que lle correspondía.
29 Despois diso, deulles estas instrucións ós seus fillos: “Vou morrer pronto*. Enterrádeme cos meus antepasados na cova que está no campo de Efrón o hitita.
30 Esa é a cova que está no campo de Macpelá, en fronte de Mamré, na terra de Canaán. Ese foi o campo que lle comprou Abrahán a Efrón o hitita para usalo como sepultura.
31 Alí enterraron a Abrahán e a súa muller Sara. Alí enterraron a Isaac e a súa muller Rebeca. E alí enterrei eu a Lea.
32 Compráronlles o campo e a cova que hai nel ós fillos de Het”.
33 Cando Xacob acabou de darlles estas instrucións ós seus fillos, tumbouse na cama, deu o seu último alento e morreu, igual que os seus antepasados*.
Notas ó pé
^ Ou “na parte final dos días”.
^ Lit. “Subiches á cama de teu pai”.
^ Ou “profanaches”.
^ Ou quizais “miña disposición”.
^ Que significa “aquel de quen é” ou “aquel a quen pertence”.
^ Ou “as dúas bolsas de carga”.
^ Lit. “os talóns”.
^ Ou “moito pan”.
^ É dicir, Xosé.
^ Lit. “coas bendicións dos peitos e da matriz”.
^ Ou “Vou ser reunido co meu pobo”. Esta é unha forma poética de referirse á morte.
^ Ou “e foi reunido co seu pobo”. Esta é unha forma poética de referirse á morte.

