Ir ó contido

Ir ó índice

Os milagres de Xesús. Que podemos aprender deles?

Os milagres de Xesús. Que podemos aprender deles?

Os milagres de Xesús. Que podemos aprender deles?

POIDA que te sorprenda saber que nos relatos da Biblia que falan sobre a vida de Xesús nunca se emprega a palabra grega orixinal para “milagre”. Un termo grego que ás veces se traduce como “milagre” é dínamis (Mateo 11:20). Este termo significa literalmente “poder” ou “forza” (Lucas 8:46). E tamén se pode traducir como “capacidade” (Mateo 25:15). Segundo un experto, este termo “destaca a acción poderosa en si e, en concreto, o poder co que se realizou. Esta acción é unha expresión da actuación do poder de Deus”.

Outro termo grego semellante é teras, que se adoita traducir como “prodixios” ou “marabillas” (Xoán 4:48; Feitos 2:19). Esta expresión destaca o efecto que ten nos que observan. A miúdo, as multitudes e os discípulos quedaban abraiados cando vían as obras poderosas que facía Xesús (Marcos 2:12; 4:41; 6:51; Lucas 9:43).

Un terceiro termo grego que se lles aplica ós milagres de Xesús é simíon que significa “sinal”. Segundo o teólogo Robert Deffinbaugh, esta palabra “céntrase no significado máis profundo do milagre. Un sinal é un milagre que transmite verdades acerca do noso Señor Xesús”.

Ilusionismo ou poder de Deus?

Na Biblia non se fala dos milagres de Xesús como trucos de ilusionismo que pretendían entreter o público. Máis ben os describe como demostracións da “grandeza de Deus”, do seu inmenso poder. Isto foi o que pasou na ocasión na que Xesús expulsou un demo dun rapaz (Lucas 9:37-43). Pensas que sería imposible para Deus, de quen se di que ten “vigorosa forza”, facer estas obras poderosas? (Isaías 40:26) Claro que non!

A pesar de que nos Evanxeos se fala duns trinta e cinco milagres de Xesús, non se sabe a cifra total dos que realizou. Por exemplo, Mateo 14:14 di: “Cando desembarcaron, atopouse cun gran xentío. El [Xesús], conmovido, curou a tódolos enfermos”. Así que non se sabe canta xente curou ese día.

Esas obras poderosas demostraron que o que Xesús dicía era certo: el era o fillo de Deus, o Mesías que prometido. As Escrituras confirmaron que Xesús realizaba milagres grazas ó poder de Deus. O apóstolo Pedro referiuse a el como “home acreditado por Deus ante vós por milagres, marabillas e sinais que Deus fixo por el entre vós, como vós mesmos sabedes” (Feitos 2:22). Doutra volta, Pedro dixo: “Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a tódolos que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el” (Feitos 10:37, 38).

Os milagres de Xesús estaban moi relacionados coa súa mensaxe. Marcos 1:21-27 amosa como reaccionou a xente ó que ensinaba Xesús e a un dos milagres que fixo. O versículo 22 di que “todos estaban abraiados da súa doutrina” e o 27 di que “todos ficaron pasmados” cando expulsou un demo. As obras poderosas de Xesús e o que ensinaba demostraron que era o Mesías prometido.

Xesús non se limitou a dicir que era o Mesías, senón que o demostrou co que dixo e co que fixo. Ademais, os milagres que realizou grazas ó poder que Deus lle dera tamén foron proba de que de verdade era o Mesías. Cando cuestionaron o seu papel e a súa autoridade, contestou con valor: “Mais eu teño un testemuño máis importante có de Xoán [Bautista], pois as obras que o Pai me encargou de levar a cabo, esas obras que eu fago, dan fe de que eu son un mandado do Pai” (Xoán 5:36).

Certificado de autenticidade

Por que podemos estar seguros de que os milagres de Xesús foron reais? Imos ver algunhas probas da súa autenticidade.

Cando realizou milagres, Xesús nunca quixo chamar a atención sobre si mesmo. Sempre se asegurou de que Deus recibise o mérito e a louvanza. Por exemplo, antes de curar un home cego, deixou claro que o facía “para que se mostren nel as obras de Deus” (Xoán 9:1-3; 11:1-4).

