As boas noticias segundo Marcos 11:1-33

  • A entrada triunfal de Xesús en Xerusalén (1-11)

  • Xesús maldice unha figueira (12-14)

  • Bota do templo os comerciantes (15-18)

  • Lección da figueira seca (19-26)

  • Cuestionan a autoridade de Xesús (27-33)

11  Ó acercarse a Xerusalén, cando estaban cerca do Monte das Oliveiras (onde están Betfagué e Betania), Xesús díxolles a dous dos seus discípulos: 2  “Ide á aldea que vedes alí. En canto entredes, encontraredes un burriño atado no que aínda non montou ninguén. Desatádeo e traédeo aquí. 3  E se alguén vos di ‘Que estades facendo?’, contestádelle ‘O Señor necesítao, pero vaino devolver enseguida’”. 4  Así que eles foron e encontraron o burriño atado diante da porta dunha casa que estaba cerca do camiño, e desatárono. 5  Pero algúns dos que andaban por alí preguntáronlles: “Que facedes desatando o burriño?”. 6  Os discípulos dixéronlles o que Xesús lles mandara, e eles deixáronos marchar. 7  Entón trouxéronlle o burriño a Xesús, puxéronlle os seus mantos enriba e Xesús sentouse nel. 8  Moitos estendían os seus mantos no camiño e outros cortaban ramas verdes das árbores daquela zona. 9  E tanto os que ían diante del como os que ían detrás berraban: “Deus, por favor, sálvao! Bendito o que vén no nome de Xehová*! 10  Bendito o Reino que vén, o Reino do noso pai David! Deus que estás nas alturas, sálvao, por favor!”. 11  Despois, Xesús entrou en Xerusalén, foi ó templo e botoulle unha ollada a todo. Pero como xa era tarde, marchou para Betania cos Doce. 12  Ó día seguinte, cando saían de Betania, entroulle a fame. 13  Ó lonxe viu unha figueira que tiña follas, e foi ver se tiña algún froito. Pero cando se acercou, non encontrou nada máis que follas, porque aínda non era o tempo dos figos. 14  Entón díxolle á figueira: “Que ninguén volva comer do teu froito nunca máis”. E os seus discípulos estaban escoitando. 15  Cando chegaron a Xerusalén, Xesús entrou no templo e púxose a botar fóra a tódolos que vendían e compraban alí. Tirou as mesas dos que cambiaban cartos e os bancos dos que vendían pombas. 16  Ademais, non deixaba que ninguén atallase polo templo levando algún obxecto. 17  Despois estivo ensinándolle á xente e dicíndolle: “E logo non está escrito ‘A miña casa será chamada casa de oración para tódalas nacións’? Pero vós convertéstela nunha cova de ladróns”. 18  Os sacerdotes principais e os escribas escoitaron o que pasara e empezaron a buscar a maneira de matalo. Pero resulta que lle tiñan medo, porque toda a xente estaba impresionada coa súa ensinanza. 19  Cando se fixo tarde, Xesús e os seus discípulos saíron da cidade. 20  Ó día seguinte, cedo pola mañá, pasaron cerca da figueira e viron que estaba toda seca, incluso as raíces. 21  Pedro acordouse do que pasara e díxolle: “Rabí, mira! A figueira que maldiciches secou”. 22  Xesús díxolles: “Tede fe en Deus. 23  Asegúrovos que se alguén lle di a esta montaña ‘Levántate e bótate ó mar’, e non o di con dúbidas no seu corazón senón tendo fe en que vai pasar, así pasará. 24  Por iso vos digo: tede fe en que recibiredes tódalas cousas que pidades nas vosas oracións, e terédelas. 25  Cando esteades de pé orando, perdoade calquera cousa que teñades contra alguén, para que o voso Pai que está nos ceos tamén vos perdoe a vós as vosas ofensas”. 26  —* 27  Entón volveron a Xerusalén. Mentres Xesús camiñaba polo templo, acercáronselle os sacerdotes principais, os escribas e os anciáns, 28  e preguntáronlle: “Con que autoridade fas estas cousas? Quen te autorizou a facelas?”. 29  Xesús respondeulles: “Vouvos facer eu unha pregunta. Contestádema e direivos con que autoridade fago estas cousas. 30  De onde viña a autoridade de Xoán para bautizar? Do ceo ou dos homes? Contestádeme”. 31  Así que empezaron a razoar entre eles e a dicir: “Se respondemos que viña do ceo, vai preguntar: ‘E logo, por que non lle crestes?’. 32  Pero, quen se atreve a dicir que viña dos homes?”. Resulta que lle tiñan medo á multitude porque, para a xente, Xoán de verdade fora un profeta. 33  Por iso lle contestaron: “Non sabemos”. E Xesús díxolles: “Pois eu tampouco vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas”.

Notas ó pé