Carta ós Efesios 5:1-33

  • A forma de falar e a conduta que son puras (1-5)

  • “Seguide andando coma fillos da luz” (6-14)

  • “Seguídevos enchendo do espírito de Deus” (15-20)

    • Aproveitar o tempo da mellor maneira posible (16)

  • Consellos para homes casados e para mulleres casadas (21-33)

5  Así que imitade a Deus como fillos queridos 2  e seguide demostrando amor*, igual que o Cristo tamén nos* amou e se entregou por nós* como ofrenda e sacrificio, un aroma agradable para Deus. 3  Que a inmoralidade sexual*, calquera tipo de impureza* ou a cobiza* nin sequera se mencionen entre vós, tal e como é propio de persoas santas. 4  Que tampouco haxa comportamentos vergonzosos nin palabras insensatas nin bromas obscenas, que son cousas que non son apropiadas. En vez diso, dade grazas. 5  Porque sabedes e entendedes moi ben que ninguén que sexa sexualmente inmoral*, ninguén que sexa impuro* e ninguén que se deixe levar pola cobiza (que é o mesmo que ser idólatra) ten herdanza no Reino do Cristo e de Deus. 6  Non deixedes que ninguén vos engane con palabras baleiras, porque a ira de Deus virá sobre os desobedientes* debido a esas cousas. 7  Así que non sexades os seus cómplices. 8  Antes erades escuridade, pero agora sodes luz porque estades unidos ó Señor. Seguide andando coma fillos da luz, 9  porque a luz produce* todo tipo de bondade, xustiza e verdade. 10  Seguide asegurándovos do que lle agrada ó Señor 11  e deixade de participar nas obras inútiles* que pertencen á escuridade. En vez diso, poñédeas ó descuberto. 12  Porque incluso dá vergonza dicir as cousas que esa xente fai en segredo. 13  A luz pon ó descuberto* tódalas cousas, así que tódalas cousas que están postas ó descuberto convértense en luz. 14  Por iso se di: “Desperta, ti que estás durmindo, e resucita* de entre os mortos, e o Cristo fará que a luz brille sobre ti”. 15  Así que tede moitísimo coidado para non comportarvos* coma parvos, senón coma sabios, 16  aproveitando o tempo da mellor maneira posible*, porque os días nos que vivimos son malos. 17  Por iso deixade de ser insensatos e entendede cal é a vontade de Xehová*. 18  Ademais, non vos emborrachedes*, porque iso leva ós excesos*. En vez diso, seguídevos enchendo do espírito de Deus. 19  Faládevos uns ós outros* con salmos, louvanzas a Deus e cancións espirituais, cantando e tocando música para Xehová* de todo corazón*, 20  dándolle sempre as grazas por todo ó noso Deus e Pai no nome do noso Señor Xesucristo. 21  Respectade a autoridade uns doutros* polo profundo respecto que lle tedes a* Cristo. 22  Que as mulleres que están casadas respecten a autoridade dos* seus maridos igual que ó Señor. 23  Porque o marido é cabeza da súa muller, igual que o Cristo é cabeza da congregación, xa que el é o salvador deste corpo*. 24  De feito, igual que a congregación respecta a autoridade do* Cristo, as mulleres tamén deben respectar sempre a autoridade dos* seus homes. 25  Maridos, seguide amando as vosas mulleres igual que o Cristo tamén amou a congregación e se entregou por ela. 26  Fixo isto para santificala, purificándoa coa palabra de Deus, coma se fose cun baño de auga 27  para presentar a congregación diante de si mesmo en todo o seu esplendor, sen manchas nin defectos nin ningunha desas cousas, senón santa e sen falta. 28  Da mesma maneira, os homes que están casados deben amar ás súas mulleres como aman os seus propios corpos. O home que ama á súa muller ámase a si mesmo, 29  porque nunca houbo ninguén que odiase o seu propio corpo*. En vez diso, todo o mundo o alimenta e o coida con cariño, igual que fai o Cristo coa congregación, 30  porque todos formamos parte* do seu corpo. 31  Por esa razón, o home deixará o seu pai e a súa nai, unirase* á súa muller e os dous serán unha soa carne*. 32  Este segredo sagrado é grande. Agora estou falando de Cristo e da congregación. 33  En calquera caso, cada un de vós debe amar á súa muller tal como se ama a si mesmo e a muller debe respectar profundamente ó seu marido.

Notas ó pé

^ Ou “o camiño do amor”.
^ Ou quizais “vós”.
^ Ou quizais “vos”.
^ En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.
^ Ou “inmundicia”. Ver glosario impureza.
^ É dicir, desexo excesivo de ter algo.
^ Ver glosario inmoralidade sexual.
^ Ou “inmundo”.
^ Ou “fillos da desobediencia”.
^ Ou “o froito da luz consiste en”.
^ Ou “infrutíferas”.
^ Ou “censura”.
^ Lit. “levántate”.
^ Lit. “andar”.
^ Lit. “comprando o tempo fixado”.
^ Ou “non vos emborrachedes con viño”.
^ Ou “ó descontrol”.
^ Ou quizais “a vós mesmos”.
^ Ou “nos vosos corazóns”.
^ Ou “Estade suxeitos uns ós outros”.
^ Lit. “no temor de”.
^ Ou “estean suxeitas ós”.
^ É dicir, a congregación.
^ Ou “está suxeita ó”.
^ Ou “estar suxeitas ós”.
^ Lit. “a súa propia carne”.
^ Ou “somos membros”.
^ A palabra grega orixinal significa adherirse firmemente, coma con pegamento.
^ Ou “un só ser”.