Primeira Carta a Timoteo 1:1-20

  • Saúdo (1, 2)

  • Advertencia contra os mestres falsos (3-11)

  • A Paulo mostróuselle bondade inmerecida (12-16)

  • O Rei da eternidade (17)

  • Loitar a batalla coma un bo soldado (18-20)

1  De parte de Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por mandato de Deus, o noso Salvador, e de Cristo Xesús, a nosa esperanza, 2  para Timoteo*, que é coma un fillo para min no camiño da fe: Que teñas bondade inmerecida, misericordia e paz de parte de Deus, o Pai, e de Cristo Xesús, o noso Señor. 3  Cando estaba a punto de marchar para Macedonia animeite a quedar en Éfeso, e agora fago o mesmo para que lles mandes a certas persoas que non ensinen unha doutrina diferente 4  e que non lles fagan caso ós contos falsos nin ás xenealoxías. Estas cousas non levan a ningún sitio. Só provocan que a xente faga especulacións en vez de aportar algo de parte de Deus relacionado coa fe. 5  De feito, a razón pola que dou estas instrucións* é para que teñamos un amor que nace dun corazón puro, dunha boa conciencia e dunha fe sen hipocrisía. 6  Algúns apartáronse destas cousas e enredáronse en discusións que non teñen sentido. 7  Queren ser mestres da lei, pero non entenden nin o que din nin as cousas nas que insisten tanto. 8  Pero nós sabemos que a Lei é boa cando se aplica correctamente* 9  e cando se recoñece que a lei non se fai para os xustos. Faise para os que a desobedecen e para os rebeldes, os malvados* e os pecadores, os desleais* e os que profanan as cousas sagradas, os que matan ós seus pais e ás súas nais, os asasinos, 10  os que son sexualmente inmorais*, os homes que practican a homosexualidade*, os secuestradores, os mentireiros e os que rompen as súas promesas*, e tamén para calquera que se opoña á ensinanza que é beneficiosa*. 11  Esta ensinanza está de acordo coas gloriosas boas noticias do Deus feliz que se me encargaron. 12  Doulle grazas a Cristo Xesús, o noso Señor, que me deu poder porque me considerou fiel e asignoume un labor sagrado* 13  a pesar de que eu antes blasfemaba*, perseguía o seu pobo e era arrogante. Aínda así, mostróuseme misericordia porque actuaba con ignorancia e sen fe. 14  Pero a bondade inmerecida que me mostrou o noso Señor foi extraordinariamente abundante. Ademais, o Señor axudoume a ter fe nel e a recibir o amor que ten Cristo Xesús. 15  Isto que vou dicir é confiable e merece ser aceptado por completo: Cristo Xesús veu ó mundo para salvar os pecadores. De todos eles, eu son o peor. 16  Pero a pesar de todo, mostróuseme misericordia para que Cristo Xesús demostrase toda a súa paciencia por medio de min, que son o peor dos pecadores. Fixo isto ó poñerme de exemplo para os que van demostrar fe nel e que así poidan conseguir vida eterna. 17  Que o Rei da eternidade, que non pode morrer, que é invisible e que é o único Deus, reciba a honra e a gloria para sempre. Amén. 18  Timoteo, meu filliño, douche estas instrucións* de acordo coas profecías que se fixeron sobre ti, para que grazas a elas sigas loitando a batalla coma un bo soldado, 19  e sigas mantendo a túa fe e unha boa conciencia. Algúns rechazárona, e a súa fe naufragou por culpa diso. 20  Himeneo e Alexandre son dese grupo. A eles entregueinos a Satanás* para que, grazas á disciplina, aprendan a non blasfemar.

Notas ó pé

Que significa “o que honra a Deus”.
Ou “estes mandatos”, “estas ordes”.
Lit. “lexitimamente”.
Ou “irreverentes”.
Ou “os que non demostran amor leal”.
Ver glosario inmoralidade sexual.
Ou “os homes que teñen sexo con homes”. Lit. “os homes que se deitan con homes”.
Ou “os que perxuran”.
Ou “saudable”.
Ou “ministerio”. Ver glosario ministro; ministerio.
Ou “estes mandatos”, “estas ordes”.
É dicir, foron sacados da congregación.