Segunda Carta ós Corintios 8:1-24

  • Colecta para os cristiáns de Xudea (1-15)

  • Mándase a Tito a Corinto (16-24)

8  Irmáns, agora queremos falarvos da bondade inmerecida de Deus que se lles mostrou ás congregacións de Macedonia. 2  Cando pasaron por unha proba moi dura na que sufriron moito, deron con moita alegría a pesar de ser moi pobres. Isto demostrou que eran moi xenerosos*. 3  De feito, asegúrovos* que deron todo o que puideron, e incluso máis do que podían dar. 4  Por iniciativa propia, suplicábannos unha e outra vez que lles concedésemos o honor de dar con bondade, e así participar nos labores* de socorro para axudar ós santos. 5  E eles fixeron máis do que esperabamos, porque primeiro esforzáronse de todo corazón por servir o Señor e axudáronnos de acordo coa vontade de Deus. 6  Así que animamos a Tito a que acabase de recoller os bondadosos donativos que fixerades, porque fora el quen empezara este labor. 7  Vós tedes moito de todo: fe, habilidade para falar, coñecemento, entusiasmo e o noso amor. Por iso, sede xenerosos cando deades con bondade. 8  Non vos estou dicindo isto para darvos un mandato, senón para que vos fixedes no entusiasmo doutros e para comprobar se o voso amor é sincero. 9  Porque xa coñecedes a bondade inmerecida do noso Señor Xesucristo: aínda que el era rico, fíxose pobre por vós, para que vós vos fixésedes ricos grazas á súa pobreza. 10  Douvos a miña opinión sobre este asunto. Isto é polo voso ben, porque xa hai un ano que empezastes este labor. De feito, demostrastes que queriades facelo. 11  Así que acabade o labor que empezastes. Desa maneira, o que deades de acordo coas vosas posibilidades demostrará a vosa boa disposición. 12  Porque se hai boa disposición, o que unha persoa dá agrada moito, cando dá en función do que ten e non do que non ten. 13  E non é que eu queira poñérllelo fácil a outros e difícil a vós. 14  O que quero é que fagades unha compensación*: que o que vos sobra agora a vós compense o que lles falta a eles. Desa maneira, o que lles sobre a eles compensará tamén o que vos falte a vós, e así haberá un equilibrio. 15  Tal como está escrito: “Á persoa que tiña moito non lle sobrou e á persoa que tiña pouco non lle faltou”. 16  Dámoslle grazas a Deus por poñer no corazón de Tito o desexo sincero de axudarvos, igual que o temos nós. 17  El non só fixo o que lle dixemos, senón que está tan entusiasmado que irá a visitarvos por iniciativa propia. 18  Con el mandamos o irmán do que falan tan ben en tódalas congregacións polo que está facendo polas boas noticias. 19  Ademais, as congregacións tamén o escolleron para que sexa o noso compañeiro na viaxe que faremos para administrar estes bondadosos donativos. Estes son os donativos que distribuiremos para darlle gloria ó Señor e para demostrar que estamos dispostos a axudar a outros. 20  Así evitamos que alguén nos critique por como administramos esta contribución tan xenerosa. 21  Porque ‘nos esforzamos por facer todo de maneira honrada, non só diante de Xehová*, senón tamén diante dos homes’. 22  Ademais, mandamos con eles a outro dos nosos irmáns. Comprobamos moitas veces que é moi dilixente en moitos asuntos, e agora será aínda máis dilixente porque confía moito en vós. 23  Se alguén ten dúbidas sobre Tito, que saibades que el é o meu compañeiro e un colaborador para o voso beneficio. E se alguén ten dúbidas sobre os nosos irmáns, que saibades que son apóstolos das congregacións e gloria de Cristo. 24  Por iso, demostrádelles o voso amor e mostrádelles ás congregacións por que presumimos de vós.

Notas ó pé

Ou “ricos en xenerosidade”.
Ou “testifico”.
Ou “no ministerio”.
Ou “unha igualación”.