Segunda Carta ós Corintios 13:1-14

  • Advertencias e consellos finais (1-14)

    • “Seguídevos analizando a vós mesmos para saber se estades firmes na fe” (5)

    • Facer os cambios necesarios e ter a mesma forma de pensar (11)

13  Esta é a terceira vez que me preparo para ir a visitarvos. “Todo ten que confirmarse* co testemuño* de dúas ou tres persoas”. 2  Aínda que non estea con vós agora, é coma se estivese aí por segunda vez. Por iso lles aviso con antelación ós que pecaron e a tódolos demais de que, se consigo volver, non se van librar da disciplina. 3  Así teredes a proba que andades buscando de que Cristo (que non é débil con vós, senón que actúa con poder) de verdade está falando por medio de min. 4  De feito, el foi executado nun madeiro cando era débil, pero agora está vivo grazas ó poder de Deus. É certo que nós tamén somos débiles como o era el, pero viviremos con el grazas ó poder de Deus que actúa en vós. 5  Seguídevos analizando a vós mesmos para saber se estades firmes na fe. Seguide comprobando o que sodes. Ou non vos dades conta de que Xesucristo está unido a vós? A non ser que non esteades aprobados. 6  De verdade espero que vos deades conta de que nós temos a aprobación de Deus. 7  Pedímoslle a Deus que non fagades nada malo. Non llo pedimos para que pareza que nós estamos aprobados, senón para que vós fagades o que está ben, aínda que pareza que nós non estamos aprobados. 8  Porque non podemos facer nada en contra da verdade, senón só a favor da verdade. 9  Alegrámonos moito cando nós somos débiles e vós sodes poderosos. E oramos para que fagades os cambios necesarios*. 10  Por iso vos escribo isto mentres non estou aí con vós. Así, cando estea aí, non terei que ser duro ó usar a autoridade que o Señor me deu, e poderei usala para fortalecer e non para destruír. 11  Por último, irmáns, seguide alegrándovos, facendo os cambios necesarios*, aceptando o consolo, tendo a mesma forma de pensar e vivindo en paz. Así, o Deus de amor e de paz estará con vós. 12  Saudádevos uns ós outros con cariño*. 13  Mándanvos saúdos tódolos santos*. 14  Que a bondade inmerecida do Señor Xesucristo, o amor de Deus e o espírito santo do que todos vos beneficiades estean con todos vós.

Notas ó pé

Ou “establecerse”.
Lit. “por boca”.
Ou “sexades corrixidos”.
Ou “sendo corrixidos”.
Lit. “cun bico santo”.