Primeira Carta a Timoteo 5:1-25

  • Como tratar os maiores e os máis novos (1, 2)

  • Axudar ás viúvas (3-16)

    • Hai que manter os membros da familia (8)

  • Dar honra ós anciáns que se esforzan moito (17-25)

    • “Bebe un pouco de viño porque é bo para o teu estómago” (23)

5  Non reprendas con dureza a un home maior. En vez diso, aconséllao coma se fose o teu pai. Aconsella os homes máis novos coma se fosen os teus irmáns. 2  Aconsella as mulleres maiores coma se fosen a túa nai e as mulleres máis novas coma se fosen as túas irmás, e faino con motivos completamente puros*. 3  Honra e coida das viúvas que realmente están soas*. 4  Pero se algunha viúva ten fillos ou netos, eles primeiro deben demostrar devoción a Deus coidando das súas familias. Teñen que darlles ós seus pais e avós o que merecen*, porque isto é o que lle agrada a Deus. 5  A viúva que realmente está soa e non ten nada* pon a súa esperanza en Deus, e non deixa de suplicar e orar día e noite. 6  Pero a que só vive para satisfacer os seus desexos*, aínda que estea viva, está morta espiritualmente. 7  Por iso, sigue dándolles estas instrucións* para que ninguén poida reprocharlles* nada. 8  Porque se alguén non mantén os seus, e sobre todo os membros da súa familia, rechazou a fe e é peor que unha persoa sen fe. 9  Para poder incluír a unha viúva na lista ten que ter polo menos 60 anos e tivo que serlle fiel ó seu home*. 10  Ademais, ten que ser coñecida polas obras excelentes que fixo, como criar ben os fillos, ser hospitalaria, lavarlles os pés ós santos*, axudar ós que sufrían e dedicarse a facer todo tipo de boas obras. 11  Pero non inclúas na lista as viúvas máis novas porque, cando os seus desexos sexuais se interpoñen entre elas e o Cristo, queren volver a casar. 12  Elas serán culpables por non cumprir a promesa que fixeron*. 13  Ó mesmo tempo, tamén teñen o costume de non facer nada e de ir dunha casa á outra. E non só teñen o costume de non facer nada, senón que tamén andan contando chismes e métense nos asuntos dos demais, falando de cousas que non deben. 14  Por iso quero que as viúvas máis novas volvan a casar, que teñan fillos, que se ocupen da súa casa e que non lle dean ó inimigo ningunha oportunidade para criticarnos. 15  De feito, algunhas xa se desviaron para seguir a Satanás. 16  Se algunha muller crente ten viúvas na súa familia, que lles axude para que non sexan unha carga para a congregación. Así a congregación poderá axudarlles ás viúvas que realmente están soas*. 17  Os anciáns merecen dobre honra porque dirixen* ben a congregación, sobre todo se se esforzan moito por falar e ensinar. 18  Porque unha parte das Escrituras di: “Non lle impidas comer* ó touro mentres está trillando o gran”. E outra di: “O traballador merece a súa paga”. 19  Non aceptes ningunha acusación contra un ancián* a non ser que estea baseada no testemuño de dúas ou tres persoas. 20  Censura diante de tódolos presentes ós que practican o pecado, para que lles sirva de advertencia ós demais*. 21  Mándoche* diante de Deus, de Cristo Xesús e dos anxos escollidos que sigas estas instrucións sen prexuízos nin favoritismos*. 22  Nunca teñas présa por impoñerlle as mans a ningún home*. Tampouco sexas cómplice dos pecados dos demais. Mantente puro*. 23  Deixa de beber só auga*. Bebe un pouco de viño porque é bo para o teu estómago e tamén polo teu ben, porque estás enfermo habitualmente. 24  Os pecados dalgúns homes coñécense publicamente e fan que sexan xulgados de inmediato. Pero os pecados doutros homes saen á luz máis tarde. 25  Da mesma maneira, as boas obras coñécense publicamente, e as que non son boas non se poden manter escondidas.

Notas ó pé

Lit. “con toda castidade”.
Ou “que realmente o necesitan”. Lit. “que realmente son viúvas”. É dicir, que non teñen a ninguén que lles axude.
Ou “o que é apropiado”, “o que se lles debe”.
Ou “que quedou na indixencia”.
É posible que se refira ós desexos sexuais.
Ou “estes mandatos”.
Parece que se refire ás viúvas e ós seus familiares.
Ou “ser muller dun só home”.
Lit. “a primeira fe”. Quizais se refira á promesa de manterse solteiras.
Ou “que realmente o necesitan”. Lit. “que realmente son viúvas”. É dicir, que non teñen a ninguén que lles axude.
Ou “presiden”.
Ou “Non lle poñas un bozo”. Un bozo é un obxecto que se lles pon ós animais no fociño para que non poidan comer ou morder.
Ou “un home maior”.
Lit. “para que os demais teñan temor”.
Ou “Mándoche solemnemente”.
Ou “parcialidade”.
É dicir, que non faga ningún nomeamento de forma precipitada. Ver glosario impoñer as mans.
Ou “casto”.
Ou “Non sigas bebendo auga”.