Segunda Carta a Timoteo 4:1-22

  • “Cumpre por completo o teu ministerio” (1-5)

    • Predicar a palabra de Deus con sentido de urxencia (2)

  • “Loitei a batalla excelente” (6-8)

  • Comentarios persoais (9-18)

  • Despedida (19-22)

4  Diante de Deus e diante de Cristo Xesús, que vai xulgar os vivos e os mortos cando apareza e goberne como Rei do Reino, mándoche isto: 2  predica a palabra de Deus e faino con sentido de urxencia tanto en tempos bos como en tempos difíciles, censura, reprende e aconsella seriamente*, con moita paciencia e habilidade* para ensinar. 3  Porque chegará un tempo no que as persoas non soportarán a ensinanza beneficiosa*, senón que se deixarán levar polos seus propios desexos, e por iso se rodearán de mestres que lles regalen os oídos*. 4  Deixarán de escoitar a verdade e faranlles caso a contos falsos. 5  Pero ti mantén o teu bo xuízo en tódalas cousas, aguanta as dificultades, fai o teu traballo de evanxelizador* e cumpre por completo o teu ministerio. 6  Eu xa estou sendo derramado coma unha ofrenda líquida*, e o momento da miña liberación está moi cerca. 7  Loitei a batalla excelente, acabei a carreira, mantívenme na fe. 8  A partir de agora, está reservada para min a coroa da xustiza que me vai dar o Señor, o xuíz xusto, como recompensa no día de xuízo*. Pero non só ma vai dar a min, senón tamén a tódolos que esperaron con moitas ganas que el aparecese. 9  Fai todo o posible por vir a verme pronto. 10  Porque Demas, que me abandonou polo amor que sentía por este sistema*, marchou para Tesalónica. Crescente marchou para Galacia e Tito para Dalmacia. 11  Só Lucas está comigo. Trae a Marcos contigo, porque me vai axudar moito* no ministerio. 12  A Tíquico mandeino a Éfeso. 13  Cando veñas, tráeme a capa que deixei en Troas na casa de Carpo, e tamén os rolos, sobre todo os pergamiños*. 14  Alexandre, o artesán do cobre, fíxome moito dano. Xehová* daralle o seu merecido polo que fixo. 15  Ten coidado con el ti tamén, porque se opuxo á nosa mensaxe con tódalas súas forzas. 16  Cando presentei a miña primeira defensa diante das autoridades, ninguén estivo ó meu lado, senón que todos me abandonaron. Que Deus os perdoe por iso. 17  Pero o Señor si que estivo ó meu lado e deume as forzas necesarias para predicar por completo o que di a palabra de Deus, e para que o escoitasen persoas de tódalas nacións. Ademais, fun rescatado da boca do león. 18  O Señor vaime rescatar de tódalas cousas malas e vaime salvar para formar parte do seu Reino celestial. Que el reciba a gloria para sempre. Amén. 19  Saúda da miña parte a Prisca e a Áquila, e ós da casa de Onesíforo. 20  Erasto quedou en Corinto e a Trófimo deixeino enfermo en Mileto. 21  Fai todo o posible por chegar antes do inverno. Éubulo mándache saúdos, e tamén Pudente, Lino, Claudia e tódolos irmáns. 22  Que o Señor estea co bo espírito que demostras. Que a súa bondade inmerecida estea con vós.

Notas ó pé

Ou “exhorta”.
Ou “arte”.
Ou “saudable”.
Ou “que lles digan o que queren oír”.
Ou “sigue predicando as boas noticias”.
Ou “unha libación”. Ver glosario ofrenda líquida.
Ver glosario día de xuízo.
Ou “esta era”. Ver glosario sistema.
Ou “porque é útil para min”.
É dicir, os rolos de coiro.