Xénese 2:1-25
2 Así, quedaron terminados os ceos, a terra e todo o que hai neles*.
2 Antes de que empezase o sétimo día*, Deus xa acabara a súa obra. E o sétimo día, púxose a descansar de todo o que estivera facendo.
3 Entón Deus bendiciu o sétimo día e declarouno sagrado, porque neste día Deus está descansando despois de crear todo de acordo co seu propósito.
4 Esta é a historia dos ceos e da terra, do tempo no que foron creados, do día que Xehová* Deus fixo o ceo e a terra.
5 Aínda non había arbustos na terra nin medraran outras plantas, porque Xehová Deus non fixera que chovese sobre a terra e non había ninguén que cultivase o terreo.
6 Pero unha néboa* subía da terra e mollaba toda a superficie do chan.
7 Entón Xehová Deus formou o home do po da terra, soproulle o alento de vida no nariz e o home chegou a ser un ser vivo*.
8 Ademais, Xehová Deus fixo un xardín na parte leste de Edén e puxo alí o home que creara.
9 Xehová Deus tamén fixo que medrasen da terra todo tipo de árbores bonitas e que daban bo froito. E fixo que medrasen a árbore da vida* no medio do xardín e a árbore do coñecemento do bo e do malo.
10 De Edén saía un río que regaba o xardín, e desde alí dividíase en catro ríos*.
11 O primeiro río chámase Pisón. É o río que rodea toda a terra de Havilá, na que hai ouro.
12 O ouro desa terra é de moi boa calidade. Alí tamén hai resina de bedelio e pedra de ónix.
13 O segundo río chámase Guihón. É o río que rodea toda a terra de Cus.
14 O terceiro río chámase Tigris*. É o río que vai cara ó leste de Asiria. E o cuarto río é o Éufrates.
15 Xehová Deus puxo o home no xardín de Edén para que o cultivase e o coidase.
16 Ademais, Xehová Deus deulle ó home este mandato: “Podes comer de tódalas árbores do xardín ata que quedes satisfeito.
17 Pero non debes comer da árbore do coñecemento do bo e do malo, porque o día no que comas dela podes estar seguro de que morrerás”.
18 Entón Xehová Deus dixo: “Non é bo que o home siga estando só. Voulle facer unha compañeira que lle axude e o complemente”.
19 Xehová Deus estivera formando do po da terra tódolos animais salvaxes* e os animais que voan polos ceos. E foillos levando ó home para ver como lle chamaba a cada un. Cada animal* chamouse como dixo o home.
20 Así que o home púxolles nome ós animais domésticos, ós animais que voan polos ceos e a tódolos animais salvaxes. Pero o home non tiña ningunha compañeira que lle axudase e o complementase.
21 Por iso Xehová Deus fixo que o home quedase profundamente durmido e, mentres durmía, quitoulle unha das costelas e pechou esa zona.
22 E da costela que lle sacou, Xehová Deus fixo unha muller e levoulla ó home.
23 Entón o home dixo:
“Por fin alguén que é óso dos meus ósose carne da miña carne.
Chamaráselle Muller,porque saíu do home”.
24 Por iso, o home deixará o seu pai e a súa nai, unirase á* súa muller e eles serán unha soa carne*.
25 O home e a muller seguían espidos, pero non lles daba vergonza.
Notas ó pé
^ Lit. “e todo o seu exército”.
^ Na Biblia, a palabra día pode referirse a períodos de tempo de distinta duración, non só de 24 horas.
^ Esta é a primeira vez que aparece na Biblia o nome propio de Deus, יהוה (IHVH, aínda que tamén é unha forma habitual YHWH). Ver apén. A4.
^ Ó parecer, a auga evaporábase, subía regularmente desde o chan, condensábase e proporcionaba humidade para que a vexetación medrase.
^ Ou “unha alma viva”, “unha persoa viva”. A palabra hebrea é néfesh, que literalmente significa “criatura que respira”. Ver glosario alma.
^ Lit. “convertíase en catro cabezas”.
^ Lit. “Hidequel”.
^ Lit. “seres vivos do campo”.
^ Ou “alma viva”.
^ Ou “permanecerá coa”. A palabra hebrea orixinal significa adherirse firmemente, coma con pegamento.
^ Ou “un só ser”.

