Carta a Tito 3:1-15

  • O respecto que debemos terlles ás autoridades (1-3)

  • Preparados para facer boas obras (4-8)

  • Rechazar as discusións absurdas e as seitas (9-11)

  • Instrucións para Tito e despedida (12-15)

3  Síguelles recordando ós irmáns que obedezan e respecten a autoridade dos* gobernos e das autoridades, que estean dispostos a facer todo tipo de boas obras, 2  que non falen mal de ninguén, que non sexan conflitivos, que sexan razoables e que sexan sempre apracibles con todos. 3  Porque houbo un tempo no que nós tamén eramos insensatos e desobedientes, estabamos enganados e eramos escravos de diferentes desexos e praceres, levabamos unha vida chea de maldade e envexa, eramos detestables e odiabámonos uns ós outros. 4  Pero cando o noso Salvador, Deus, demostrou a súa bondade e o seu amor pola humanidade, 5  salvounos pola súa misericordia, non porque fixésemos cousas xustas. Salvounos lavándonos coa auga* que nos trouxo á vida e converténdonos nunha nova persoa por medio do espírito santo. 6  El derramou este espírito sobre nós de maneira abundante* por medio de Xesucristo, o noso Salvador. 7  Fixo isto para que, grazas á súa bondade inmerecida, puidésemos ser declarados xustos e así chegásemos a ser herdeiros de acordo coa esperanza de recibir vida eterna. 8  Isto que dixen é confiable e quero que sigas recalcando estes asuntos para que os que creron en Deus se centren en seguir facendo boas obras. Estas cousas son moi boas e benefician a todos. 9  Pero non te metas en discusións absurdas, nin en xenealoxías, nin en debates, nin en pelexas sobre a Lei, porque son cousas inútiles e non levan a nada. 10  Se un home promove unha seita* e non fai caso despois de darlle unha primeira e unha segunda advertencia*, recházao, 11  porque sabes que ese home desviouse do camiño e está pecando, e condénase a si mesmo. 12  Cando che mande a Ártemas ou a Tíquico, fai todo o posible por ir a verme a Nicópolis porque decidín pasar alí o inverno. 13  Fai todo o que poidas para darlles a Zenas, que é un experto na Lei, e a Apolos todo o que necesiten para que non lles falte nada na viaxe. 14  E que os nosos irmáns tamén aprendan a facer boas obras constantemente para que poidan axudar cando haxa unha necesidade urxente. Así poderán ser persoas produtivas*. 15  Tódolos que están comigo mándanche saúdos. Saúda da miña parte ós que nos teñen cariño e son crentes. Que a bondade inmerecida de Deus estea con todos vós.

Notas ó pé

Ou “que se sometan ós”.
Ou “mediante o baño”.
Ou “xenerosa”.
Ou “despois de aconsellalo unha primeira e unha segunda vez”.
Ou “Así non serán persoas infrutíferas”.