Segunda Carta ós Corintios 9:1-15
9 Non é necesario que vos escriba sobre o servizo* a favor dos santos*,
2 porque sei que estades moi dispostos a axudar, e presumo diso diante dos macedonios dicindo que os irmáns de Acaia están preparados para axudar desde hai un ano. Ademais, o voso entusiasmo serviulle de motivación á maioría deles.
3 Pero agora mándovos os irmáns para que de verdade esteades preparados, como dixen que estariades, e así non presumísemos de vós en balde.
4 Porque, se os macedonios fosen comigo e non estivésedes preparados, nós quedariamos avergonzados por confiar en vós, e vós aínda máis.
5 Por iso, pareceume necesario animar os irmáns a ir con tempo onda vós e a preparar con antelación o donativo tan xeneroso que prometestes. Así estará listo un donativo xeneroso, e non un que se fai á forza.
6 Pero tede en conta que o que sementa pouco recollerá pouco, e o que sementa moito recollerá moito.
7 Que cada un faga o que decidiu no seu corazón, non de mala gana nin á forza, porque Deus ama ó que dá con alegría.
8 Ademais, Deus pode mostrarvos a súa gran bondade inmerecida para que nunca vos falte o necesario*, e para que teñades de sobra para facer todo tipo de boas obras.
9 (Tal como está escrito: “El repartiu xenerosamente, deulles ós pobres. A súa xustiza permanece para sempre”.
10 Aquel que lle dá abundante semente ó sementador e pan para comer, dará e multiplicará a semente para que sementedes, e aumentará a colleita da vosa xustiza.)
11 A vós estásevos facendo ricos en todo para que sexades xenerosos de tódalas maneiras posibles, e por medio de nós esa xenerosidade fai que as persoas lle dean grazas a Deus.
12 Porque este servizo público que se está facendo* non consiste só en satisfacer as necesidades dos santos de maneira abundante, senón tamén en que moitas persoas lle dean moitas grazas a Deus.
13 Así, daranlle gloria a Deus, porque estes labores* de socorro demostran que actuades de acordo coas* boas noticias sobre o Cristo, as que anunciades publicamente, e que sodes xenerosos con eles e con todos.
14 E cando supliquen por vós, demostrarán o cariño que vos teñen grazas á extraordinaria bondade inmerecida de Deus que se vos mostrou.
15 Dámoslle grazas a Deus polo seu indescritible regalo.

