Segunda Carta ós Corintios 2:1-17

  • Paulo quere animar os corintios (1-4)

  • Débese perdoar e readmitir o pecador (5-11)

  • Paulo en Troas e Macedonia (12, 13)

  • O ministerio é un desfile triunfal (14-17)

    • “Non somos vendedores ambulantes da palabra de Deus” (17)

2  De feito, decidín que a próxima vez que vaia onda vós non vai ser unha visita triste. 2  Porque se vos poño tristes, quen vai quedar para alegrarme a min? Só quedarán os que eu puxen tristes. 3  Escribín o que escribín para que cando vaia non me poña triste polos que debería alegrarme. Estou convencido de que o que me fai feliz a min tamén vos fai felices a todos vós. 4  Escribinvos con moitas lágrimas polo sufrimento* e a angustia do meu corazón. Pero non o fixen para poñervos tristes, senón para que soubésedes o amor tan grande que sinto por vós. 5  Se alguén provocou tristeza, non ma provocou a min, senón a todos vós ata certo punto (non quero ser demasiado duro co que digo). 6  A ese home xa lle chega coa reprensión que recibiu da maioría. 7  Agora debedes perdoalo con bondade e consolalo para que non se sinta totalmente afundido* por estar demasiado triste. 8  Por iso, aconséllovos* que lle demostredes o voso amor. 9  Porque tamén vos escribín por isto: para saber se demostrariades obediencia en todo. 10  Se vós lle perdoades algo a alguén, eu tamén llo perdoo. De feito, todo o que perdoei (se é que tiven algo que perdoar) foi polo voso ben diante de Cristo, 11  para que Satanás non se aproveite de nós*, porque sabemos cales son as súas tácticas*. 12  Cando cheguei a Troas para anunciar as boas noticias acerca do Cristo, abríuseme unha porta na obra do Señor. 13  Pero non estaba tranquilo* porque non encontrei ó meu irmán Tito. Así que, despedinme e marchei para Macedonia. 14  Dámoslle grazas a Deus! El sempre nos guía nun desfile triunfal acompañados do Cristo, e por medio de nós espalla* por todas partes o aroma do coñecemento acerca del. 15  Porque para Deus somos coma un aroma agradable de Cristo que chega ós que van camiño á salvación e ós que van camiño á destrución. 16  Para os que van camiño á destrución é un olor* de morte que leva á morte, pero para os que van camiño á salvación é un aroma de vida que leva á vida. E, quen está capacitado para facer estas cousas?* 17  Nós si que o estamos, porque non somos vendedores ambulantes da* palabra de Deus, como moitos outros que si que o son. En vez diso, somos enviados de Deus que falamos con total sinceridade diante de Deus e acompañados de Cristo.

Notas ó pé

Lit. “pola tribulación”.
Ou “para que non se consuma”.
Ou “exhórtovos a”.
Ou “non nos engane”.
Ou “intencións”, “plans”.
Ou “o meu espírito non estaba tranquilo”.
Ou “fai perceptible”.
Ou “aroma”.
É dicir, para facer a obra que Paulo acaba de mencionar nos versículos anteriores.
Ou “non comerciamos coa”, “non gañamos cartos coa”.