Carta ós Efesios 1:1-23

  • Saúdo (1, 2)

  • Bendicións espirituais (3-7)

  • Reunir tódalas cousas para que estean unidas a Cristo (8-14)

    • “Unha administración” nos tempos fixados (10)

    • Recibir o selo co espírito santo, que “é unha garantía” (13, 14)

  • Paulo dálle grazas a Deus pola fe dos efesios e ora por eles (15-23)

1  De parte de Paulo, apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus, para os santos* que están en Éfeso e que son discípulos fieis de Cristo Xesús: 2  Que teñades bondade inmerecida e paz de parte de Deus, o noso Pai, e do Señor Xesucristo. 3  Que o Deus e Pai do noso Señor Xesucristo sexa louvado porque nos deu todo tipo de bendicións co seu espírito nos lugares celestiais como discípulos de Cristo, 4  porque nos escolleu desde o principio da humanidade* para estar unidos a el*, para que demostremos amor e sexamos santos e non teñamos defecto diante del. 5  Escolleunos con antelación* para que fósemos adoptados como os seus propios fillos mediante Xesucristo, de acordo co que lle agrada e coa súa vontade, 6  para louvalo pola gloriosa bondade inmerecida que el nos mostrou bondadosamente por medio do seu querido Fillo. 7  Por medio del conseguimos a liberación por rescate mediante o seu sangue, é dicir, o perdón das nosas ofensas de acordo coa gran bondade inmerecida de Deus. 8  El mostrounos esta bondade inmerecida en abundancia dándonos sabedoría e entendemento* en tódolos asuntos, 9  revelándonos o segredo sagrado da súa vontade. De acordo co que lle agrada, propúxose 10  establecer unha administración* cando se cumprisen os tempos fixados, para reunir tódalas cousas e que así estean unidas a Cristo, as cousas nos ceos e as cousas na terra. Si, a el. 11  Nós estamos unidos a el e escolléusenos como herdeiros porque fomos escollidos con antelación* de acordo co propósito de Deus, que é quen cumpre tódalas cousas que decide de acordo coa súa vontade. 12  Así louvarase a gloria de Deus mediante nós, que fomos os primeiros en poñer a nosa esperanza no Cristo. 13  Pero vós tamén puxestes a vosa esperanza nel despois de escoitar a palabra da verdade, as boas noticias da vosa salvación. Despois de crer, recibistes o selo por medio del co espírito santo que se prometera. 14  Ese espírito é unha garantía* da herdanza que imos recibir, para que o propio pobo* de Deus quedase libre mediante un rescate para a súa gloriosa louvanza. 15  Por iso, desde que oín falar da fe que tedes no Señor Xesús e do amor que lles demostrades a tódolos santos, 16  non deixo de dar grazas por vós. Sígovos mencionando nas miñas oracións 17  para que o Deus do noso Señor Xesucristo, o Pai glorioso, vos dea poder para que poidades ser sabios e entendades as cousas que el revela, mentres conseguides coñecemento exacto sobre el. 18  El iluminou os ollos do voso corazón para que poidades saber cal é a esperanza que se vos deu cando vos chamou, cales son as gloriosas bendicións* que el ten reservadas como herdanza para os santos 19  e o extraordinaria que é a grandeza do poder que nos mostra ós que somos crentes. Esta grandeza vese nas accións da súa poderosa forza, 20  que el utilizou con Cristo cando o resucitou* de entre os mortos e cando o sentou á súa dereita nos lugares celestiais, 21  moi por enriba de calquera goberno, autoridade, poder e dominio, e moi por enriba de calquera título* que poida ter alguén non só neste sistema*, senón tamén no que virá. 22  El tamén puxo tódalas cousas debaixo dos seus pés e fixo que chegase a ser cabeza de tódalas cousas relacionadas coa congregación. 23  A congregación é o corpo de Cristo, que el enche, e el fai que todo estea completo*.

Notas ó pé

Lit. “desde a fundación do mundo”. Parece que se refire ó nacemento dos fillos de Adán e Eva.
É dicir, a Cristo.
Ou “Predeterminounos”.
Ou “sensatez”.
Ou “administrar as cousas”.
Ou “predeterminados”.
Ou “un pago inicial”, “unha fianza”, “unha prenda”.
Lit. “a propiedade”.
Ou “riquezas”.
Lit. “levantou”.
Lit. “nome”.
Ou “nesta era”. Ver glosario sistema.
Ou “é o seu corpo, a plenitude do que enche tódalas cousas en todo”.