Primeira Carta ós Corintios 8:1-13

  • A comida que se ofreceu ós ídolos (1-13)

    • “Para nós só hai un Deus” (5, 6)

8  No que ten que ver coa comida que se ofreceu ós ídolos, sabemos que todos temos coñecemento. O coñecemento enche de orgullo, pero o amor fortalece*. 2  Se alguén pensa que ten coñecemento sobre algo, aínda non sabe tanto do tema como debería. 3  Pero se alguén ama a Deus, Deus coñece a esa persoa. 4  No que ten que ver con comer comida que se ofreceu ós ídolos, sabemos que un ídolo non é nada, e que só hai un Deus. 5  Porque hai moitos ós que se lles chama deuses, tanto no ceo como na terra, e hai moitos ós que a xente considera “deuses” e “señores”. 6  Pero en realidade, para nós só hai un Deus, o Pai. Tódalas cousas veñen del e nós vivimos para el. E para nós só hai un Señor, Xesucristo. Tódalas cousas existen mediante el, e nós existimos mediante el. 7  Pero non todos entenden isto. Como algúns antes adoraban ídolos, cando comen unha comida que se ofreceu a un ídolo vena coma se estivese relacionada con ese ídolo. E a súa conciencia moléstalles* porque é débil. 8  Pero a comida non nos vai acercar máis a Deus. Se non comemos, non imos ser peores, e se comemos, non imos ser mellores. 9  Aínda así, tede coidado para que o voso dereito a escoller non faga tropezar* dalgunha maneira ós que son débiles. 10  Porque se alguén te vise a ti, que sabes que os ídolos non serven para nada, comendo nun templo no que se adoran ídolos, non cres que a conciencia do que é débil podería chegar ó punto de impulsalo a comer alimentos que se ofreceron a ídolos? 11  Aínda que ti sabes que non ten nada de malo comer esa comida, estarías botando a perder a fe do que é débil, un irmán teu polo que morreu Cristo. 12  Cando pecades contra os vosos irmáns desta maneira e lle facedes dano á súa conciencia débil, estades pecando contra Cristo. 13  Por iso, se a comida fai tropezar ó meu irmán, non volverei a comer carne nunca máis, para non facer tropezar ó meu irmán.

Notas ó pé

Ou “edifica”.
Lit. “contamínase”.