Segunda Carta ós Corintios 4:1-18

  • A luz das boas noticias (1-6)

    • Os que non son crentes teñen a mente cegada (4)

  • Un tesouro en recipientes de barro (7-18)

4  Por iso, como temos este ministerio pola misericordia que se nos mostrou, non nos rendemos. 2  En vez diso, xa renunciamos ás cousas vergonzosas que se fan ás escondidas e non actuamos con astucia* nin manipulamos* a palabra de Deus. Todo o contrario, damos a coñecer a verdade e así recomendámonos diante de Deus como un bo exemplo para tódalas conciencias humanas. 3  Se as boas noticias que anunciamos están tapadas cun veo, están ocultas para os que van camiño á destrución, 4  para os que non son crentes. A eles o deus deste sistema* cegoulles a mente para que non brille sobre eles a luz das gloriosas boas noticias acerca do Cristo, que é a imaxe de Deus. 5  Porque non predicamos sobre nós, senón que predicamos que Xesucristo é Señor e que nós somos os vosos escravos debido a Xesús. 6  Porque Deus é quen dixo: “Que a luz brille no medio da escuridade”. E el brillou sobre os nosos corazóns para iluminalos co glorioso coñecemento de Deus por medio do rostro de Cristo. 7  Pero temos este tesouro en recipientes de barro, para que o poder que vai máis alá do normal veña de Deus e non de nós. 8  Sufrimos presión de tódalas maneiras posibles, pero non ata o punto de non poder movernos. Estamos desconcertados, pero non sen saída*. 9  Somos perseguidos, pero non se nos deixa abandonados. Derríbasenos, pero non se nos destrúe. 10  Aguantamos constantemente estar expostos igual ca Xesús ó perigo de morrer, para que a nosa vida sexa coma a del*. 11  Porque na nosa vida enfrontámonos constantemente cara a cara coa morte por ser seguidores de Xesús, para que a nosa vida sexa coma a del*. 12  Así que, aínda que temos que enfrontarnos á morte, facémolo para que vós teñades vida*. 13  Agora ben, nós temos a mesma fe* sobre a que se escribiu: “Tiven fe e por iso falei”. Polo tanto, nós tamén temos fe e por iso falamos. 14  Porque sabemos que quen resucitou* a Xesús tamén nos vai resucitar* a nós para estar con Xesús e levarnos ante el* xunto con vós. 15  Todo isto é para o voso ben, para que a abundante bondade inmerecida aumente aínda máis, porque hai moitas máis persoas dando grazas para a gloria de Deus. 16  Así que non nos rendemos. Aínda que a persoa que somos por fóra se vai desgastando, non hai dúbida de que a persoa que somos por dentro se vai renovando cada día. 17  Porque aínda que as dificultades* son momentáneas e pequenas, producen en nós unha gloria dunha grandeza* cada vez máis extraordinaria, unha gloria eterna. 18  Mentres tanto, mantemos a vista fixa nas cousas que non se ven, e non nas cousas que se ven. Porque as cousas que se ven son temporais, pero as que non se ven son eternas.

Notas ó pé

Ou “enganos”.
Ou “adulteramos”.
Ou “desta era”. Ver glosario sistema.
Ou quizais “non estamos desesperados”.
Ou “para que a vida de Xesús tamén se faga evidente no noso corpo”.
Ou “para que a vida de Xesús tamén se faga evidente no noso corpo”.
Ou “a morte actúa en nós, pero a vida en vós”.
Lit. “o espírito de fe”.
Lit. “levantou”.
Lit. “levantar”.
É dicir, ante Xesús.
Ou “probas”.
Lit. “un peso”.