Xénese 13:1-18
13 Abrán saíu de Exipto e subiu ó Négueb coa súa muller e con todo o que tiña. E Lot tamén ía con eles.
2 Abrán era moi rico: tiña moito gando, moita prata e moito ouro.
3 Mentres viaxaba do Négueb a Betel, foi acampando en varios sitios polo camiño. Entón, chegou ó lugar que estaba entre Betel e Ai, o sitio onde antes puxera a súa tenda
4 e onde xa fixera un altar. Alí Abrán invocou* o nome de Xehová.
5 Lot, que viaxaba con Abrán, tamén tiña ovellas, vacas e tendas de campaña.
6 Pero como os dous chegaran a ter tantos bens, non había espazo suficiente para todos e non podían seguir vivindo xuntos no mesmo sitio.
7 Por iso empezou a haber pelexas entre os servos que coidaban o gando de Abrán e os servos que coidaban o gando de Lot. (Naquel tempo, os cananeos e os perizitas vivían nesa terra.)
8 Así que Abrán díxolle a Lot: “Por favor, que non haxa pelexas entre nós os dous, nin entre os teus servos e os meus, porque somos familia*.
9 Podes escoller calquera parte deste país para vivir, non? Por favor, separémonos. Se ti vas para a esquerda, eu irei para a dereita. E se ti vas para a dereita, eu irei para a esquerda”.
10 Lot levantou a mirada e viu todo o distrito do Xordán, ata Zóar. Viu que era unha rexión con moita auga, igual que o xardín de Xehová e a terra de Exipto. Así era aquela rexión antes de que Xehová destruíse Sodoma e Gomorra.
11 Así que Lot escolleu todo o distrito do Xordán e moveu o seu campamento ó leste. Entón Abrán e Lot separáronse.
12 Abrán quedou a vivir na terra de Canaán e Lot foi a vivir cerca das cidades do distrito. Ó final estableceu o seu campamento cerca de Sodoma.
13 Pero a xente de Sodoma era moi mala e cometía pecados moi graves contra Xehová.
14 Despois de que Lot se separase de Abrán, Xehová díxolle a Abrán: “Por favor, levanta a mirada. Desde onde estás, mira para o norte e para o sur, para o leste e para o oeste.
15 Toda a terra que ves, vóuvola dar a ti e á túa descendencia, e será vosa de forma permanente.
16 Vou facer que os teus descendentes sexan tantos como as partículas de po que hai na terra. Só alguén que puidese contar as partículas de po da terra podería contar os teus descendentes.
17 Veña, viaxa por toda esta terra porque cha vou dar a ti”.
18 Así que Abrán marchou e seguiu vivindo en tendas de campaña. Tempo despois, quedou a vivir cerca das árbores grandes de Mamré, que están en Hebrón, e alí fíxolle un altar a Xehová.

