Carta a Tito 1:1-16
1 De parte de Paulo, escravo de Deus e apóstolo de Xesucristo de acordo coa fe dos que Deus escolleu e co coñecemento exacto da verdade, que está en harmonía coa devoción a Deus.
2 Todo isto baséase na esperanza da vida eterna que Deus prometeu hai moito tempo, e Deus non pode mentir.
3 Aínda así, ó seu debido tempo, el deu a coñecer a súa palabra mediante a predicación que se me encargou tal como mandou o noso Salvador, Deus.
4 Para Tito, que é coma un verdadeiro fillo para min, de acordo coa fe que temos en común:
Que teñas bondade inmerecida e paz de parte de Deus, o Pai, e de Cristo Xesús, o noso Salvador.
5 Deixeite en Creta para que corrixises as cousas que había que corrixir* e nomeases anciáns en cada cidade, de acordo coas instrucións que che dei:
6 o ancián debe ser un home libre de acusación, marido dunha soa muller, e con fillos crentes ós que non se lles poida acusar de cometer excesos* nin de ser rebeldes.
7 Como administrador* de Deus, o superintendente debe estar libre de acusación, non debe ser cabezón nin enfadarse con facilidade, non debe ser borracho, nin violento*, nin debe cobizar* ganancias deshonestas.
8 En vez diso, debe ser hospitalario, amar o que é bo, ter bo xuízo*, ser xusto e leal, e ter autocontrol.
9 No que ten que ver coa súa habilidade* para ensinar, debe apegarse firmemente á palabra fiel*, para que poida animar* a outros coa ensinanza beneficiosa* e censurar ós que a contradín.
10 Porque hai moitos homes que son rebeldes, sobre todo os que se aferran á circuncisión, que falan por falar e que enganan ós demais.
11 A eses homes hai que taparlles a boca, porque son os mesmos que están desestabilizando familias enteiras ó ensinar cousas que non deben para conseguir ganancias deshonestas.
12 Incluso un deles, o seu propio profeta, dixo: “Os cretenses son todos uns mentireiros, son coma animais salvaxes que fan dano, son uns lambóns e uns vagos”.
13 E isto é certo. Por iso, sígueos censurando* con severidade para que a súa fe estea forte
14 e non lles fagan caso ás historias falsas dos xudeus nin ós mandamentos dos homes que se apartan da verdade.
15 Todo é puro para os que son puros. Pero para os que están contaminados e non teñen fe, non hai nada puro porque teñen a mente e a conciencia contaminadas.
16 Afirman publicamente que coñecen a Deus pero coas súas accións demostran que o rechazan, porque eles son detestables e desobedientes, e non foron aprobados para facer ningún tipo de boa obra.
Notas ó pé
^ Ou “as cousas defectuosas”, “as cousas deficientes”.
^ Ou “de desenfreo”, “de libertinaxe”.
^ Lit. “golpeador”. Ademais, o verbo grego tamén pode transmitir a idea de abusar verbalmente doutros.
^ É dicir, sentir un desexo excesivo de ter algo.
^ Ou “ser sensato”.
^ Ou “arte”.
^ Ou “mensaxe confiable”.
^ Ou “exhortar”.
^ Ou “saudable”.
^ Parece que se refire ós que formaban parte das congregacións de Creta e que se opoñían ás ensinanzas verdadeiras.

