Rut 3:1-18

  • Noemí dálle instrucións a Rut (1-4)

  • Rut e Boaz na eira (5-15)

  • Rut volve onda Noemí (16-18)

3  Entón, a súa sogra Noemí díxolle: “Miña filla, vouche buscar un home que case contigo para que poidas ter un fogar* e che vaia ben. 2  Boaz é da nosa familia e as traballadoras coas que estiveches son as súas servas. Esta noite el vai aventar* a cebada na eira*. 3  Así que lávate e bótate aceite perfumado. Despois vístete coa túa mellor roupa* e baixa á eira. Pero que el non se dea conta de que estás alí ata que acabe de comer e beber. 4  Cando vaia durmir, fíxate onde se deita. Entón acércate, destápalle os pés e déitate alí. E el dirache o que tes que facer”. 5  Rut respondeulle: “Farei todo o que me dis”. 6  Así que ela baixou á eira e fixo todo o que a súa sogra lle mandara. 7  Despois de comer e beber, Boaz sentiuse ben e foise deitar ó lado do montón de gran. Entón Rut acercouse sen facer ruído, destapoulle os pés e deitouse alí. 8  Á medianoite, Boaz empezou a tremer. Cando se incorporou, viu que había unha muller deitada ós seus pés 9  e preguntoulle: “Quen es?”. Ela respondeulle: “Son Rut, a túa serva. Estende o teu manto* sobre a túa serva*, porque es un dos nosos recompradores”. 10  Entón el díxolle: “Que Xehová te bendiga, miña filla. As cousas que fixeches antes demostraron o teu amor leal, pero o que estás facendo agora demóstrao aínda máis. Porque non buscaches un home que fose novo, sen importar que fose pobre ou rico. 11  E agora, filliña, non teñas medo. Farei por ti todo o que dis, porque toda a cidade* sabe que es unha muller extraordinaria. 12  Pero aínda que son un dos vosos recompradores, hai outro recomprador que é un familiar máis próximo ca min. 13  Queda aquí esta noite. E se pola mañá el decide recomprarte, está ben, que o faga. Pero se non quere, podes estar segura de que te recomprarei eu. Isto é tan certo como que Xehová vive. Agora queda aquí deitada ata que saia o sol”. 14  Así que ela quedou deitada ós seus pés ata a mañá, e levantouse antes de que fose de día e alguén a puidese recoñecer. Entón Boaz dixo: “Que ninguén saiba que unha muller veu á eira”. 15  E díxolle a Rut: “Trae o manto que levas posto, ábreo e agárrao con forza”. Mentres ela o mantiña aberto, el botou nel seis medidas* de cebada e despois colocouno sobre ela. Entón Boaz volveu para a cidade. 16  Rut volveu á casa da súa sogra, que lle preguntou: “Como che foi*, filliña?”. Así que Rut contoulle todo o que Boaz fixera por ela. 17  Tamén lle explicou: “Deume estas seis medidas de cebada e díxome: ‘Non vaias coas mans baleiras para a casa da túa sogra’”. 18  Entón Noemí díxolle: “Filliña, agora espera a ver que pasa, porque el non vai descansar ata que solucione hoxe este asunto”.

Notas ó pé

Lit. “un lugar de descanso”.
Ou “aira”.
Ou “cos teus mantos”.
Ou “a beira do teu manto”.
Ou “Protexe a túa serva”.
Lit. “toda a porta do meu pobo”.
É posible que fosen seis medidas de sea, é dicir, uns 44 litros. Isto equivalía a uns 25 kg de cebada. Ver apén. B14.
Lit. “Quen es”.