Rut 4:1-22

  • Boaz fai de recomprador (1-12)

  • Boaz e Rut teñen un fillo, Obed (13-17)

  • Lista de antepasados de David (18-22)

4  Boaz subiu ata a porta da cidade e sentouse alí. Cando viu pasar o recomprador do que falara, díxolle: “Compañeiro*, ven aquí e séntate”. Así que el achegouse e sentouse. 2  Despois, Boaz chamou a 10 dos anciáns da cidade e díxolles: “Sentádevos aquí”. E eles sentáronse. 3  Entón Boaz díxolle ó recomprador: “Noemí, que volveu da terra de Moab, ten que vender o terreo que era do noso irmán Elimélec. 4  Así que pensei que debía contarcho e dicirche: ‘Compra o terreo diante da xente que vive aquí e dos anciáns do pobo. Se o queres recomprar, faino. Pero se non queres, dimo para que o saiba. Porque eu son o que ten o dereito de recompralo despois de ti’”. E o recomprador contestou: “De acordo, vouno recomprar”. 5  Entón Boaz dixo: “Cando lle compres o campo a Noemí, tamén tes que comprarllo á muller do seu fillo que morreu, a Rut a moabita. Así manterase* o nome do defunto sobre a súa herdanza”. 6  Ó escoitar iso, o recomprador contestou: “Non podo recompralo, porque poñería en perigo a miña propia herdanza. Usa ti o meu dereito de recompra, que eu non podo facelo”. 7  Naqueles tempos en Israel, se un home quería legalizar calquera tipo de transacción relacionada co dereito de recompra e o seu traspaso, tiña que quitarse unha sandalia e darlla á outra persoa. Esta era a maneira de cerrar un trato en Israel. 8  Por iso o recomprador quitou a sandalia cando lle dixo a Boaz: “Cómprao ti”. 9  Entón Boaz díxolles ós anciáns e a tódolos que estaban alí: “Vós sodes testemuñas hoxe de que lle compro a Noemí todo o que era de Elimélec e todo o que era de Quilión e de Mahlón. 10  E tamén vou casar con* Rut a moabita, a viúva de Mahlón, para que o nome do defunto se manteña* sobre a súa herdanza. Así os seus irmáns e a xente da cidade* non esquecerán o seu nome. Hoxe vós sodes testemuñas”. 11  Tódolos que estaban na porta da cidade e os anciáns dixeron: “Somos testemuñas! Que Xehová bendiga a muller que vai entrar na túa casa para que sexa coma Raquel e Lea, que foron nais da nación de Israel. Que che vaia ben en Efrata e que te fagas un bo nome* en Belén. 12  E que, grazas á descendencia que Xehová che dea por medio desta rapaza, a túa familia chegue a ser coma a de Pérez, o fillo de Tamar e Xudá”. 13  Entón Boaz levou a Rut para a súa casa e ela converteuse na súa muller. El tivo relacións sexuais con ela e, coa bendición de Xehová, Rut quedou embarazada e tivo un fillo. 14  As mulleres dixéronlle a Noemí: “Que Xehová sexa louvado, porque non te deixou sen recomprador. Que se proclame o seu nome en Israel! 15  Este neno devolveuche a vida* e vaite coidar na túa vellez, porque é o fillo da túa nora. Ela quérete moito e é mellor para ti que sete fillos”. 16  Noemí colleu o neno no colo e foi ela quen se encargou de coidalo. 17  As veciñas puxéronlle nome ó neno. Dixeron: “A Noemí naceulle un fillo”. E chamáronlle Obed. El é o pai de Xesé, que é o pai de David. 18  Estes son os descendentes* de Pérez: Pérez foi o pai de Hezrón, 19  Hezrón foi o pai de Ram, Ram foi o pai de Aminadab, 20  Aminadab foi o pai de Nasón, Nasón foi o pai de Salmón, 21  Salmón foi o pai de Boaz, Boaz foi o pai de Obed, 22  Obed foi o pai de Xesé e Xesé foi o pai de David.

Notas ó pé

Non se menciona o nome da persoa intencionadamente.
Ou “volverá a estar”.
Lit. “adquiro a”.
Ou “volva a estar”.
Lit. “e a porta do seu lugar”.
Lit. “proclames un nome”.
Ou “chegou a ser o restaurador da túa alma”.
Lit. “Estas son as xeracións”.