As boas noticias segundo Marcos 10:1-52

  • O matrimonio e o divorcio (1-12)

  • Xesús bendice uns nenos (13-16)

  • A pregunta dun mozo que era rico (17-25)

  • Os sacrificios que se fan polo Reino (26-31)

  • Xesús volve a predicir a súa morte (32-34)

  • A petición de Santiago e Xoán (35-45)

    • Xesús, un rescate a cambio de moitas persoas (45)

  • Cura un cego que se chama Bartimeo (46-52)

10  Xesús marchou de alí e chegou ós límites de Xudea, ó outro lado do río Xordán. Entón volveuse a xuntar unha gran multitude arredor del e, como facía habitualmente, púxose a ensinarlles. 2  Pero uns fariseos que querían poñelo a proba acercáronse e preguntáronlle se estaba permitido que un home se divorciase da súa muller. 3  El respondeulles: “Que vos mandou Moisés?”. 4  Eles dixeron: “Moisés permitiu que o home escribise un certificado de divorcio e que despedise a súa muller”. 5  Pero Xesús respondeulles: “Moisés púxovos por escrito ese mandamento porque tedes o corazón duro. 6  Pero, ó principio da creación, Deus* ‘fíxoos home e muller’ 7  e ‘por esa razón, o home deixará o seu pai e a súa nai, 8  e os dous serán unha soa carne*’. Así que xa non son dous, senón unha soa carne. 9  Polo tanto, o que Deus uniu*, que non o separe ningún home”. 10  Cando volveron á casa, os discípulos empezaron a facerlle preguntas sobre isto. 11  El díxolles: “Todo home que se divorcie da súa muller e case con outra comete adulterio contra a primeira. 12  E se unha muller se divorcia do seu home e casa con outro, ela tamén comete adulterio”. 13  Despois, algúns empezaron a traerlle a Xesús algúns nenos para que puxese as mans sobre eles e os bendicise, pero os discípulos reprendéronos. 14  Ó ver iso, el indignouse e díxolles: “Deixade que os nenos se acerquen a min. Non intentedes impedilo, porque o Reino de Deus é dos que son coma eles. 15  Asegúrovos que quen non acepte o Reino de Deus coma un neno nunca entrará nel”. 16  Entón colleu os nenos no colo e empezou a bendicilos poñendo as mans sobre eles. 17  Mentres ía polo camiño, un home veu correndo, púxose de xeonllos diante del e preguntoulle: “Bo Mestre, que teño que facer para herdar a vida eterna?”. 18  Xesús díxolle: “Por que me chamas bo? Non hai ninguén bo, só un: Deus. 19  Xa coñeces os mandamentos: non asasines, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non estafes, honra a teu pai e a túa nai”. 20  O home contestoulle: “Mestre, todas esas cousas xa as obedezo desde pequeno”. 21  Xesús mirouno, sentiu cariño por el e díxolle: “Fáltache unha cousa: vai, vende o que tes e dálles os cartos ós pobres. Así, terás un tesouro no ceo. Despois ven e faite o meu discípulo*”. 22  Pero o home desanimouse ó escoitar esa resposta e marchou moi triste, porque tiña moitos bens. 23  Xesús mirou ó seu arredor e despois díxolles ós seus discípulos: “Que difícil lles vai ser ós que teñen moitos cartos entrar no Reino de Deus!”. 24  Ós discípulos sorprendéronlles esas palabras de Xesús. Entón el dixo: “Filliños, que difícil é entrar no Reino de Deus! 25  É máis fácil para un camelo pasar polo burato* dunha agulla que para un rico entrar no Reino de Deus”. 26  Os discípulos sorprendéronse aínda máis e dixéronlle*: “Entón, quen se poderá salvar?”. 27  Xesús mirounos fixamente e díxolles: “Para os humanos isto é imposible, pero para Deus non, porque tódalas cousas son posibles para Deus”. 28  Entón Pedro púxose a dicirlle: “Mira que nós xa o deixamos todo e seguímoste”. 