Primeira Carta ós Corintios 5:1-13

  • Un caso de inmoralidade sexual (1-5)

  • “Un pouco de fermento fai que fermente toda a masa” (6-8)

  • “Sacade a persoa malvada que está entre vós” (9-13)

5  De feito, informáronme de que entre vós hai un caso de inmoralidade sexual*, un caso de inmoralidade* tan grave que nin sequera se ve entre os que non son crentes*. Refírome ó caso dun home que vive coa* muller do seu pai. 2  E vós sentídesvos orgullosos? En vez diso, non deberiades lamentarvos para que se saque de entre vós o home que está facendo iso? 3  Aínda que non estou aí en persoa, estou en espírito, e xa xulguei o home que está facendo iso, como se en realidade eu estivese aí con vós. 4  Cando vos reunades no nome do noso Señor Xesús, sabede que eu estou con vós en espírito e que o poder do noso Señor Xesús tamén está con vós. 5  Tedes que entregar ese home a Satanás para eliminar esa influencia do pecado*. Así, o bo espírito* da congregación poderá salvarse no día do Señor. 6  Non está ben que presumades desta situación. Seica non sabedes que un pouco de fermento fai que fermente toda a masa? 7  Quitade o fermento vello para que poidades ser unha masa nova, sen fermentar*. Permanecede así porque Cristo, o noso cordeiro de Pascua, xa foi sacrificado. 8  Así que non celebremos a Pascua co fermento vello nin co fermento da maldade e da perversidade, senón cos pans sen fermento da sinceridade e da verdade. 9  Na carta que vos escribín díxenvos que deixásedes de relacionarvos con persoas que son sexualmente inmorais*. 10  Con iso non quixen dicir que vos separásedes completamente da xente deste mundo que é sexualmente inmoral*, dos cobizosos, dos extorsionadores ou dos idólatras. Se fose así, teriades que saír do mundo. 11  Pero agora escríbovos para que deixedes de relacionarvos con calquera ó que se lle chame irmán pero que sexa sexualmente inmoral*, cobizoso*, idólatra, inxuriador*, borracho ou extorsionador*. Nin sequera comades con esa persoa. 12  Por que debería xulgar eu os de fóra? En realidade, vós sodes os que xulgades os de dentro 13  e Deus xulga os de fóra. “Sacade a persoa malvada que está entre vós”.

Notas ó pé

En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.
En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.
Ou “nin sequera se ve nas nacións”.
Lit. “ten a”.
Lit. “para a destrución da carne”.
Ou “a boa actitude”.
Ou “sen fermento”.
Ver glosario inmoralidade sexual.
Ver glosario inmoralidade sexual.
Ver glosario inmoralidade sexual.
É dicir, persoa que ten un desexo excesivo de ter algo.
Ou “unha persoa que maltrata verbalmente”.
É dicir, persoa que consegue algo mediante a forza, a ameaza ou a coacción.