Primeira Carta ós Corintios 4:1-21

  • Os administradores deben ser fieis (1-5)

  • Os servos de Cristo son humildes (6-13)

    • Non ir máis alá das cousas que están escritas (6)

    • Os cristiáns son un espectáculo para o mundo (9)

  • Paulo preocúpase polos seus fillos espirituais (14-21)

4  Todos deberían vernos como axudantes* de Cristo e administradores* dos segredos sagrados de Deus. 2  E o que se espera dos administradores* é que sexan fieis. 3  A min impórtame ben pouco que me xulguedes vós ou un tribunal humano. De feito, nin sequera eu me xulgo a min mesmo. 4  Porque teño a conciencia limpa, pero iso non demostra que eu sexa xusto. Quen me xulga é Xehová*. 5  Así que non xulguedes nada antes do tempo debido, ata que veña o Señor. El encargarase de sacar á luz as cousas secretas da escuridade e revelará as intencións dos corazóns. Entón cada un recibirá de Deus a honra que merece. 6  Irmáns, díxenvos estas cousas sobre min e sobre Apolos para axudarvos a entender este asunto. Mediante o noso exemplo, aprendede esta regra: “Non vaiades máis alá das cousas que están escritas”. Así, non vos encheredes de orgullo, e evitaredes poñervos a favor de un e en contra doutro. 7  Porque, quen fai que ti sexas diferente dos demais? De feito, que tes ti que non recibises? E se o recibiches, por que vas presumindo coma se non o recibises? 8  Xa estades satisfeitos? Xa sodes ricos? Xa empezastes a reinar sen nós? Quen me dera que xa estivésedes reinando, para que nós tamén reinásemos con vós! 9  Porque me parece que Deus permitiu que ós apóstolos nos exhibisen en último lugar, como a homes condenados á morte, pois chegamos a ser un espectáculo* para o mundo, para os anxos e para os homes. 10  A nós vennos como a parvos por seguir a Cristo, pero vós pensades que sodes sabios por seguir a Cristo. Nós parecemos débiles, pero vós parecedes fortes. A vós danvos honra, pero a nós desprézannos. 11  Ata agora seguimos pasando fame e sede, non temos suficiente roupa*, pégannos*, non temos casa 12  e traballamos duro coas nosas propias mans. Cando a xente nos insulta, bendicímolos. Cando nos perseguen, aguantamos con paciencia. 13  Cando nos calumnian, respondemos con amabilidade*. Ata agora, para a xente somos o lixo do mundo, os desperdicios de tódalas cousas. 14  Non vos estou escribindo estas cousas para avergonzarvos, senón para aconsellarvos como a fillos queridos. 15  De feito, aínda que teñades 10.000 mestres* que vos ensinen como seguir a Cristo, en realidade non tedes moitos pais, porque eu cheguei a ser o voso pai mediante Cristo Xesús ó ensinarvos as boas noticias. 16  Polo tanto, suplícovos que sigades o meu exemplo. 17  Por iso vos mando a Timoteo, porque el é o meu fillo querido e é fiel no servizo ó Señor. El vaivos recordar os métodos* que eu uso ó facer o que Cristo Xesús quere, os mesmos métodos que estou ensinando por todas partes en cada congregación. 18  Algúns están cheos de orgullo porque pensan que non irei a visitarvos. 19  Pero se Xehová* quere, irei a visitarvos dentro de pouco. Pero non para saber o que din os que están cheos de orgullo, senón para saber se teñen o poder de Deus ou non. 20  Porque o Reino de Deus non se fai evidente na vida dunha persoa polas súas palabras, senón por ter o poder de Deus. 21  Que preferides? Que vaia onda vós cun pau, ou con amor e cun espírito apracible?

Notas ó pé

Ou “servos”.
Ou “mordomos”. Ver glosario mordomo.
Ou “mordomos”.
Lit. “teatro”.
Lit. “estamos espidos”.
Ou “maltrátannos”.
Ou “de maneira apracible”.
Ou “titores”.
Lit. “camiños”.