Primeira Carta a Timoteo 6:1-21

  • Os escravos deben respectar os seus donos (1, 2)

  • Os mestres falsos e o amor ós cartos (3-10)

  • Instrucións para os servos de Deus (11-16)

  • Ser ricos en boas obras (17-19)

  • “Protexe o que se che confiou” (20, 21)

6  Que os que están baixo o xugo da escravitude sigan respectando de todo corazón* ós seus donos, para que nunca se fale mal do nome de Deus nin das súas ensinanzas. 2  E que os que teñen donos crentes non lles falten ó respecto porque sexan os seus irmáns. Ó contrario, teñen que servilos aínda mellor, porque os que se benefician do seu bo servizo son crentes e irmáns queridos. Ti sigue ensinando estas cousas e dando estes consellos. 3  Se alguén ensina outra doutrina e non está de acordo coas instrucións tan beneficiosas* que veñen do noso Señor Xesucristo nin coas ensinanzas que están de acordo coa devoción a Deus, 4  está cheo de orgullo e non entende nada. Está obsesionado coas* discusións e cos debates sobre palabras. Estas cousas provocan envexas, pelexas, calumnias*, sospeitas malvadas 5  e discusións constantes sobre asuntos de pouca importancia. Están motivadas por homes que teñen unha forma de pensar corrupta e que xa non entenden a verdade, porque pensan que poden sacar beneficio da devoción a Deus. 6  E é certo, a devoción a Deus produce moitos beneficios cando estamos contentos co que temos. 7  Porque non trouxemos nada ó mundo e tampouco imos poder levar nada con nós. 8  Así que, se temos comida e roupa*, esteamos contentos con iso. 9  Pero os que están decididos a ser ricos caen en tentacións e trampas, e convértense en vítimas de moitos desexos insensatos que fan dano, que os afunden na ruína e na destrución. 10  Porque o amor ós cartos provoca* todo tipo de cousas malas. E algúns, intentando satisfacer ese amor, desviáronse da fe e causáronse moitos sufrimentos. 11  Pero ti, servo de Deus, escapa destas cousas. En vez diso, esfórzate por demostrar xustiza, devoción a Deus, fe, amor, aguante e apracibilidade. 12  Loita a batalla excelente da fe. Agárrate ben forte á vida eterna para a que fuches chamado e da que fixeches unha boa declaración pública diante de moitas testemuñas. 13  Diante de Deus, que mantén todo con vida, e diante de Cristo Xesús, que como testemuña fixo unha excelente declaración pública ante Poncio Pilato, mándoche 14  que obedezas dunha maneira impecable e irreprochable* o mandamento que che dei, ata que o noso Señor Xesucristo demostre o seu poder*. 15  O bendito* e único Señor Poderoso mostrará o seu poder no tempo fixado. El é Rei dos que gobernan como reis e Señor dos que gobernan como señores. 16  De todos eles, el é o único que ten inmortalidade, que vive nun lugar tan brillante e glorioso que ninguén pode acercarse, e a el ningún home o viu nin o pode ver. Que el reciba a honra e o poder eterno. Amén. 17  Dálles estas instrucións* ós que son ricos neste sistema*: que non se crean superiores* e que non poñan a súa esperanza nas riquezas inseguras, senón en Deus, que nos dá de maneira abundante tódalas cousas das que desfrutamos. 18  Dilles que fagan o ben, que sexan ricos en boas obras, que sexan xenerosos e que estean dispostos a compartir. 19  Desta maneira conseguirán un tesouro, un bo fundamento para o futuro, e así poderán agarrarse con forza á vida que realmente é vida. 20  Timoteo, protexe o que se che confiou e evita as palabras inútiles que desprezan o que é santo e as contradicións do que falsamente se lle chama coñecemento. 21  Por presumir dese coñecemento, algúns desviáronse da fe. Que a bondade inmerecida de Deus estea con vós.

Notas ó pé

Ou “sigan considerando dignos de toda honra”.
Ou “saudables”.
Ou “Ten unha fascinación que non é saudable polas”.
Ou “palabras ofensivas”.
Ou “con que cubrirnos”. Ou quizais “refuxio”.
Lit. “é raíz de”.
É dicir, que non hai nada malo que se poida dicir en contra.
Ou “ata a manifestación do noso Señor Xesucristo”.
Ou “feliz”.
Ou “estas ordes”.
Ou “nesta era”. Ver glosario sistema.
Ou “non sexan arrogantes”.