As boas noticias segundo Marcos 15:1-47

  • Xesús ante Pilato (1-15)

  • Búrlanse de Xesús en público (16-20)

  • Cravan a Xesús nun madeiro no Gólgota (21-32)

  • A morte de Xesús (33-41)

  • O enterro de Xesús (42-47)

15  En canto saíu o sol, os sacerdotes principais, os anciáns e os escribas (é dicir, todo o Sanedrín*) reuníronse para decidir que facer. Despois ataron a Xesús, levárono con eles e entregáronllo a Pilato. 2  Entón Pilato preguntoulle: “Es ti o rei dos xudeus?”. E el contestoulle: “Si, ti mesmo o estás dicindo”. 3  Pero os sacerdotes principais acusábano de moitas cousas. 4  Entón Pilato púxose a interrogalo outra vez e preguntoulle: “Non vas dicir nada? Mira de cantas cousas te acusan”. 5  Pero Xesús non lle contestou nada máis, e iso fixo que Pilato quedase moi sorprendido. 6  Resulta que, en cada festa, Pilato tiña o costume de deixar libre o preso que a xente lle pedise. 7  Nese momento había un home no cárcere que se chamaba Barrabás. El e outros presos que estaban con el rebeláranse contra o goberno e cometeran asasinato. 8  Así que a xente acercouse e púxose a pedirlle a Pilato que fixese por eles o que tiña por costume facer. 9  Pilato preguntoulles: “Queredes que vos poña en liberdade o rei dos xudeus?”. 10  Porque se daba conta de que os sacerdotes principais o entregaran por envexa. 11  Pero os sacerdotes principais revolucionaron a multitude para que lle pedisen que deixase libre a Barrabás. 12  Pilato dirixiuse a eles outra vez e preguntoulles: “Entón, que fago con este home ó que lle chamades o rei dos xudeus?”. 13  Eles volveron a berrar: “Que morra no madeiro!*”. 14  E Pilato díxolles: “Pero, por que? Que mal fixo?”. Pero eles berraron aínda máis forte: “Que morra no madeiro!”. 15  Como Pilato quería ter contenta a xente, liberou a Barrabás. E despois de mandar que lle desen lategazos a Xesús, entregouno para que o executasen no madeiro. 16  Os soldados levaron a Xesús ó patio do palacio do gobernador e mandaron chamar a toda a tropa de soldados. 17  Vestírono con roupa de color púrpura, entrelazaron uns espiños para facer unha coroa, puxéronlla na cabeza 18  e empezaron a berrar cara a el: “Viva o rei dos xudeus!”. 19  Ademais, pegábanlle na cabeza cunha cana e cuspíanlle. Tamén se poñían de xeonllos e inclinábanse diante del*. 20  Por último, cando terminaron de burlarse del, quitáronlle a roupa de color púrpura e puxéronlle a súa roupa. E despois, levárono fóra para cravalo no madeiro. 21  Pasaba por alí un home que viña de fóra da cidade (un tal Simón de Cirene, o pai de Alexandre e de Rufo), e obrigárono a cargar* co madeiro de tortura* de Xesús. 22  Levaron a Xesús ó lugar chamado Gólgota, que traducido significa “lugar do cranio*”. 23  Alí intentaron darlle viño mesturado con mirra*, pero non quixo bebelo. 24  Cravárono no madeiro e sortearon a súa roupa para repartila entre eles e decidir o que levaría cada un. 25  Eran arredor das 9 da mañá* cando o cravaron no madeiro. 26  O letreiro coa razón pola que o condenaran dicía: “O rei dos xudeus”. 27  Ademais, ó seu lado tamén puxeron en madeiros a dous ladróns, un á súa dereita e outro á súa esquerda. 28  —* 29  Os que pasaban por alí insultábano e movían a cabeza dun lado para outro dicindo: “Vaia, vaia! Ti, o que ías botar abaixo o templo e reconstruílo en tres días, 30  baixa do madeiro de tortura e sálvate a ti mesmo!”. 31  O mesmo fixeron os sacerdotes principais e os escribas. Burlábanse del e dicíanse uns ós outros: “Salvou a outros pero non se pode salvar a si mesmo! 32  Que o Cristo, o rei de Israel, baixe agora do madeiro. Cando o vexamos, creremos nel”. E incluso os que estaban nos madeiros ó seu lado o insultaban. 33  Arredor das 12 do mediodía*, toda aquela terra quedou en escuridade ata arredor das 3 da tarde*. 34  E cerca das 3 da tarde, Xesús berrou con forza “Eli, Eli, lama sabactani? ”, que traducido significa “Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?”. 35  Ó escoitar isto, algúns dos que estaban cerca empezaron a dicir: “Escoitade, está chamando por Elías!”. 36  Entón alguén foi correndo a empapar unha esponxa en viño ácido, púxoa nunha cana e acercoulla para que bebese, e dixo: “Deixádeo, a ver se vén Elías a baixalo!”. 37  Pero Xesús botou un berro moi forte e morreu*. 38  E a cortina do templo* rachou en dúas partes, de arriba a abaixo. 39  Cando o oficial do exército que estaba de pé diante del viu que morrera nestas circunstancias, dixo: “Está claro que este home era o Fillo de Deus”. 40  Ademais, había unhas mulleres mirando desde lonxe. Entre elas estaban María Madalena, María a nai de Santiago o Menor e de Xosés, e Salomé. 41  Elas acompañábano e atendíano cando estaba en Galilea. Tamén estaban alí moitas outras mulleres que subiran con Xesús a Xerusalén. 42  Como xa era a última hora da tarde e era o día da preparación*, é dicir, o día antes do sábado, 43  Xosé de Arimatea (un membro respectado do Consello* e que tamén esperaba o Reino de Deus) armouse de valor, presentouse diante de Pilato e pediulle o corpo de Xesús. 44  Pero Pilato preguntábase se Xesús xa morrera, e por iso mandou chamar o oficial do exército para preguntarllo. 45  Cando o oficial do exército llo confirmou, Pilato permitiu que Xosé levase o corpo. 46  Xosé comprou unha tea de liño de boa calidade e baixou o corpo de Xesús. Despois envolveuno na tea de liño e púxoo nunha tumba* que estaba escavada na roca, e fixo rodar unha pedra ata a entrada da tumba. 47  Pero María Madalena e María a nai de Xosés quedaron mirando para o sitio onde o puxeran.

Notas ó pé

Ou “Ó madeiro con el!”.
Ou “rendíanlle homenaxe”.
Ou “obrigárono a prestar o servizo de cargar”.
Ver glosario madeiro de tortura.
Ou “da caveira”.
Unha mestura con efectos narcóticos. Ver glosario mirra.
Lit. “Á hora terceira”.
Lit. “Á hora sexta”.
Lit. “ata a hora novena”.
Ou “deu o seu último alento”.
É dicir, a cortina que separaba o Santo do Santísimo. Ver glosario cortina.
Ver glosario día da preparación.
Ou “Sanedrín”.
Ou “tumba conmemorativa”.