A diferenza dos ilusionistas, dos magos e dos curandeiros, Xesús nunca usou o hipnotismo, trucos, exhibicións espectaculares, conxuros nin rituais sensacionalistas. Tampouco recorreu a supersticións ou ó emprego de reliquias. Fixémonos na humildade coa que curou dous homes cegos: “Compadecido Xesús, tocóulle-los ollos, e de contado recobraron a vista; e foron tras el” (Mateo 20:29-34). Non houbo ningún ritual, cerimonia ou espectáculo. Ademais, Xesús realizou os milagres á vista de todo o mundo, a miúdo diante de moitas testemuñas. Non empregou xogos de luces, montaxes ou accesorios. Pola contra, os supostos milagres que se realizan na actualidade con frecuencia non están documentados (Marcos 5:24-29; Lucas 7:11-15).

En varias ocasións, Xesús recoñeceu a fe dos que se beneficiaron dos seus milagres. Aínda así, que unha persoa non tivese fe non impedía que Xesús fixese un milagre. Cando estaba en Cafarnaúm “leváronlle moitos endemoniados, e coa súa palabra botoulles fóra os espíritos e curou os enfermos todos” (Mateo 8:16; cursiva nosa).

Os milagres que Xesús fixo tiñan o obxectivo de cubrir as necesidades básicas das persoas, non satisfacer a curiosidade dos que os visen (Marcos 10:46-52; Lucas 23:8). E Xesús nunca realizou milagres para obter algún beneficio persoal (Mateo 4:2-4; 10:8).

Que se pode dicir dos relatos dos Evanxeos?

Os detalles sobre os milagres de Xesús chegaron a nós por medio das páxinas dos catro Evanxeos. Temos razóns para confiar nestes relatos? Si que as temos.

Como xa dixemos, Xesús realizou os seus milagres diante de moitas persoas. Unha gran parte delas aínda estaba viva cando se escribiron os primeiros Evanxeos. O libro The Miracles and the Resurrection (Os milagres e a resurrección) di sobre a honestidade dos escritores: “Acusar os autores dos Evanxeos de afogar de xeito indiscriminado os feitos históricos nun mar de supostos milagres para espallar propaganda teolóxica sería unha enorme inxustiza. [...] Eles trataron de realizar unha tarefa documental honrada”.

Os xudeus que se opoñían ó cristianismo nunca cuestionaron a autenticidade dos milagres que se mencionan nos Evanxeos. O único que discutiron foi o poder co que se facían eses milagres (Marcos 3:22-26). Os detractores que viñeron despois tampouco puideron negar os milagres de Xesús. Ó contrario, durante os séculos I e II da nosa era houbo referencias históricas ós milagres que fixo Xesús. É evidente que temos moitas razóns para crer que os relatos dos Evanxeos sobre os milagres de Xesús son auténticos.

O home que había detrás dos milagres

Se só analizásemos os argumentos lóxicos que proban a autenticidade dos milagres de Xesús, a nosa análise quedaría incompleta. Cando os Evanxeos falan dos milagres de Xesús, amosan un home con sentimentos moi profundos e unha compaixón sen igual. Un home que se interesaba de verdade polo benestar das persoas.

Pensemos no gafo que se achegou a Xesús rogándolle con desesperación: “‘Ti, se queres, pódesme limpar’. Xesús, estremecido, alongou a man, e tocouno, dicindo: ‘Pois quero, queda limpo’. E no instante desapareceulle a lepra” (Marcos 1:40-42). Deste xeito, Xesús demostrou que a empatía era o que o impulsaba a empregar o poder de Deus para facer milagres.

E que pasou cando se atopou cunha procesión funeraria saíndo da cidade de Naín? O morto era un rapaz novo, fillo único dunha muller viúva. Movido pola compaixón, Xesús achegouse á muller e díxolle: “Non chores”. E xusto despois devolveulle a vida ó seu fillo (Lucas 7:11-15).

Algo moi animador que aprendemos dos milagres de Xesús é que era compasivo e buscaba xeitos de axudar a xente. Os seus milagres non son simple historia. Hebreos 13:8 di: “Xesús Cristo é o mesmo onte e hoxe e será o mesmo sempre”. Agora é rei no ceo, e ten a preparación e a capacidade para usar o poder que Deus lle deu para facer milagres dun xeito aínda máis amplo que cando estivo na Terra. Axiña o vai usar para curar os humanos que sexan obedientes. As testemuñas de Xehová estarán encantadas de ensinarche máis sobre este futuro tan fermoso que nos agarda.

[Imaxe]

Os milagres de Xesús eran demostracións da “grandeza de Deus”

[Imaxe]

Xesús era un home de sentimentos moi profundos