Xénese 21:1-34
21 Xehová fixouse en Sara tal e como dixera, e Xehová fixo por ela o que prometera.
2 Así que Sara quedou embarazada e tivo un fillo con Abrahán cando xa era vello, xusto cando Deus llo prometera a el.
3 Abrahán chamoulle Isaac ó fillo que tivo con Sara.
4 E ós oito días de nacer Isaac, Abrahán circuncidouno, tal como Deus lle mandara.
5 Abrahán tiña 100 anos cando naceu o seu fillo Isaac.
6 Entón Sara dixo: “Deus fíxome rir de alegría, e tódalas persoas que escoiten isto vanse rir comigo*”.
7 E engadiu: “Quen lle ía dicir a Abrahán que eu, Sara, lle daría de mamar a un fillo? E resulta que tiven un fillo agora que o meu home xa é vello!”.
8 Co tempo o neno medrou e, o día que o destetaron, Abrahán fixo un banquete moi grande.
9 Pero Sara empezou a notar que o fillo que Agar a exipcia tivera con Abrahán burlábase de Isaac.
10 Por iso lle dixo a Abrahán: “Bota de aquí esa escrava e o seu fillo! Porque o meu fillo Isaac non vai compartir a herdanza co fillo desa escrava”.
11 Pero a Abrahán doeulle moito o que Sara dixo do seu fillo Ismael.
12 Entón Deus díxolle a Abrahán: “Non te sintas mal polo que Sara che está dicindo do rapaz e da túa escrava. Escóitaa*, porque por medio de Isaac virá o que será chamado a túa descendencia.
13 Pero tamén vou facer que saia unha nación do fillo da túa escrava, porque el é o teu descendente”.
14 Así que Abrahán levantouse cedo pola mañá, colleu pan e un odre de auga e deullos a Agar. Púxolle tódalas cousas no ombro e despois mandouna marchar a ela e ó rapaz. Entón ela marchou e camiñou sen rumbo polo deserto de Beer-Seba.
15 Cando se acabou a auga do odre, ela deixou o rapaz debaixo dun arbusto.
16 Despois seguiu andando e sentouse soa a certa distancia*, porque dicía: “Non quero ver como morre o meu fillo”. E mentres estaba alí sentada púxose a chorar desconsoladamente.
17 Entón Deus escoitou o rapaz, e o anxo de Deus chamou a Agar desde os ceos e díxolle: “Que che pasa, Agar? Non teñas medo, porque Deus escoitou o rapaz alí onde está.
18 Levántate, axúdalle a el a levantarse e agárrao coa man, porque farei que chegue a ser unha nación grande”.
19 Entón Deus mostroulle a Agar un pozo de auga. Así que ela foi ata alí, encheu o odre* e deulle de beber ó seu fillo.
20 Mentres o rapaz medraba, Deus coidaba del. Ismael viviu no deserto e co tempo fíxose arqueiro.
21 Quedou a vivir no deserto de Parán e a súa nai buscoulle unha muller da terra de Exipto para que casase con ela.
22 Naquel tempo, Abimélec foi con Ficol, o xefe do seu exército, a falar con Abrahán. Díxolle: “Deus está contigo en todo o que fas.
23 Xúrame por Deus aquí mesmo que non nos vas traizoar nin a min, nin ós meus fillos, nin ós fillos dos meus fillos. Xúrame tamén que nos vas demostrar a min e á xente da terra na que estiveches vivindo o mesmo amor leal que eu che demostrei a ti”.
24 Así que Abrahán dixo: “Xúroo”.
25 Pero Abrahán queixóuselle a Abimélec de que os seus servos lle quitaran un pozo de auga pola forza.
26 Abimélec contestoulle: “Non sabía nada disto ata agora. Por que non mo dixeches antes? Non teño nin idea de quen o fixo”.
27 Entón Abrahán colleu ovellas e vacas, e deullas a Abimélec. E os dous fixeron un pacto.
28 Cando Abrahán apartou sete cordeiras do rabaño,
29 Abimélec preguntoulle: “Por que apartaches esas sete cordeiras?”.
30 Abrahán contestoulle: “Tes que aceptar estas sete cordeiras que che dou como proba de que ese pozo o cavei eu”.
31 Por iso lle chamou Beer-Seba* a aquel lugar, porque alí os dous fixeran un xuramento.
32 Así que fixeron un pacto en Beer-Seba. Entón Abimélec volveu para a terra dos filisteos con Ficol, o xefe do seu exército.
33 Despois diso, Abrahán plantou un tamarisco* en Beer-Seba e alí invocou* o nome de Xehová, o Deus eterno.
34 E Abrahán quedou a vivir* na terra dos filisteos durante moito tempo*.
Notas ó pé
^ Ou quizais “rir de min”.
^ Lit. “Escoita a súa voz”.
^ Ou “á distancia que unha persoa pode disparar unha frecha”.
^ Que posiblemente significa “pozo do xuramento” ou “pozo de sete”.
^ Árbore de follas pequenas que, cando florece, bota flores rosas e brancas.
^ Ou “viviu como estranxeiro”.
^ Lit. “moitos días”.

