As boas noticias segundo Marcos 5:1-43

  • Xesús mándalles a uns demos meterse nuns porcos (1-20)

  • A filla de Xairo; unha muller toca o manto de Xesús (21-43)

5  Entón chegaron ó outro lado do mar, á rexión dos xerasenos. 2  Tan pronto como Xesús baixou da barca, acercóuselle un home que estaba posuído por un demo e que viña de onde estaban as tumbas*. 3  Vivía alí, entre as tumbas, e ata ese momento ninguén fora capaz de mantelo atado, nin sequera cunha cadea. 4  Porque, aínda que moitas veces lle ataran os pés e as mans con cadeas, el sempre rompía as cadeas das mans e rebentaba as dos pés. Ninguén tiña as forzas necesarias para dominalo. 5  Todo o tempo, de día e de noite, andaba entre as tumbas e polas montañas, berrando e cortándose con pedras. 6  Pero cando viu a Xesús desde lonxe, foi correndo e inclinouse diante del. 7  Entón berrou con forza: “Que teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Deus Altísimo? Xúrame por Deus que non me vas castigar*!”. 8  Porque Xesús estivéralle dicindo: “Sae deste home, espírito malvado!”. 9  Entón Xesús preguntoulle: “Como te chamas?”. E el contestoulle: “Chámome Lexión, porque somos moitos”. 10  E suplicoulle moitas veces a Xesús que non os botase daquela rexión. 11  Na montaña había moitos porcos comendo. 12  Así que os demos suplicáronlle: “Mándanos onda os porcos para que entremos dentro deles”. 13  E el deulles permiso. Entón, os demos saíron do home e metéronse nos porcos. Os porcos botáronse ó mar polo acantilado* abaixo e morreron todos afogados no mar. Eran uns 2000. 14  Pero os que coidaban os porcos saíron correndo e puxéronse a contar a noticia na cidade e no campo. Entón a xente foi ver o que pasara. 15  Ó chegar onde estaba Xesús, viron o home que estivera posuído pola lexión de demos. O home estaba alí sentado e vestido, e recuperara o xuízo, así que eles asustáronse moito. 16  E os que viran o que pasara con aquel home e cos porcos explicáronlles como fora todo. 17  Entón a xente púxose a suplicarlle a Xesús que marchase daquela rexión. 18  Cando Xesús estaba subindo á barca, o home que estivera posuído polos demos suplicoulle que lle deixase ir con el. 19  Pero Xesús non lle deixou, e díxolle: “Vai para a casa, coa túa familia. Cóntalles todo o que Xehová* fixo por ti e como te tratou con compaixón*”. 20  Entón, o home marchou e púxose a anunciar pola Decápolis* todo o que Xesús fixera por el, e todo o mundo quedaba impresionado. 21  Despois, Xesús volveu a cruzar coa barca ó outro lado do mar. Mentres aínda estaba na beira, xuntouse moita xente arredor del. 22  Entón chegou un home que se chamaba Xairo, un dos presidentes da sinagoga. Ó ver a Xesús, botouse ó chan diante del 23  e suplicoulle unha e outra vez: “A miña filla está moi enferma*. Por favor, ven e pon as túas mans sobre ela para que cure e siga vivindo”. 24  Xesús enseguida foi con el, e seguíao unha gran multitude que ía tan pegadiña a el que case o esmagaba. 25  Había unha muller que levaba 12 anos con hemorraxias. 26  Ela fora a moitos médicos, pero só a fixeran sufrir. Gastara todo o que tiña pero non mellorara nada. De feito, estaba aínda peor. 27  Como escoitara o que dicían de Xesús, meteuse entre a xente, acercóuselle por detrás e tocoulle o manto, 28  porque dicía: “Con só tocar a súa roupa, poñereime ben”. 29  Inmediatamente deixou de sangrar e notou que curara daquela enfermidade que a fixera sufrir tanto. 30  Ó momento, Xesús sentiu que saíra poder del. Entón xirouse e preguntoulle á xente: “Quen tocou a miña roupa?”. 31  Pero os seus discípulos contestáronlle: “Ves que toda a xente está pegadiña a ti e preguntas quen te tocou?”. 32  Aínda así, el seguía mirando ó seu arredor para descubrir quen o tocara. 33  A muller, que sabía o que lle pasara, púxose a tremer co medo. Entón acercouse, botouse ó chan diante de Xesús e contoulle toda a verdade. 34  El díxolle: “Filliña, a túa fe curoute. Vaite en paz agora que curaches desta enfermidade que te fixo sufrir tanto”. 35  Mentres aínda estaba falando, chegaron algúns homes da casa do presidente da sinagoga e dixéronlle: “A túa filla morreu! Non fai falta que molestes máis o Mestre”. 36  Pero Xesús escoitounos e díxolle ó presidente da sinagoga: “Non te preocupes*. Só ten fe”. 37  E non deixou que ninguén fose con el, só Pedro, Santiago e Xoán, que era o irmán de Santiago. 38  Cando chegaron á casa do presidente da sinagoga, Xesús viu que había moito barullo e que a xente estaba chorando e lamentándose en voz alta. 39  Así que despois de entrar, díxolles: “Por que chorades e armades tanto barullo? A nena non morreu, está durmindo”. 40  Ó escoitar isto, empezaron a rirse e a burlarse del con desprezo. Pero Xesús fixo que saísen todos. Despois colleu ó pai, á nai da rapaza e ós discípulos que viñan con el e entrou onde estaba a nena. 41  Entón Xesús agarrou a man da nena e díxolle “Táliza kumi”, que traducido significa “Pequena, dígoche: levántate!”. 42  Inmediatamente, a nena levantouse e empezou a camiñar. (Tiña 12 anos.) Ó ver isto, todos quedaron totalmente impresionados e cheos de alegría. 43  Pero el mandoulles unha e outra vez* que non llo contasen a ninguén. Tamén lles dixo que lle desen algo de comer á nena.

Notas ó pé

Ou “tumbas conmemorativas”.
Lit. “atormentar”.
Ou “pola pendente”.
Lit. “misericordia”.
Ou “está morrendo”.
Ou “Deixa de ter medo”.
Ou “mandoulles con firmeza”.