Primeira Carta ós Corintios 3:1-23

  • Os corintios seguen sendo persoas carnais (1-4)

  • Deus faino medrar (5-9)

    • “Somos colaboradores de Deus” (9)

  • Construír con materiais resistentes ó lume (10-15)

  • “Sodes o templo de Deus” (16, 17)

  • A sabedoría do mundo é absurda para Deus (18-23)

3  Así que, irmáns, non puiden falarvos como a persoas espirituais senón como a persoas carnais, como a nenos pequenos que non entenden moito sobre Cristo. 2  Deivos leite e non alimento sólido, porque aínda non erades suficientemente fortes. De feito, agora tampouco o sodes, 3  porque aínda sodes persoas carnais. Acaso non demostran os celos e as pelexas que hai entre vós que sodes persoas carnais e que vos estades portando coma a xente deste mundo? 4  Porque cando un di “Eu son de Paulo” e outro di “Eu de Apolos”, non vos estades portando coma a xente deste mundo? 5  Ó fin e ó cabo, que é Apolos? Que é Paulo? Somos simples servos* que vos axudamos a facervos crentes. Só fixemos o que o Señor nos encargou. 6  Eu plantei, Apolos regou, pero foi Deus quen fixo que seguise medrando. 7  Así que nin o que planta nin o que rega son importantes, senón Deus, que é quen o fai medrar. 8  O que planta e o que rega teñen o mesmo obxectivo*, pero cada persoa recibirá a súa recompensa de acordo co seu traballo. 9  Porque somos colaboradores de Deus. Vós sodes o campo que Deus está cultivando, o edificio que Deus está construíndo. 10  De acordo coa bondade inmerecida que Deus me mostrou, eu puxen o fundamento como un construtor experto*, pero outro está construíndo enriba. Que cada un estea atento a como constrúe sobre o fundamento. 11  Porque ninguén pode poñer ningún outro fundamento que o que xa está posto, que é Xesucristo. 12  E sobre ese fundamento pódese construír con ouro, prata e pedras preciosas, ou con madeira, herba seca e palla. 13  Ó final verase de que está feita a obra de cada un. Cando veña o tempo* das probas, farase evidente por medio do lume, porque o lume demostrará que clase de obra fixo cada un. 14  Se a obra que alguén construíu enriba do fundamento aguanta, el recibirá unha recompensa. 15  Pero se a obra se queima, terá unha gran perda, e aínda que el mesmo se salve, será coma quen escapa do lume. 16  E logo non sabedes que sodes o templo de Deus e que o espírito de Deus está dentro de vós? 17  Se alguén destrúe o templo de Deus, Deus vaino destruír a el, porque o templo de Deus é santo, e vós sodes ese templo. 18  Que ninguén se engane a si mesmo: se algún de vós pensa que é sabio neste mundo*, que se faga ignorante para que chegue a ser sabio. 19  Porque a sabedoría deste mundo é absurda para Deus, pois está escrito: “El deixa que os sabios caian nas súas propias trampas”. 20  Tamén está escrito: “Xehová* sabe que os razoamentos dos sabios non valen para nada”. 21  Por iso, que ninguén presuma do que poden facer os homes, porque tódalas cousas son vosas: 22  Paulo, Apolos, Cefas*, o mundo, a vida, a morte, as cousas de agora ou as cousas que van vir. Todo é voso. 23  Pero vós sodes de Cristo, e Cristo é de Deus.

Notas ó pé

Ou “ministros”.
Lit. “son un”.
Ou “xefe de obras sabio”.
Lit. “día”.
Ou “neste sistema”, “nesta era”. Ver glosario sistema.
Tamén chamado Pedro.