Segunda Carta a Timoteo 3:1-17

  • “Nos últimos días virán tempos críticos” (1-7)

  • Seguir con coidado o exemplo de Paulo (8-13)

  • “Non deixes de crer as cousas que che ensinaron” (14-17)

    • “Toda a Escritura está inspirada por Deus” (16)

3  Pero debes saber que nos últimos días virán tempos críticos e difíciles de soportar. 2  Porque as persoas só se amarán a si mesmas*, amarán os cartos, serán fanfarronas, arrogantes, blasfemas, desobedientes ós pais, desagradecidas, desleais, 3  non terán cariño natural, non estarán dispostas a chegar a ningún acordo, serán calumniadoras, non terán autocontrol, serán feroces, non amarán o que é bo, 4  serán traidoras, cabezonas, estarán cheas de orgullo, amarán os praceres en vez de a Deus 5  e aparentarán ter devoción a Deus, pero en realidade non vivirán de acordo con esa devoción*. Apártate das persoas que son así. 6  Deste grupo de persoas saen homes que se meten con malicia nas casas, e atraen a mulleres que son débiles por culpa dos seus propios pecados e que se deixan arrastrar por distintos desexos. 7  Estas mulleres están aprendendo sempre, pero nunca conseguen chegar a un coñecemento exacto da verdade. 8  Da mesma maneira que Xanes e Xambres se opuxeron a Moisés, estes homes tamén seguen opoñéndose á verdade. Teñen unha mente totalmente corrompida e Deus non os aproba porque non andan de acordo coa fe. 9  Pero non chegarán moi lonxe porque todos se darán conta de que son parvos*, igual que lles pasou a aqueles dous homes. 10  En cambio, ti seguiches con coidado a miña ensinanza, a miña maneira de vivir, o meu obxectivo na vida, a miña fe, a miña paciencia, o meu amor e o meu aguante. 11  E coñeces a persecución e os sufrimentos polos que pasei, como os que vivín en Antioquía, Iconio e Listra. Aguantei toda esa persecución e o Señor rescatoume en tódolos casos. 12  De feito, tódolos que queren vivir con devoción a Deus como discípulos de Cristo Xesús tamén van ser perseguidos. 13  Pero os malvados e os impostores irán de mal en peor. Enganarán e serán enganados. 14  Pola túa parte, ti non deixes de crer as cousas que che ensinaron e das que te convenciches, porque sabes de quen as aprendiches. 15  E tamén sabes que desde ben pequeno* coñeces os santos escritos, que che poden dar a sabedoría necesaria para conseguir a salvación grazas a ter fe en Cristo Xesús. 16  Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil para ensinar, para censurar*, para rectificar as cousas* e para educar de acordo co que está ben*, 17  para que o servo de Deus estea totalmente capacitado e completamente preparado para facer todo tipo de boas obras.

Notas ó pé

Ou “serán egoístas”.
Ou “estarán negando o poder desa devoción”.
Ou “insensatos”.
Ou “desde a infancia”.
Ou “reprender”.
Ou “corrixir”.
Ou “disciplinar de acordo coa xustiza”.