29  E Xesús respondeu: “Asegúrovos que non hai ninguén que deixase casa, irmáns, irmás, nai, pai, fillos ou campos por min e polas boas noticias 30  que non reciba 100 veces máis agora (casas, irmáns, irmás, nais, fillos e campos), aínda que sexa sufrindo persecución e, no sistema futuro*, vida eterna. 31  Pero moitos dos primeiros serán os últimos, e moitos dos últimos serán os primeiros”. 32  Mentres subían polo camiño que vai a Xerusalén, Xesús ía diante e os discípulos seguíano sorprendidos. E os que viñan detrás empezaron a ter medo. Entón Xesús levou os Doce á parte outra vez e volveu a dicirlles as cousas que estaban a punto de pasarlle. 33  Díxolles: “Escoitade. Estamos subindo a Xerusalén, e alí o Fillo do Home vai ser entregado ós sacerdotes principais e ós escribas. Eles condenarano á morte e entregarano a homes das nacións. 34  Estes homes burlaranse del, cuspiranlle, daranlle lategazos* e matarano, pero tres días despois resucitará*”. 35  Santiago e Xoán, os fillos de Zebedeo, acercáronse a Xesús e dixéronlle: “Mestre, queremos que fagas por nós o que che imos pedir”. 36  El preguntoulles: “Que queredes que faga por vós?”. 37  E eles contestáronlle: “Cando gobernes no teu Reino*, deixa que nos sentemos contigo, un á túa dereita e outro á túa esquerda”. 38  Pero Xesús díxolles: “Non sabedes o que estades pedindo. Podedes beber da copa* da que eu estou bebendo? Ou podedes ser bautizados co bautismo co que se me está bautizando a min?”. 39  Eles dixéronlle: “Si que podemos”. E Xesús contestoulles: “Ides beber da copa da que eu estou bebendo e ides ser bautizados co bautismo co que se me está bautizando a min. 40  Pero non son eu o que escolle quen se vai sentar á miña dereita ou á miña esquerda. É meu Pai quen decide quen se pode sentar aí”. 41  Cando os outros 10 souberon o que pasara, enfadáronse moito con Santiago e Xoán. 42  Entón Xesús xuntounos a todos e díxolles: “Xa sabedes que os que parece que gobernan as* nacións dominan o pobo e que os homes importantes teñen autoridade sobre a xente. 43  Pero entre vós non debe ser así. O que queira chegar a ser grande entre vós ten que servir os* demais, 44  e o que queira ser o primeiro entre vós ten que ser escravo de todos. 45  Porque nin sequera o Fillo do Home veu para que o servisen, senón para servir os demais e para dar a súa vida como rescate a cambio de moitas persoas”. 46  Entón, chegaron a Xericó. Despois, Xesús e os seus discípulos saíron daquela cidade cunha multitude bastante grande, e había un mendigo cego sentado á beira do camiño. Chamábase Bartimeo e era fillo de Timeo. 47  Cando escoitou que quen estaba pasando por alí era Xesús o Nazareno, empezou a berrar: “Xesús, Fillo de David, ten compaixón* de min!”. 48  Moitos puxéronse a reprendelo e dicíanlle que calase, pero el berraba aínda máis forte: “Fillo de David, ten compaixón de min!”. 49  Así que Xesús parou e dixo: “Chamádeo, dicídelle que veña aquí”. Eles dixéronlle ó cego: “Veña, ánimo! Levántate, que te está chamando”. 50  El tirou o seu manto, púxose de pé dun salto e foi ata onde estaba Xesús. 51  Entón Xesús preguntoulle: “Que queres que faga por ti?”. E o cego contestoulle: “Raboni*, fai que poida volver a ver”. 52  E Xesús díxolle: “Podes marchar, a túa fe curoute”. O home recuperou a vista inmediatamente e empezou a seguilo polo camiño.

Notas ó pé

Lit. “el”.
Ou “un só ser”.
Ou “puxo baixo o mesmo xugo”.
Ou “sígueme”.
Ou “ollo”.
Ou quizais “dixéronse uns ós outros”.
Ou “na era futura”. Ver glosario sistema.
Lit. “levantarase”.
Ou “Cando esteas na túa gloria”.
Ver Mt 20:22, nota.
Ou “os que son recoñecidos como gobernantes das”.
Ou “ser ministro dos”.
Lit. “misericordia”.
Que significa “mestre”.