Xénese 39:1-23

  • Xosé na casa de Potifar (1-6)

  • Xosé rechaza a muller de Potifar (7-20)

  • Xosé na prisión (21-23)

39  Os ismaelitas levaron a Xosé a Exipto. Alí vendéronllo a un exipcio que se chamaba Potifar, que era un funcionario da corte do faraón e o xefe da súa garda. 2  Pero Xehová estaba con Xosé, e por iso as cousas lle foron ben. De feito, o seu amo, o exipcio, púxoo como encargado da súa casa. 3  O seu amo deuse conta de que Xehová estaba con Xosé e de que Xehová facía que tódalas cousas lle saísen ben. 4  Potifar estaba moi contento con Xosé* e nomeouno o seu axudante persoal. De feito, púxoo a cargo da súa casa e de todo o que tiña. 5  Desde o momento no que Potifar puxo a Xosé a cargo da súa casa e de todo o que tiña, Xehová empezou a bendicir a casa do exipcio grazas a Xosé. Xehová bendiciu todo o que el tiña, tanto na casa coma no campo. 6  Co tempo, Potifar deixou todo nas mans de Xosé e non tiña que preocuparse de nada, só do que quería comer. Por outro lado, Xosé chegou a ser un rapaz forte e atractivo. 7  Algún tempo despois, a muller de Potifar empezou a fixarse en Xosé e a dicirlle: “Déitate comigo”. 8  Pero el negábase e respondíalle: “O meu amo non necesita preocuparse de ningunha cousa da casa porque me ten a min e confioume todo o que ten. 9  Nesta casa non hai ninguén con máis autoridade ca min, e o meu amo non me negou nada excepto a ti, porque es a súa muller. Así que, como podería eu facer algo tan malo e, en realidade, pecar contra Deus?”. 10  Ela intentaba convencelo día tras día, pero Xosé nunca aceptaba deitarse con ela nin estar a soas con ela. 11  Un día, Xosé entrou na casa para traballar e non había ningún servo alí. 12  Entón a muller de Potifar agarrouno pola roupa e díxolle: “Déitate comigo!”. Pero el escapou correndo e ela quedou coa roupa del nas mans. 13  Cando ela viu que Xosé escapaba correndo e quedaba coa súa roupa nas mans, 14  púxose a berrar para chamar os servos da casa e díxolles: “Mirade! Ese hebreo que trouxo meu home quixo rirse de nós. Veu onda min para intentar violarme*, pero eu púxenme a berrar con tódalas miñas forzas. 15  E en canto me escoitou berrar, escapou correndo e deixou a súa roupa aquí”. 16  Despois diso, ela puxo a roupa del ó seu lado ata que Potifar, o amo de Xosé, chegou á casa. 17  Entón ela contoulle a mesma historia a Potifar. Díxolle: “O servo hebreo que trouxeches quixo burlarse de min. 18  Pero en canto me puxen a berrar, escapou correndo e deixou a súa roupa aquí”. 19  Cando o amo de Xosé escoitou o que lle dixo a súa muller sobre o que lle fixera o seu servo, púxose moi furioso. 20  Así que o amo de Xosé colleuno e meteuno no cárcere no que se encerraban os presos do rei. E Xosé quedou alí encerrado. 21  Pero Xehová seguiu estando con Xosé. Seguiulle mostrando amor leal e fixo que tivese a aprobación do xefe da prisión. 22  Por iso o xefe da prisión puxo a Xosé a cargo de tódolos demais presos que estaban encerrados alí. Xosé encargábase de que fixesen todo o que tiñan que facer. 23  O xefe da prisión non tiña que preocuparse absolutamente de nada do que lle encargaba a Xosé, porque Xehová estaba con Xosé e Xehová facía que todo lle saíse ben.

Notas ó pé

^ Ou “Xosé seguiu conseguindo a aprobación de Potifar”.
^ Ou “intentar deitarse comigo”.