Rut 1:1-22

  • A familia de Elimélec múdase a Moab (1, 2)

  • Noemí, Orpá e Rut quedan viúvas (3-6)

  • Rut é leal a Noemí e o seu Deus (7-17)

  • Noemí volve con Rut a Belén (18-22)

1  No tempo no que os xuíces se aseguraban de que se fixese xustiza*, houbo unha época de fame no país. Por iso, un home de Belén de Xudá foi vivir coa súa muller e cos seus dous fillos ó estranxeiro, á terra* de Moab. 2  El chamábase Elimélec*, a súa muller chamábase Noemí*, e os seus dous fillos Mahlón* e Quilión*. Eran de Efrata, é dicir, de Belén de Xudá. E cando chegaron á terra de Moab quedaron a vivir alí. 3  Algún tempo despois, Elimélec morreu, así que a súa muller, Noemí, quedou soa cos seus dous fillos. 4  Máis adiante, os seus fillos casaron con mulleres de Moab: unha chamábase Orpá e a outra Rut. Viviron alí uns 10 anos. 5  Despois tamén morreron Mahlón e Quilión, así que Noemí quedou sen home e sen fillos. 6  Entón decidiu volver ó seu país, porque mentres estaba na terra de Moab escoitara dicir que Xehová se lembrara do seu pobo e que lle dera comida*, e as súas noras volveron con ela. 7  Noemí marchou do lugar onde vivía, e as súas dúas noras foron con ela. Mentres ían camiñando á terra de Xudá, 8  Noemí díxolles: “É mellor que marchedes e que cada unha volva á casa da súa nai. Que Xehová vos mostre amor leal, tal coma vós nolo mostrastes a min e ós meus fillos que morreron. 9  Que Xehová vos dea* un marido a cada unha para que poidades ter a seguridade* dun fogar”. Entón bicounas, e puxéronse a chorar desconsoladamente. 10  Elas non paraban de dicirlle: “Non, non imos volver. Iremos contigo e viviremos co teu pobo”. 11  Pero Noemí díxolles: “Volvede, filliñas. Para que ides vir comigo? Eu xa non podo ter fillos cos que poidades casar. 12  Volvede, filliñas. Marchade, que eu xa son demasiado vella para casar. E aínda que puidese casar esta mesma noite e tivese fillos, 13  esperariades por eles ata que medrasen? Quedariades sen casar todo ese tempo? Non, miñas fillas. Xehová púxose na miña contra*, e amárgame moito ver como vos está afectando isto a vós”. 14  Entón empezaron a chorar desconsoladamente outra vez. Despois Orpá bicou a súa sogra e marchou, pero Rut non quixo separarse dela. 15  Así que Noemí díxolle: “Mira, a miña outra nora* volveu co seu pobo e cos seus deuses. Vaite con ela”. 16  Pero Rut díxolle: “Non me sigas pedindo que te deixe nin que me separe de ti, porque a onde ti vaias eu irei, e onde ti pases a noite eu pasarei a noite. O teu pobo será o meu pobo, e o teu Deus será o meu Deus. 17  Onde ti morras eu morrerei, e alí me enterrarán. Que Xehová me castigue con dureza se me separo de ti por algo que non sexa a morte”. 18  Cando Noemí viu que Rut insistía en ir con ela, deixou de intentar convencela. 19  Así que as dúas seguiron a súa viaxe ata Belén. En canto chegaron, formouse un alboroto moi grande en toda a cidade, e as mulleres preguntaban: “De verdade é Noemí?”. 20  Pero ela dicíalles: “Non me chamedes Noemí*. Chamádeme Mara*, porque o Todopoderoso encheu a miña vida de amargura. 21  Cando marchei tíñao todo, pero Xehová fíxome volver coas mans baleiras. Por que me chamades Noemí se Xehová se puxo na miña contra? O Todopoderoso fíxome sufrir moito”. 22  Así foi como volveu Noemí da terra de Moab acompañada de Rut, a súa nora moabita. Chegaron a Belén cando empezaba a colleita da cebada.

Notas ó pé

^ Lit. “xulgaban”.
^ Ou “á rexión”. Lit. “ós campos”.
^ Que significa “o meu Deus é rei”.
^ Que significa “o meu agrado”.
^ É posible que veña dunha palabra hebrea que significa “debilitarse” ou “enfermar”.
^ Que significa “o que se debilita” ou “o que chega ó seu fin”.
^ Lit. “pan”.
^ Ou “regale”.
^ Lit. “o descanso”.
^ Ou “A man de Xehová volveuse contra min”.
^ Ou “a túa concuñada”.
^ Que significa “o meu agrado”.
^ Que significa “amarga”.